Agardando xa unha nova fin de semana, coa que arrincarán 8 días moi importantes para a tempada da Esedé, temos tres novos precedentes na historia recente do noso clube. Tres citas que deixan moito que desexar en canto a resultados comezando na Primeira división e rematando na Segunda B, sempre a domicilio e con dúas derrotas e un empate.
26 de outubro de 1997.
Comezamos na tempada do descenso á Segunda división. O equipo dirixido en boa parte do campionato por Fernando Vázquez visitaba tal día coma hoxe ao Real Betis onde os de Luis Aragonés asinaron tres puntos moi importantes para acadar un dos postos que daban opción a xogar a UEFA.
O cadro de Fernando Vázquez, formado por Ponk, Mauro, Saula, Bellido, Nacho, Lekumberri, Fabiano, Passi, José Ramón, Manuel e Penev, aos que engadir a Chiba e Llorente, non puido facer gran cousa contra un Betis que se fixo cos tres puntos grazas a un gol de Alexis no primeiro tempo cun lanzamento dende os once metros ante o que nada puido facer Ponk.
26 de outubro de 2003.
Por segundo día consecutivo temos un precedente contra o filial do Real Madrid. E, de novo, derrota contra o equipo de López Caro nun partido no que máis da metade do equipo titular do Compos rematou con cartón amarelo ou, no caso de Gelo, expulsado cun cartón vermello directo.
Con Pichi Lucas no banco, un once formado por Carlos, Mato, Gelo, Rubén, Chema, Castiñeiras, Anxo, Fidalgo, Seoane, Rodri e Chico e Bossa, Caínzos e Sagna entrando de suplentes; o Compos foi quen de aguantar todo o primeiro tempo sen encaixar ningún gol mais non houbo tanta sorte na segunda metade, onde Jurado fixo o primeiro de penalti e Soldado pechou a vitoria dun equipo con homes coma Arbeloa, Trashorras e Juanfran.
26 de outubro de 2014.
E pechamos o día cunha visita a Langreo hai 3 anos. Un empate importante e complicado do equipo dirixido por Iñaki Alonso no Nuevo Ganzábal nunha nova cita dos nosos a domicilio que deixou moito que desexar en canto a xogo.
Un Compos formado por Ramón, Portela, Castiñeiras, Catú, Jimmy, Teles, Manu, Marcos, Fondevila, Mensha e Jordan, aos que engadir a Moreira, Navarro e Quim; non foi quen de adiantarse ante un Langreo que non desaproveitou a súa mellor oportunidade, a balón parado no segundo tempo, para poñerse por diante no marcador. Por sorte, apareceu Teles minutos despois para darlle un punto a un equipo negado de cara a porta e que conseguiu a igualada nun dos mellores goles da tempada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario