Logo do empate de onte ante o Arousa en San Lázaro e a poucas horas de visitar ao Alondras, hoxe hai tres novos precedentes na historia recente do noso equipo. Dúas vitorias e unha derrota nun bo encontro dos nosos con dous derbis e un enfrontamento especial contra un rival histórico do fútbol español.
30 de outubro de 1994.
O Compos pechaba o seu segundo mes na Primeira división cunha vitoria ante o Logroñés en San Lázaro. Un triunfo importante e histórico que supoñía, ademais, a cuarta consecutiva dos nosos sen coñecer a derrota, con empate no Bernabeu e vitoria en Balaídos incluídas.
Contra o conxunto rioxano, con Jubera nas súas filas, Castro Santos sacou un once formado por Iru, Bellido, Tocornal, Villena, Nacho, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Passi, Ohen e Christensen, aos que engadir a Pichi Lucas e Moure. Sobre o campo, Lekumberri adiantou aos nosos á media hora de xogo e Christensen pechou a vitoria a dez minutos para o final.
30 de outubro de 2013.
19 anos despois, con Fredi no banco, o Compos superou a un gran Celta B en San Lázaro con emoción ata o final e un gol no tempo engadido. Un partido no que os de David de Dios ben puideron saír con algo máis positivo contra unha defensa un tanto feble e que permitíu aos vigueses adiantarse no marcador moi cedo.
O equipo de Fredi saltou ao terreo de xogo cun once formado por Adrián, Jesús, Jorge, Castiñeiras, Jimmy, Yahvé, Peláez, Manu, Gonzalo, Facal e Joselu, aos que engadir a Jordan, Jacobo e Nacho ao longo do encontro. O Celta B, con xogadores importantes coma Borja Iglesias ou o ex branquiazul Fernán, púxose por diante antes dos dez minutos de encontro grazas a un gol de Borja Fernández. Mais, por sorte, Joselu puido empatar pouco despois igualando as forzas e pechou a goleada xa no engadido cun gol dende os once metros.
30 de outubro de 2016.
E rematamos cunha derrota na Segunda B contra o Barco. Hai un ano, o equipo ourensán sumaba unha nova vitoria en San Lázaro nun partido moi igualado e que puido decantarse para calquera lado, cos nosos empatando un resultado adverso.
Con Yago Iglesias no banco, un once formado por Cedrón, David Rey, Cabrejo, Taboada, Saro, Julián, Diego Rey, Make, Tomás, Santi e Mitogo e Mon, Martín e Nogueira partindo dende o banco de suplentes; o Compos non tardou en verse por debaixo no marcador, logo dun gol de Ivi Vales. O mesmo dianteiro foi tamén autor do segundo gol valdeorrés, xa no segundo tempo. Por sorte, a entrada de Nogueira serviu para mellorar en ataque, con gol do dianteiro santiagués para logo de dez minutos sobre o terreo de xogo para recortar diferenzas. Un gol que serviu para espertar aos nosos, que non tardaron nin cinco minutos en empatar cun gol de Mitogo ante os seus ex. Mais o Barco adiantouse unha vez máis, a cinco minutos para o final, cun gol de David Álvarez.

Ningún comentario:
Publicar un comentario