5 de outubro

Hoxe temos un pouco de todo. Algunha vitoria, algún empate e, como xa é habitual, algunha que outra derrota do noso Compos en Primeira, Segunda e Segunda división B ante algún rival coma Mallorca ou Xetafe con tres das cinco citas xa en San Lázaro.


5 de outubro de 1997.
Comezamos co prato forte do día. Hai hoxe 20 anos, o Compos en Primeira recibía ao Mallorca, agora en horas baixas ao igual ca os nosos, nun partido que rematou con goles e reparto de puntos. Un empate que tampouco serviu para evitar o descenso de categoría logo de catro anos entre os grandes.
O Compos de Fernando Vázquez, formado por Rafa Gómez, Mauro, Bellido, Villena, Nacho, Popov, José Ramón, Fabiano, Passi, Ohen e Penev no once titular e Saula, Lekumberri e Llorente entrando dende o banco; puxo contra as cordas ao Mallorca de Héctor Cúper con Valerón e compañía, subcampión de Copa ese mesmo curso. 
Un partido que comezou cun penalti anotado por Amato aos dous minutos para os baleares. Mais, porén, o Compos puido darlle a volta ao marcador en vinte minutos grazas aos goles de Penev, dende os once metros, e Ohen. Un triunfo branquiazul que non se puido dar logo do gol de Romero a quince minutos para o final.

5 de outubro de 2001.
E dun descenso á Segunda división pasamos a unha tempada que rematou cun ascenso á categoría de prata. Foi, ademais, a única vitoria tal día coma hoxe ante o primeiro filial que nos atopamos. En Mareo, ante o Sporting B, chegou un triunfo con tres goles moi diferentes. 
Con Duque no banco, Rafa Gómez, Biscay, Manu, Adriano, Castiñeiras, Chema, Pignol, Bossa, Pedro Aguado, Mino e Juanito no once titular e Corredoira, André Luiz e Rubén Estévez entrando dende o banco de suplentes; o Compos púxose por diante antes da media hora cun gol de Adriano dende o punto de penalti. Xa no segundo tempo, Mino puxo terra de por medio e José Carlos anotou o terceiro e definitivo en propia porta. 

5 de outubro de 2002.
Un ano despois, na Segunda división, o Compos non puido sequera puntuar ante o Xetafe no Coliseum Alfonso Pérez. Un mal partido dos nosos e vitoria cómoda dos madrileños no segundo tempo con dous goles. Unha vitoria para os locais que serviu para seguir con bo paso cara a permanencia. 
A Esedé, dirixida por Duque e con Oliver, Corredoira, Chema, Adriano, Pignol, Caínzos, Álvaro Varela, Pedro Aguado, Lima, Juanito e Maikel no once titular e Sequeiros, Fidalgo e Arquero saíndo dende o banco de suplentes; aguantou todo o primeiro tempo en Madrid ante un Xetafe que se adiantou aos trece minutos logo da reanudación cun gol de Borja. El mesmo foi, ademais, o encargado de pechar a vitoria azulona xa sen tempo posible de reacción dos nosos.

5 de outubro de 2003.
O ano seguinte, un mal ano na historia do noso clube por máis dunha razón, na Segunda B tamén houbo fútbol tal día coma hoxe. De feito, o Casetas, un equipo humilde de Aragón, visitaba San Lázaro para facerse cos tres puntos. 
O equipo de Pichi Lucas, formado por Felipe, Mato, Castiñeiras, Chema, Caínzos, Luigi, Anxo, Rodri, Fidalgo, Seoane e Chico, aos que engadir a Sagna e Bossa; conseguiu adiantarse no marcador grazas ao primeiro tanto de Chico. Unha ledicia que non durou máis de tres minutos. Agustín Salas, de feito, non só empatou o encontro senón que, ademais, conseguiu darlle a volta ao resultado seis minutos máis tarde. Por sorte, a primeira inferioridade no marcador durou tres minutos, ata que Chico anotou o segundo empate da tarde. Non obstante, o Casetas fíxose cos tres puntos cun terceiro gol xa no engadido afundindo aos nosos na táboa un pouco máis. 

5 de outubro de 2014.
E rematamos na volta do equipo á Segunda B con Iñaki Alonso ocupando o posto de adestrador e ante o Celta B de Fredi Álvarez e pezas importantes coma Iván Villar, Álvaro Casas ou un tal Borja Iglesias. 
O Compos, formado por Ramón, Josu, Portela, Alcañiz, Jimmy, Manu, Moreira, Iván Moya, Quim, Fondevila e Navarro, aos que engadir no segundo tempo a Teles, Mon e Mensha; non tardou en verse por debaixo no marcador ante un filial celeste superior. De feito, un santiagués foi quen de adiantar aos vigueses aos doce minutos. Un gol de Borja Iglesias, o mellor dianteiro galego do momento, que serviu para levar aos seus por diante ao final do primeiro tempo. Na segunda metade, Thaylor encarrilou a vitoria celeste e só Jimmy puido arranxar o resultado co gol local. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario