Tal día coma hoxe, San Lázaro abriu as súas portas ata en tres ocasións para recibir a tres rivais importantes na historia recente do noso equipo. Lleida, Barcelona B e Cultural Leonesa visitaron a nosa casa dende 1993 saíndo da capital un total de 4 dos 12 puntos en xogo.
10 de outubro de 1993.
Nunha tempada case imposible de esquecer, cun ascenso para a historia ao final, atopamos unha cita importante na Copa do Rei. Un Compos gañador, só perdera antes ante o Lugo na segunda xornada do campionato, recibía na casa, en Santa Isabel neste caso, a un Lleida que loitaba na Primeira división por primeira vez na súa historia, e única ata o momento.
A superioridade do equipo catalán, de categoría superior, fíxose ver sobre o verde da capital galega, mais a sentenza chegou a domicilio. Para a ida, Castro Santos saiu cun once formado por Docobo, Víctor, Tocornal, Bellido, Cea, Goyo, Abadía, Fabiano, Óscar, Ohen e Pichi Lucas, aos que engadir durante o segundo tempo a Modesto e José. Un partido que comezou gañando o conxunto visitante cun gol de Virgilio pero que rápido conseguiu empatar Abadía. Non obstante, Aguilà fixo o segundo para os seus a cinco minutos para o final.
10 de outubro de 1998.
De novo na Segunda división, o Compos recibía hai 19 anos ao Barcelona B en San Lázaro. Un partido que se levaron os nosos contra xogadores da talla de Xavi Hernández e Carles Puyol, campións de todo tanto co primeiro equipo blaugrana coma coa Selección Española deixando unha pegada case insuperable no deporte nacional.
Un partido moi igualado entre o equipo de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, Coira, Bellido, Tabuenka, Viedma, Agirretxu, Chiba, Fabiano, Passi e Mauricio, aos que engadir a Popov, Baston e Lekumberri; e o filial barcelonista. Encontro que comezou cun gol de Fabiano dende os once metros dende o punto de penalti e que non se decidiu ata o engadido, con goles de Baston e Luis García deixando os tres puntos na capital galega.
10 de outubro de 2015.
E deixamos aos equipos cataláns para lembrar un precedente contra a Cultural Leonesa na nosa última tempada na Segunda B, á que semella que non tardaremos en volver. Un partido que rematou con reparto de puntos entre galegos e casteláns e sen goles que comentar.
O equipo de Iñaki Alonso, que deixaría o cargo semanas despois, formado por Pato, Jesús Varela, Catú, Sergio, Jimmy, Joaquín, Moreno, Marcos, Rubén Sánchez, Chiño e Fondevila, aos que engadir a Goti, Dani Hernández e Mon; non foi quen de anotar ante unha Cultural Leonesa superior e que se topou cunha gran versión de Pato. E a falta de goles, para variar, aparecen as expulsións en 'Casa Compos', nesta ocasión de Javi Moreno por dobre amonestación a dez minutos para o final.

Ningún comentario:
Publicar un comentario