Por fin! Chegan de novo os bos resultados na historia do noso Compos. Hoxe temos tres novos precedentes na historia branquiazul recente con citas nas tres primeiras categorías do fútbol español. Dous triunfos e un empate para un bo día ao longo dos últimos 25 anos.
4 de outubro de 1992.
Arrincamos hai un cuarto de século cunha vitoria da Esedé a domicilio, en terras catalás. Os tres puntos viaxaron cara Santiago dende a Nova Creu Alta grazas a un so gol dos nosos nun segundo tempo con moita emoción.
O Compos de Castro Santos, formado por Docobo, Tono, Modesto, Tocornal, Bellido, Juan, Nacho, Bodelón, Fabiano, Maric e Moure no once titular e Cortés e Víctor entrando dende o banco; chegou ao tempo de lecer sen conseguir poñerse por diante nun xogo con moitas faltas e cartóns. Mais, no segundo tempo si chegou o tanto do triunfo, obra de Fabiano. Non obstante, os problemas para o Sabadell empeoraron nos intres finais coas expulsións de Añón e Tarsi rematando con nove.
4 de outubro de 1995.
Tres anos despois, xa entre os grandes, Compos e Raio Vallecano se enfrontaban de novo, por primeira vez na Primeira división. Un partido que, ao igual que no Tartiere, gañou a Esedé, aínda que nesta ocasión foi pola mínima superando a Wilfred.
Fernando Vázquez no banco. Falagán, Bellido, Tocornal, Villena, Nacho, José Ramón, Fabiano, Eraña, Lekumberri, Christensen e Ohen no once titular e Virgilio, Paniagua e Mauro saíndo dende o banco. Un partido difícil, con menos importancia ca o do ano anterior, e que se decantou do lado local grazas a un gol de Christensen poucos minutos antes do tempo de lecer.
4 de outubro de 2009.
E rematamos cun partido de hai oito anos ante a xa desaparecida SD Lemona. Un partido, na Segunda B, que rematou co terceiro empate da tempada nun curso onde non se coñeceu a vitoria ata a xornada 12, no mes de novembro. O máis curioso é que tres dos catro goles do encontro chegaron dende os once metros.
Con Chus Baleato no banco e Pablo Castro, Catú, Cholo, Toño, Rego, Jimmy, Gonzalo, Rocha, Monti, Sestelo e Iván no equipo titular ademais de Mariño, Rubén Márquez e Angelo saíndo no segundo tempo; o noso equipo non puido comezar peor que cun penalti de Cholo que materializou Apraiz. Por sorte, antes do tempo de lecer, Iván conseguiu o único gol do encontro que non chegou dende o punto de penalti.
Na segunda metade, Rocha puxo por diante aos nosos, tamén de penalti, cun gol que puido ser definitivo. Pero a sorte non estaba do lado dos nosos e a dous minutos para o final, penalti de Mariño e gol de Gallo para empatar de novo unha guerra que rematou coa expulsión de Cholo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario