12 de outubro

Un día máis, un festivo con partido máis, o Compos chega a esta data sen coñecer a vitoria. Tres precedentes negativos, con Betis, Barcelona e Alcorcón e unha actuación de Ronaldo que non se esqueceu en 21 anos e que tardará outros tantos en desaparecer das mentes dos amantes deste deporte.


12 de outubro de 1991. 
Na primeira tempada da historia do noso equipo na Segunda división, nun comezo con só unha vitoria nos primeiros oito partidos, o Compos sumou o seu cuarto empate en sete xornadas ante un Betis que tampouco foi quen de ver portería.
O Compos de Castro Santos, formado por Docobo, Tono, Modesto, Cea, Bellido, Juan, Cortés, Núñez, Toni, Pichi Lucas e Juanito, aos que engadir a Ohen e Moure; non puido adiantarse ante o conxunto sevillano nun partido sen moita emoción nin ocasións. Un resultado que non deixou contento a ningún dos dous equipos.

12 de outubro de 1996.
Chegamos a un partido que as televisións non nos deixarán esquecer aínda. Unha goleada que encaixaron os nosos ante un bo Barcelona e a mellor versión de Ronaldo, cun dos mellores goles da historia do fútbol. Un partido cun mal comezo e un peor final, cunha defensa que deixou moito que desexar. 
O equipo de Fernando Vázquez, formado por Fernando, Mauro, Bellido, William Amaral, Nacho, Chiba, José Ramón, Passi, Fabiano, Lekumberri e Penev no once titular e Ohen, Manuel e Viedma entrando dende o banco; non tardou nin dous minutos en ir por debaixo no marcador cun gol en propia porta de William Amaral. 
Xa co festival de fútbol de Ronaldo en marcha, Giovanni fixo o segundo ao cuarto de hora e o propio dianteiro brasileiro fixo o terceiro para os seus antes do tempo de lecer. Ademais, o '9' culé anotou o cuarto ao arrinque do segundo tempo e Figo asinou o quinto. Xa sen nada polo que loitar, Ohen fixo o único gol local. 

12 de outubro de 2003.
E rematamos cunha nova derrota. Na despedida branquiazul da Segunda B ata seis anos despois, o Compos perdía tal día coma hoxe en Santo Domingo ante un Alcorcón que salvou a categoría sen problemas.
Con Pichi Lucas no banco, un once formado por Carlos, Mato, David Rey, Chema, Jesús Torres, Fran Caínzos, Fidalgo, Anxo, Seoane, Bossa e Chico e Rodri, Julián e Romerito entrando dende o banco de suplentes; o Compos non foi quen de sacar algo positivo do campo madrileño. De feito, o equipo local non precisou máis de cinco minutos para adiantarse cun gol de Dani Ruiz e antes do tempo de sentenciaron a vitoria cun tanto de José Alberto dende os once metros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario