2 de outubro

Novo día e novos precedentes na historia recente do noso equipo. Un día, este 2 de outubro, no que temos dous encontros que lembrar e, curiosamente, dous empates tanto na Primeira coma na Terceira división do fútbol nacional con Sporting de Xixón e Dubra coma rivais.


2 de outubro de 1996.
Hai xa 21 anos, a Esedé visitaba o campo de El Molinón, en terras asturianas. Un encontro complicado ante un rival adestrado por Benito Floro e con algún xogador importante coma Julio Salinas, xa case no final da súa carreira logo de gañar todo, ou case, nas filas do FC Barcelona. 
Con Fernando Vázquez no banco e un once formado por Falagán, Mauro, Bellido, William Amaral, Nacho, Eraña, Fabiano, Passi, José Ramón, Lekumberri e Penev, aos que engadir a Manuel e Chiba entrando dende o banco de suplentes; a Esedé comezou por debaixo no marcador logo dun gol de Salinas aos dez minutos. Un resultado positivo para o conxunto local que recibiu un pau xa no engadido cun gol de Penev, que mandaba un punto directo cara Santiago. 

2 de outubro de 2016.
Vinte anos pasaron para que o Compos volvera a xogar na mesma data. Xa na Terceira división, a Esedé visitaba tal día coma hoxe á SD Dubra, no Municipal de Bembibre. Un partido con emoción ata o final e que non se definiu ata o tempo engadido no que, ademais, se puideron ver dous goles máis, un por equipo. 
O equipo de Yago Iglesias, formado por Lucas, Saro, David Rey, Taboada, Cabrejo, Samu, Make, Tomás, Mitogo, Martín e Nogueira, aos que logo sumar a Mon, Diego Rey e Santi; comezou o encontro con bo pé, facendo o primeiro tanto do xogo mediado o primeiro tempo por obra de Tomás. Xa no segundo tempo sería Cholo o encargado de igualar o resultado e, no engadido, Díaz facía o segundo dos locais. Por sorte, nun final intenso, Santi anotou o gol que daba un punto á Esedé.

Ningún comentario:

Publicar un comentario