9 de outubro

Dúas vitorias e unha derrota do noso Compos un día coma hoxe dende 1994 co segundo derbi galego na historia do noso clube, primeiro fóra de San Lázaro. Un día positivo coa Primeira, a Segunda e a Terceira división na axenda.

9 de outubro de 1994.
Perdido o primeiro derbi ante o Deportivo unha semana antes, os tres puntos viaxarían cara Santiago unha xornada despois dende Balaídos logo de superar a un Celta que non foi quen de manter a súa vantaxe no marcador.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Galdames, Nacho, Lekumberri, Passi, Fabiano, Abadía e Paniagua, aos que engadir a Ohen e Pichi Lucas; non foi quen de adiantarse ante un bo Celta dirixido por Carlos Aimar. De feito, o equipo celeste púxose por diante cun gol dende os once metros de Gudelj, que anos despois asinaría polo equipo da capital. 
Para o Compos, o mellor foron os trocos. De feito, Pichi Lucas anotou o empate cando só levaba un minuto sobre o terreo de xogo mentres que Ohen, que entrou no tempo de lecer, fixo o segundo menos de cinco minutos despois.

9 de outubro de 1999.
Xa na Segunda división, o Compos caía hai hoxe 18 anos contra o Córdoba en San Lázaro. Un partido que non se decidiu ata o treito final malia ir por diante o conxunto andaluz toda a segunda metade mantendo con opcións aos nosos.
Nun moi mal momento da tempada, logo de tres xornadas sen gañar, o Compos de David Vidal recibía ao Córdoba co único obxectivo de facerse cos tres puntos. Para iso, o adestrador galego buscou os tres puntos cun once formado por Ponk, Mauro, Saula, William Amaral, Villena, Viedma, Nacho, Díaz, Lekumberri, Mauricio e Changui, aos que engadir a Cabarcos, Rubén Estévez e Roberto. Un equipo que non puido ante un Córdoba que se adiantou no primeiro tempo cun gol de Diego Ribera e que sentenciou o encontro con outro de Rafa Navarro xa co tempo cumprido.

9 de outubro de 2016.
E pechamos o día cunha cita da pasada tempada, na Terceira división. Hai xusto 365 días, o Compos superaba ao Racing Vilalbés en San Lázaro, nun partido entre grandes da categoría e marcado, en gran parte, polo alto número de cartóns vistos polos xogadores dos dous equipos cun expulsado no conxunto lugués.
Con Yago Iglesias no banco da Esedé e un once formado por Cedrón, Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo, Make, Samu, Diego Rey, Tomás, Rubén e Santi, aos que engadir a Nogueira, Julián e Cardeñosa; o Compos asinou unha vitoria moi importante ante un dos que semellaba ser un rival directo na loita pola promoción de ascenso, finalmente lonxe da nosa man o pasado curso. Non obstante, eses tres puntos quedaron na casa grazas a un gol de Nogueira a quince minutos para o final do encontro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario