Hoxe traemos algo de todo. Para ir abrindo boca esta fin de semana, traemos vitorias, empates e algunha que outra derrota en derbis e dúas citas importantes na Copa do Rei de agasallo.
7 de outubro de 1990.
Hai hoxe xa 27 anos, o Compos visitaba ao UP Langreo na Segunda B. Un equipo, o asturiano, no que arrincaba a súa carreira profesional un Ángel Lekumberri que chegaría ao máis alto da man do Compos con Castro Santos no banco.
O adestrador de Poio era, ademais, o adestrador do Compos nesa tempada do ascenso á Segunda división e ante o Langreo sacou un equipo formado por Docobo, Víctor, Tono, Cea, Cao, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure, aos que engadir a Caneda e Mella no segundo tempo. Un equipo que non foi quen de superar aos asturianos, que fixeron o gol da vitoria no treito final do xogo sen opcións de reacción.
7 de outubro de 1992.
Despois de dúas vitorias ante equipos cataláns, Figueres e Sabadell, chegaba a San Lázaro o histórico Castellón. Un equipo que, na Segunda división, foi quen de sumar un punto importante na nosa casa. Un punto... sen goles.
Con Fernando Castro Santos aínda no banco da Esedé, con Docobo, Víctor, Modesto, Tocornal, Bellido, Nacho, Bodelón, Fabiano, Cortés, Camilo e Moure no once titular e Ochoa e Maric entrando no segundo tempo, o Compos non puido superar ao Castellón de Causanilles nun xogo que rematou sen goles, pouca emoción e catro cartóns amarelos por cada lado.
7 de outubro de 1993.
Unha tempada despois, na do ascenso á Segunda división, chegaba unha goleada en San Lázaro ante un sempre perigoso Espanyol, adestrado por Camacho. Unha goleada que saiu cara aos dous equipos cun total de tres cartóns vermellos na segunda metade e ata dous goles dende os once metros.
Terceiro precedente e terceira ocasión na que atopamos a Castro Santos á fronte da Esedé, cun once formado por Iru, Víctor, Tocornal, Bellido, Goyo, Cea, Toni, Abadía, Fabiano, Ohen e José e Moure e Bodelón saíndo dende o banco de suplentes. Un equipo que non foi quen de adiantarse no primeiro tempo mais non precisou máis de cinco minutos no segundo para facer o primeiro, obra de Fabiano dende os once metros. Un gol que trouxo outra boa nova para os nosos coa primeira expulsión no conxunto catalán.
O bo traballo dos nosos foi tamén recompensado quince minutos despois co gol de Ohen. Non obstante, un minuto despois chegou a mala nova do encontro coa expulsión de Moure, que entrara no tempo de lecer. Con igualdade numérica sobre o terreo de xogo e dous goles de diferenza, houbo que agardar ata os dez minutos finais para primeiro ver a segunda expulsión no conxunto 'perico', a de Albesa, e minutos despois o terceiro, tamén de penalti, de Tocornal.
7 de outubro de 1998.
Da tempada do ascenso á Primeira división pasamos á primeira logo de estar entre os grandes, cinco anos despois. Tamén en San Lázaro, chegaba hai 19 anos a UD Las Palmas coa intención de confirmar o seu pase á seguinte rolda da Copa do Rei.
Logo de perder en terras canarias días antes, Maceda e compañía tiñan que superar aos de Castellano por máis de dous goles de diferenza. Para iso, sacou un once formado por Carlos, Coira, Toño Castro, Bellido, Viedma, Agirretxu, Popov, Chiba, Fabiano, Passi e Mauricio, aos que engadir a Prieto, que só durou dez minutos sobre o campo, e Mauro, que entrou polo anterior. Non obstante, este equipo só foi quen de facer un gol, obra de Viedma, que deixaba fóra ao Compos da Copa do Rei rompendo unha xeira de tres derrotas consecutivas.
7 de outubro de 2003.
E seguimos coa Copa para falar dunha nova eliminación. Unha derrota ante o Deportivo nun partido que deixou máis que falar polo que pasou fóra do campo. Un derbi cunha gran rivalidade e que supuxo a quinta derrota dos nosos en oito partidos, nunha tempada para esquecer na Segunda B.
O Compos de Pichi Lucas recibía hai 14 anos ao Deportivo de Irureta en San Lázaro nun partido que deixou moito que desexar. De feito, os coruñeses non tiveron moito que sufrir para gañar pola mínima, cun equipo formado por homes coma Munúa, Scaloni, Capdevila, Fran, Djalminha e compañía. Pola nosa parte, a Esedé saltou ao terreo de xogo con Carlos, Mato, Jesús Torres, Chema, David Rey, Fidalgo, Luigi, Bossa, Seoane, Anxo e Chico, aos que engadir a Romerito, Caínzos e Julián. O gol, o único salientable, foi obra de Diego Tristán a dez minutos para o final.
7 de outubro de 2012.
E rematamos cun precedente de hai cinco anos contra un equipo que está a vivir o mellor momento da súa historia. Noutra tempada con final feliz, neste caso na Terceira división, o Compos non era quen de volver cos tres puntos do Baltasar Pujales.
Aínda con Anxo Casalderrey no banco, un posto no que durou dúas semanas máis, e un once formado por Adrián, Borja, Castiñeiras, Catú, Germán, Kolman, Gonzalo, Manu Rodríguez, Bautista, Franqueira e Uru, aos que engadir a Rendo, Jimmy e Louro; o Compos foi quen de adiantarse cun gol de Gonzalo dende os once metros nun bo arrinque, que quedou aí. Logo do gol, o Bouzas mellorou e igualou o marcador cun gol de Pardavila só un minuto despois. E para completar a caída, cinco minutos despois Facal fai un penalti co que ve o cartón vermello e gol de Yahvé para os vigueses.

Ningún comentario:
Publicar un comentario