Novo día e novos precedentes na historia recente do noso equipo. Tal día coma hoxe, hai que falar de ata catro partidos dende 1993 ata 2015. Catro encontros, catro saídas e catro derrotas nun día que non parece dárselle ben aos nosos. Dous equipos xa desaparecidos e refundados como son o Real Burgos e o Extremadura, únense un día coma hoxe a Hércules e Real Valladolid B.
3 de outubro de 1993.
Seguimos cunha das tempadas máis recordadas da historia da Esedé: a do ascenso á Primeira división. E logo de cinco xornadas de Liga e dous encontros na Copa do Rei, falamos da segunda derrota branquiazul do curso, nesta ocasión a mans dun Real Burgos, que desapareceu tras xogar tamén na Primeira división, con dous goles nos minutos finais.
O equipo de Castro Santos, formado por Iru, Víctor, Cea, Bellido, Goyo, Bodelón, Abadía, Fabiano, Ohen, José e Moure, aos que sumar a Toni e Óscar; saltou ao terreo de xogo coa intención de conquistar El Plantío. Non obstante, logo dun primeiro tempo sen goles, Edu adiantou aos locais no arrinque do segundo. Un gol que rápido igualou Fabiano asinando o tanto do empate a media hora para o final.
O resultado mantívose durante vinte minutos máis ata que, nos últimos dez minutos, marcaron Joseba Agirre e Limperger para dar os tres puntos ao conxunto castelán.
3 de outubro de 1998.
E da tempada do ascenso pasamos á primeira despois de loitar entre os grandes. Unha nova derrota, nesta ocasión a mans do Hércules, na Segunda división. Un partido, no Rico Pérez de Alicante, e que puido rematar de mellor xeito de non ser pola mala sorte, ou a falta de puntería, dos nosos.
O Compos de Maceda, formado por Rafa Gómez, Mauro, Coira, Villena, Toño Castro, Agirretxu, Fabiano, Quiroga, Lekumberri, Passi e Prieto no once titular e Baston, Bellido e Popov saíndo dende o banco de suplentes; comezou por diante grazas a un gol de Fabiano dende os once metros aos cinco minutos.
O conxunto alicantino soubo reaccionar rápido e ben. De feito, antes do tempo de lecer non só conseguiron igualar o resultado senón que, ademais, conseguiron poñer terra por medio. Espejo, Lledó e Risso anotaron tres goles cos que remontar e deixar case pechado un resultado que só cambiou cun gol de Prieto no segundo tempo.
3 de outubro de 1999.
Ante outro equipo extinto, o Extremadura CF, o Compos non puido sumar os tres puntos. O Francisco de la Hera agochaba tres puntos... e alí quedaron logo de tres goles locais nos primeiros corenta e cinco minutos.
O Compos de David Vidal, con Ponk, Mauro, Saula, William Amaral, Villena, Cabrejo, Viedma, Díaz, Lekumberri, Gudelj e Changui no once titular e Roberto, André Luiz e Mauricio saíndo dende o banco de suplentes; non puido cun Extremadura que se adiantou cun gol de Viaud dende os once metros. O segundo, cinco minutos despois, foi obra de Duré e Manuel deixou case pechado o partido antes do tempo de lecer. William Amaral anotou o único gol branquiazul nun segundo tempo no que Gudelj foi expulsado.
3 de outubro de 2015.
E falando de derrotas... hai que rematar coa sufrida hai dous anos en Valladolid. Ante o filial branquivioleta, a Esedé non puido conseguir un resultado mellor nun xogo que non se definiu ata o final.
O equipo dirixido, supostamente, por Iñaki Alonso e formado por Pato, Josu, Catú, Sergio, Jimmy, Marcos, Goti, Jordan, Orbegozo, Fondevila e Dani Hernández no once titular e Javi Moreno, Oliva e Rubén Sánchez saíndo dende o banco; non puido co de Albés, actual adestrador do Celta B, nun partido onde os nosos puideron adiantarse cun penalti que errou Jordan, ou máis ben que evitou o porteiro. Logo dese erro, Caye Quintana e Adrián fixeron os dous goles locais para deixar os tres puntos no Anexo do José Zorrilla nun mal partido en xeral.

Ningún comentario:
Publicar un comentario