Amosando publicacións coa etiqueta Mercado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mercado. Amosar todas as publicacións

Reforzos

 Despois da chegada de Diego González, o Compos segue a reforzar o equipo e faino con dúas chegadas nos últimos días. Manu Rivas, que volve ao equipo no que se formou aínda como sub-23, e Javier Rabanillo, que xa soaba para o cadro branquiazul nos últimos días e que asinou tamén por unha tempada polo cadro santiagués. 

 Manu Rivas, xogador formado na canteira do Bertamiráns, chegou por primeira vez ao Compos en idade xuvenil deixando moi boas actuacións e chamando a atención, logo de dúas tempadas, do Deportivo para participar nunha tempada histórica do xuvenil deportivista. Rematada a súa etapa formativa, volvería a pertencer á base branquiazul pasando a xogar no Sigüeiro e sendo unha peza base na banda esquerda, sendo o lateral titular en gran parte do curso 22/23. 

 A súa campaña nas filas do filial compostelanista abriulle a porta da Terceira división, asinando unha tempada polo Atlético Arteixo co que pelexou ata o final por entrar na promoción de ascenso á Segunda Federación. Vinte e cinco partidos, vinte e tres como titular, para un lateral que asinou un total de catro goles tendo a oportunidade de volver ao equipo co que debutou no 2021 ás ordes de Yago Iglesias contra o Marino de Luanco, na segunda fase. Asina por unha tempada máis outra opcional. 

 Pola súa parte, Javier Rabanillo chega a Santiago despois de ser un dos porteiros destacados da pasada tempada. O asturiano tomará o relevo de Pato baixo os paus de San Lázaro despois de participar na fase de ascenso á Primeira Federación co Guijuelo a pasada tempada. Titular indiscutible, desputou un total de trinta e seis partidos entre liga, fase de ascenso e Copa do Rei. Antes, Talavera, Sestao, Marino de Luanco ou Barakaldo entre outros. 

 En canto ás renovacións, de momento non hai máis novidades. Pendente aínda saber o futuro de Roque, Jaime Santos e Parapar, os tres con ofertas de renovación. E se falamos de fichaxes, varios nomes se manexan nos últimos días, destacando a presenza de xogadores sub-23 da Terceira e Segunda Federación. 

Os primeiros movementos

 Hai xa un mes que rematou o camiño do Compos na tempada 24/25 e comezou a preparación do novo curso. De momento, nos despachos, xa hai movemento e podemos contar coa renovación do corpo técnico, liderado por Antón Permuy, que pechou a tempada pasada. Con el, unha renovación xa confirmada e ata nove baixas. Tamén chegou a primeira fichaxe para un equipo que buscará os postos altos. 

 Comezamos coa renovación. Ademais da do corpo técnico, seguirá no equipo Samu. O centrocampista do Val do Dubra non só sumará a súa novena campaña no clube senón que incluso, tamén, a décima logo de asinar o seu contrato por dúas tempadas. Na 23/24 non puido xogar na primeira metade do campionato, por lesión, pero volveu con todo para acabar recibindo o premio ao mellor xogador do equipo. 

 En canto ás baixas, non tardou en chegar a primeira. Pato non continuará no equipo despois de seis cursos repartidos en dúas etapas. O porteiro uruguaio, xa nos libros de historia do clube, deixa atrás unha etapa de cinco anos na que se confirmou como un dos mellores xogadores dun Compos que tardará en esquecer as súas actuacións e o seu récord de minutos consecutivos sen encaixar. 

 Logo da saída do gardameta, seis de golpe. Roger Escoruela, David Grande, Jordan, Pep Caballé, Manu Ramírez e Antón de Vicente tampouco continúan no equipo. Agás no caso de Jordan, que completou tres tempadas, o resto chegaron entre o verán e xaneiro, da man de Míchel Alonso. A destacar, ademais, o caso do ex de Unionistas, que contaba cun ano máis de contrato e que se rematou despois de só medio ano. 

 E pechamos este capítulo coas dúas últimas. Samu Araújo, que non puido completar a tempada por lesión, e Juampa, que tiña tamén contrato para a vindeira campaña, despídense do clube despois de chegar o verán pasado. No caso do arxentino deixa así o clube por segunda vez despois de ser un dos máis destacados en labores ofensivas na primeira volta. 

 Para finalizar, a fichaxe. Diego González, centrocampista que pode xogar de extremo pola dereita, chega á Esedé e asina por un ano. Nado en Santibáñez de Béjar, en Salamanca, deixa atrás Castela e León por primeira vez despois de xogar no Santa Marta, co que completou a súa etapa formativa; Unionistas, Palencia Cristo Atlético e Guijuelo, cos que deixou moi boas actuacións. No pasado curso desputou un total de trinta e seis encontros nos que anotou tres goles, sendo todos na cita contra o Cayón. 

 Nas vindeiras datas haberá máis novidades e todo apunta a que a seguinte podería ser a renovación de Roque por unha tempada máis. Mentres, o equipo xa vai collendo forma e conta con oito xogadores confirmados. 

Acompañante para a punta

 O Compos segue a reforzarse de cara a esta segunda volta na que hai que dar un paso adiante para poder entrar na fase de ascenso. Despois das voltas de Roque e Samu e as fichaxes de Roger Escoruela e Manu Ramírez, a nova incorporación chega dende o Marino de Luanco, co que deixou boas sensacións na súa recente visita a San Lázaro. David Grande, autor dos dous goles dos asturianos na que é a súa nova casa, reforza o ataque e acompañará a Manu Barreiro en punta. 

 Dianteiro de 32 anos de Torrejón de Ardoz, comezou a súa etapa profesional nas filas do Marchamalo, despois de xogar no Coslada e o Villanueva de la Torre en idade xuvenil. Unha tempada despois deixou o cadro manchego para asinar co Fuenlabrada, onde permanecería ata xaneiro xogando a segunda volta no Illescas. Nas dúas seguintes tempadas formaría parte dos filiais de Albacete e Getafe comezando a súa etapa 'senior' no Algeciras, media tempada, e no Villarrubia a segunda metade da mesma. As seguintes tempadas completaríaas en Alzira, Lealtad e filial do Granada volvendo a dividir un curso en dous equipos na 18/19, xogando primeiro na Ponferradina e despois no filial do Málaga e no seguinte curso repartindo entre Unionistas e Jamshedpur indio. Na súa volta a España defendeu as cores de Calahorra e Xerez Deportivo na 21/22 e Cacereño a pasada campaña. 

 O pasado verán asinaría polo Marino de Luanco co que foi un habitual no once titular e asinou cinco goles, dous deles contra o Compos na visita a San Lázaro neste mesmo 2024. Asina ata final de tempada. 

Defensa pechada

 A semana pasada, no amigable contra o Deportivo, Pablo Crespo sufríu unha dura lesión. Co cántabro fóra de xogo para varios meses, con posibilidade de que non volva durante esta tempada, había que volver ao mercado para reforzar esa parte esquerda da defensa. E apareceu un valenciano de 22 anos, canteirán do Levante, con pasado en Primeira e Segunda Federación. Euse Monzó asina por unha tempada polo Compos. 

 Central e lateral esquerdo, Euse Monzó comeza a súa etapa 'senior' en Santiago. Formado na base do Levante, saíu en 2020 por primeira vez. Nun primeiro momento sería rumbo ao Intercity, que oficializou a súa chegada, pero acabaría chegando ao La Nucía só unha semana despois. Media tempada no cadro alicantino de Segunda B, volveu un ano ao filial valenciano e deixou a súa casa para ir libre ao Huesca, xogando no segundo equipo e contando con algo de minutos no primeiro equipo en Segunda. Un ano e medio en terras oscenses e en xaneiro deste mesmo ano chegou, en calidade de cedido, ao Sanse. 

 En Primeira Federación, co conxunto madrileño, xogou un total de dezaoito partidos rondando case os mil cincocentos minutos en medio curso e convertíndose nun fixo nos plans dun equipo co que non foi quen de salvar a categoría. 

 Agora, chega ao Compos para competir polo posto de titular nunha defensa con Álvaro Casas, David Soto e Kike. 

Damián ten substituto

 A saída de Damián, que se fixo oficial nos pasados días, xa ten tamén o seu substituto. Unha chegada que se puido dar grazas a outra saída doutro xogador con contracto: a de Elliot. Con isto puido chegar Samu Araújo á Esedé coa pretempada xa comezada despois de varios días de negociacións. Unha chegada para a esquerda na que só quedaba Martín Salvador en labores defensivas. 

 Comezamos hoxe coa marcha de Damián. O defensa santiagués foi un dos destacados do pasado curso e iso chamou a atención de varios equipos. Como fixo Durán o ano anterior, tomou camiño a un filial en forma de traspaso e xogará as vindeiras campañas no filial do Betis, con posibilidade de non ser o único ex Compos que alí milite. Vintetrés partidos con case dous mil minutos sobre o verde nos que deixou un golazo. 

 Menos sorte tivo Elliot. O canario chegou e non foi quen de facerse dono da banda esquerda, xogando só dezanove encontros nos que asinou dúas asistencias. Unha baixa que non supuxo sorpresa e que se puido dar antes do primeiro amigable, xa coa chegada de Juampa confirmada. Agora probará sorte no Penya Deportiva balear.

 Coa saída de Elliot, quedaba libre unha ficha 'senior' e coa de Damián, orfo o lateral esquerdo dun titular. Con isto, a dirección deportiva aproveitou para reforzar a posición cun xogador titular e apareceu a oportunidade de Samu Araújo. Canteirán do Celta, pasou tamén polos filiais de Barcelona e Atlético de Madrid. Probou sorte no fútbol polaco volvendo ao fútbol español un ano despois recalando nas filas da Cultural Leonesa, rival dos nosos en pretempada. Un ano despois, Pontevedra sería o destino do vigués co que quedou ás portas dos cincuenta partidos superando os tres mil minutos. 

'Chechu' Meneses reforza a defensa

O Compos xa ten unha das pezas máis desexadas para este final de tempada. 'Chechu' Meneses, balear de 24 anos, chega á Esedé procedente das filas da Sociedad Deportiva Amorebieta, da Segunda división B, para reforzar tanto o centro da zaga coma o lateral esquerdo. Un xogador con experiencia na categoría e que asina ata o 30 de xuño deste mesmo ano. Por outro lado, este mércores fíxose oficial a cesión de Ube cara ao Boiro ata final de tempada buscando os minutos cos que non puido contar no Vero Boquete ata o de agora. 

Xuventude e experiencia. 


Formado nas categorías inferiores do San Francisco, chegou ás filas do xuvenil do Mallorca en 2013 para arrincar no fútbol senior nas filas do Atlético de Madrid C, na Terceira división, onde pasou unha tempada. De volta ás Baleares, pasou ás filas do Formentera, onde foron son subcampións de liga e caeron na primeira rolda da promoción de ascenso. 
Se hai algo que caracterizou a súa carreira ata o de agora foron os filiais. Logo do seu paso polas filas do segundo filial do Atlético, vestiu tamén as camisetas dos filiais de Numancia, na 2016/17, e Extremadura, na primeira volta da 17/18, para pechar esa mesma tempada na Peña Deportiva, tamén balear. 
Durante esta primeira volta, estivo nas filas do Amorebieta, equipo do grupo 2 da Segunda división B, onde non pasou dos 320 minutos de xogo en 5 partidos, sendo titular en 4 e completando 3 deles. 

Outro en busca de minutos. 
Un que entra e outro que sae. Ube abandona o Compos despois da súa chegada á capital hai dous anos e medio, no mercado de verán de 2016, procedente das categorías inferiores do Celta. O vigués non contou con moitos minutos durante estes dous anos e medio, onde xogou 48 partidos en dúas tempadas e media marcando un gol ao Silva na súa primeira campaña e outro ao Arenteiro a pasada.
Agora xogará en calidade de cedido ata final de tempada nas filas do Boiro xunto a Ander e Cardeñosa, cos que xa compartiu vestiario no Vero Boquete. 

Piscu, experiencia para a defensa

Plantel pechado! O Compos xa ten o equipo, formado por 20 homes, que pelexará por unha nova tempada chea de éxitos. Adrián López Rodríguez, máis coñecido sobre os terreos de xogo como 'Piscu' reforza o centro da defensa apuntando a ser unha peza fundamental no cadro branquiazul logo dunha longa carreira chea de éxitos malia sufrir lesións importantes que o apartaron dos terreos de xogo durante máis dun ano.


Comezando na base do As Pontes, o defensa pontés chegou ás categorías inferiores do Depor alá polo ano 2001 para xogar dende o cadete branquiazul ata chegar ao primeiro equipo. Dez anos nas filas do cadro coruñés onde destacou na xuvenil así como no Fabril acadando un ascenso á Segunda B e levando ao equipo ao primeiro posto da categoría de bronce sendo, ademais, o equipo menos goleado da categoría. 
O seu bo facer no filial deportivista levouno ao primeiro equipo, co que se estreou en 2007 fronte ao Espanyol, no mesmo ano no que debutou na Copa do Rei, diante do Mallorca e, de novo, a domicilio. A iso hai que engadir as lesións dos centrais titulares no primeiro equipo abríndolle as portas da titularidade no equipo dirixido por Lotina, quen o preferiu por diante de Aythami na súa segunda tempada como profesional. 
Un total de 26 partidos de Liga na máxima categoría do fútbol español, 10 de Copa do Rei e 8 na Copa da UEFA, contando tamén a fase previa nos que marcou un gol. 
Logo de rescindir o seu contrato na Coruña, buscou sorte en terras inglesas sendo o Wigan Athletic da Premier League o seu novo destino. En Inglaterra tampouco contou con sorte ás ordes de Roberto Martínez, agora seleccionador de Bélxica, xogando 11 partidos co primeiro equipo e probando sorte tamén co equipo de reservas. A nivel de equipo, no que aprendeu a xogar tamén como lateral dereito, hai que engadir que gañou a FA Cup na mesma tempada na que o equipo perdeu a categoría. 
Do Wigan pasou a probar sorte no Montreal Impact, equipo canadiense que xoga na Major League Soccer estadounidense. Non obstante, só puido xogar un partido na Liga de Campións da CONCACAF antes de lesionarse de gravidade no xeonllo, unha lesión que o deixou fóra dos terreos de xogo durante dúas tempadas recaendo nun partido co equipo de reservas, provocando que pasara dous anos case sen poder xogar. 
De volta a Europa, a onde volveu cunha copa canadiense, asinou por seis meses co Aarhus dinamarqués, un equipo co que non puido gañarse a titularidade mais o seu bo traballo si o levou a renovar por outra media tempada rematando o curso no equipo do que saiu no verán. 
Á saída, recaeu da lesión de xeonllo outra vez e pasou outro ano máis sen poder contar con equipo no que xogar pasando polas mans de diferentes médicos grazas aos que puido sentirse futbolista hai un ano no Fredericia, tamén dinamarqués. Na segunda categoría do país nórdico, tardou en facerse un oco fixo no once titular xogando un total de 16 encontros de liga e outros 5 de copa. 
Agora, con 31 anos, chega á Esedé para cubrir a baixa que deixou a marcha de Cardeñosa ao Boiro e acompañará a Uña e Álvaro Casas no centro da defensa. 

O gol chega dende Las Palmas


O Compos segue a reforzar o plantel de cara a un novo curso na Terceira galega, con altas aspiracións, e este venres fíxose oficial a chegada dun dianteiro que promete goles ocupando o posto que deixou baleiro Primo coa súa saída de volta a Cantabria. Aythami Perera, de 23 anos, chega procedente do Las Palmas Atlético, co que xogou parte da pasada tempada formando parte do plantel do segundo filial amarelo. 
Nado en Telde en 1995, comezou a súa carreira deportiva na base do Valdecasas estreándose no fútbol senior nas filas do Telde, na Terceira división, aínda pertencendo ás categorías inferiores. De feito, aínda en idade xuvenil, chegou á Unión Deportiva Las Palmas, co que rematou a súa andanza no fútbol base e asinou o seu primeiro contrato profesional. Non obstante, no seu primeiro ano de senior volveu, en calidade de cedido, ás filas do Telde, en Preferente. 
Á súa volta ao cadro amarelo, foi un dos fixos nas filas do Las Palmas C, co que non puido conseguir o desexado ascenso á Terceira división no seu primeiro curso malia anotar un total de 16 goles en 30 partidos. Si conseguiu ese merecido ascenso este mesmo verán despois dunha tempada na que participou tamén na permanencia do Las Palmas Atlético, en Segunda B, marcando 9 goles en 23 partidos.
O canario poderá xogar tanto en punta coma por banda pelexando polo posto con Santi, único punta que había no equipo ata o de agora. Asina por unha tempada.

Falta un defensa. 
A falta de tres días para arrincar os adestramentos, Yago Iglesias segue á espera dun novo central co que pechar o equipo. Ademais, aínda que sería sorpresa, podería chegar tamén un lateral esquerdo que pelexe polo posto a Álvaro Naveira. 
Para esta pretempada, que arrinca o luns en Conxo, o adestrador ribeirense terá ao seu mando ao porteiro Alex Díaz, os centrais Adrián Loureiro e Jorge Queiruga e os centrocampistas Víctor Vilariño e Marcos Mella. 

Róber tampouco segue


A mañá do mércores rematou coa presentación de Primo co seu novo equipo, ao que volve despois dun exitoso paso pola Esedé, e a tarde rematou coa nova da non renovación de Róber pechando así o capítulo de renovacións con 13 xogadores que continuarán un ano máis ás ordes de Yago Iglesias na Terceira galega. 

Un dianteiro doutra categoría. 
Óscar Manuel Conde Cruz, máis coñecido coma Primo, chegou o pasado verán coa misión de asinar os goles dun Compos con altas aspiracións. Non obstante, superou as expectativas cunha tempada incrible na que sumou, entre liga e promoción de ascenso, 23 goles. Máis de 3.000 minutos de fútbol nos que se deixou todo sobre o terreo de xogo demostrando ser un dos mellores dianteiros da historia branquiazul, por goles e por xogo en xeral, sen dar ningún balón por perdido.
O cántabro foi presentado xa co seu novo equipo este mércores. Despois dun ano no Vitoria e outro na Esedé, Primo volveu para facer goles na Gimnástica de Torrelavega, co que xogou en Santiago un partido de Copa RFEF. 

Róber cambia de aires.
Roberto Fernández Martínez, Róber neste mundo do fútbol, chegou o pasado verán procedente do Choco coa intención de reforzar o equipo branquiazul en traballos ofensivos. E non foi para nada unha mala fichaxe. O porriñés fíxose dono da banda de San Lázaro chegando case aos 3.000 minutos e perdéndose o treito final por unha lesión que non lle permitiu estar no seu mellor estado na promoción de ascenso. 
39 partidos coa elástica branquiazul que pechou cun total de 8 goles, todos en liga e todos importantes. Un xogador que sempre que marcou, o equipo gañou. Unha peza fundamental para Yago e que non será doado substituir. 

Tomás chega a Ourense. 
Tomás Abelleira, que deixou o Compos nos pasados días, xa ten novo equipo. O vigués, que pasou polas filas do Pontevedra antes de chegar a Santiago, seguirá un ano máis na Terceira galega defendendo as cores do Ourense CF. 
Agora, xa só Cardeñosa e Róber quedan por escoller un novo equipo. 

Marcos Remeseiro, reforzo ofensivo


A días de arrincar os adestramentos, o Compos segue a reforzar un plantel xove con moitas renovacións e ilusión por mellorar, dentro do posible, o feito a pasada tempada, case de ensoño. E un día despois da mellor renovación posible, confírmase a chegada ás filas branquiazuis de Marcos Remeseiro, procedente do C.D. Boiro. 
Nado na Coruña en xullo de 1992, Marcos Remeseiro Conde é un mediapunta formado nas filas da base coruñesa, chegou ao Racing de Ferrol para rematar a súa etapa xuvenil debutando co primeiro equipo verde na Segunda B hai xa oito anos. Non obstante, o seu primeiro equipo no fútbol senior non foi outro que o Galicia de Mugardos, filial do conxunto da Malata. 
O curso no cadro ferrolán levouno ás filas do Cerceda, onde pasou outras dúas tempadas con moi pouco protagonismo pero aproveitando ben os minutos cos que puido contar marcando 8 goles antes de chegar, en 2013, ao Fabril. Un paso polo filial coruñés no que tampouco contou con toda a confianza precisa mais si serviu para superar os 2.800 minutos na súa segunda tempada en Abegondo marcando 14 goles en liga, 2 máis na fase de ascenso e debutando co primeiro equipo en Copa do Rei contra o Málaga.
O seu paso pola Coruña abriulle as portas da Segunda B onde sería un fixo. No Somozas, onde pasou unha boa tempada, xogou un total de 35 encontros, 17 deles como titular, superando os 1.800 minutos e sen conseguir ver porta, algo que si puido facer co Depor na pretempada fronte ao Silva. 
O seu seguinte paso nesto do fútbol foi, posiblemente, un paso atrás, polo menos en canto á categoría. Chegou para un curso ao filial do Real Oviedo, na Terceira asturiana, onde fixo un total de 11 goles en 34 partidos quedando ás portas da promoción de ascenso e compartindo vestiario con Álvaro Casas, co que coincidirá de novo esta vindeira tempada. 
Mesma categoría e diferente grupo. Chegou ao Boiro o pasado verán, a un equipo con problemas económicos, razón pola que perdeu a categoría ese mesmo verán, e asinou a súa mellor cifra de minutos de xogo. 2.450 minutos de fútbol nun total de 36 encontros perdéndose unicamente unha cita por sanción e outra por decisión do adestrador nos que fixo 5 goles. 
Agora chega para cubrir o posto que deixou baleiro Tomás coa súa baixa reforzando o ataque branquiazul. Asina por unha tempada con opción a unha segunda.

Primo, a Cantabria.
Outra das novas do día foi a presentación de Primo como novo dianteiro da Gimnástica de Torrelavega, equipo onde militou dúas tempadas sendo campión de liga no grupo 3 da Terceira división.
Dende aquí só queda darlle as grazas por todo o que fixo, sendo unha das pezas máis importantes do proxecto, e desexarlle toda a sorte para o seu futuro.

A nova máis desexada


Se hai un xogador que todos queríamos ver de branquiazul a vindeira tempada é Alex Ares. O de Pontedeume dixo si á oferta de continuidade na Esedé na que será, unha tempada máis, unha das pezas máis importantes do equipo así como un dos mellores xogadores da Terceira galega. 
Determinante nos plans de Yago Iglesias, foi o segundo máximo goleador do equipo en liga sendo, ademais, un fixo nos onces titulares. 34 partidos en liga e 6 na promoción de ascenso, completando tódolos minutos nas eliminatorias. Autor de 12 goles e dono da banda dereita, pelexará un novo curso por asinar goles tan importantes para os nosos coma o conseguido no engadido en Negreira dende os once metros. Ademais, sempre que el marcou, o equipo puntuou. 
Con el, son xa 17 xogadores para a vindeira tempada logo de 13 renovacións e 4 novas fichaxes. 

Dous xa teñen equipo. 
Polo de agora, cinco xogadores confirmaron a súa saída do Compos e, de momento, só dous teñen novo equipo confirmado. Trátase de Lucas, que defenderá a portería do filial do Oviedo, o Vetusta, na Segunda B, mentres que Diego Rey volve á súa terra para xogar no Racing Vilalbés. Por contra, Tomás, Cardeñosa están a buscar novo equipo mentres que Sobrido quere facerse un oco nas filas do Celta B, tamén na categoría de bronce.
Pola súa parte, Primo e Róber seguen se confirmar o seu futuro. 

Cardeñosa e Tomás non seguen


Logo de dúas tempadas nas filas branquiazuis, dúas pezas moi importantes nos plans de Yago Iglesias deixan o Compos. Cardeñosa e Tomás, que chegaron logo do descenso de categoría, non renovan os seus contratos por motivos persoais e deixan dúas marcas difíciles de superar para a directiva compostelanista, que xa busca substitutos de calidade. 

Un seguro no centro da zaga.
Procedente do Arosa, Cardeñosa chegou ao Compos co importante papel de ser un dos donos da defensa. E así foi. Un total de 69 partidos nestes dous cursos nos que ademais anotou un total de 5 goles e axudou en gran maneira a acadar este campionato de liga e chegar á final da promoción de ascenso fronte ao Salmantino. 
Na súa primeira campaña na Esedé superou os 1.900 minutos de xogo, viu 7 cartóns amarelos e 1 vermello. Peza fundamental en traballos defensivos, amosou tamén un bo traballo en ataque marcando 3 goles moi importantes, sendo dous deles vitais para conseguir catro puntos. 
E se os seus números foron bos na súa estrea, mellores foron os do curso pasado. Superou os 2.800 minutos de xogo entre liga e promoción de ascenso e marcou dous goles, un en cada competición. Ademais, 14 cartóns amarelos en 34 partidos perdéndose partidos importantes por sanción e tamén por mor dunha lesión no treito final do campionato que lle abriu as portas da titularidade a Uña. 

Peza única. 
Tomás Abelleira chegou procedente das filas do Pontevedra para ser un fixo nos esquemas do Compos durante o tempo que estivo en San Lázaro. O vigués chegou aos 62 encontros entre liga e promoción de ascenso nestas dúas tempadas nas que ocupou diferentes posicións deixando sempre moi boas actuacións.
A súa primeira tempada nas filas da Esedé serviu, sobre todo, para amosar a súa fame de gol. Xogando de centrocampista defensivo, mediapunta e dianteiro centro, anotou un total de 7 goles en algo menos de 2.000 minutos, nun total de 26 partidos nos que saltou ao terreo de xogo no once titular en 22.
Máis tempo para demostrar tivo na segunda campaña. Pasados os 2.400 minutos sobre o terreo de xogo en 36 partidos, foi unha das pezas máis importantes nos plans de Yago Iglesias. 5 goles entre liga e promoción de ascenso e 11 cartóns amarelos, aos que engadir unha boa lista de asistencias aos seus compañeiros facendo unha gran conexión con Primo.

Agora só queda desexarlles un gran futuro no fútbol a dous grandísimos xogadores tanto dentro coma fóra dos terreos de xogo. 

Brais Abelenda volve á casa


A cuarta fichaxe do Compos xa está aquí. Brais Abelenda, xogador xove e con gran experiencia en categorías superiores, volve á casa onde se formou e do que se foi hai cinco anos. Aos seus 22 anos, aumenta a xuventude dun equipo con moita calidade e altas aspiracións.
Brais Abelenda Negreira, nado en outubro de 1995 en Bembibre, é un dianteiro formado nas categorías inferiores da Esedé e que saiu con 17 anos camiño ao Xuvenil A do Levante, un camiño ata a otra punta da península que durou un ano, antes de volver a Galiza e asinar o seu primeiro contrato como senior no Racing de Ferrol, onde non contou con moitos minutos na súa primeira etapa saíndo en calidade de cedido ao Cerceda, onde se fixo un nome algo máis importante xogando boa parte da segunda volta. Non obstante, o seu paso polo Roxo non foi suficiente para manterse na Malata saíndo de novo en calidade de cedido ao Galicia de Mugardos, tamén na Terceira, onde si foi un fixo durante toda a tempada anotando un total de 9 goles. 
O paso polo filial ferrolán si serviu para mantelo no primeiro equipo verde. Dúas tempadas nas que xogou un total de 55 partidos entre Liga e Copa do Rei, 15 como titular, anotando un gol. 
Sen dúbida, trátase dun gran reforzo para os plans de Yago Iglesias, para un equipo que terá o seu primeiro exame de verán confirmado en tres semanas. 

Miki Villar, terceira incorporación


Miguel Villar Alonso, máis coñecido no mundo do fútbol como 'Miki', é a terceira incorporación para un Compos que está a completar un equipo cunha boa base de xogadores do cadro que gañou a liga a pasada tempada. Procedente do Boiro, trátase dun extremo con gran velocidade e desborde de 21 anos cunha ampla experiencia na categoría e asina por un ano con opción a un segundo. 
Nado en Nigrán en setembro de 1996, Miki comezou a súa carreira deportiva na base do Rápido de Bouzas, equipo co que se estreou na Terceira división hai xa cinco anos. No clube vigués demostrou a súa calidade ata que no 2015 saiu cara o Pontevedra, no que debutou na Segunda B. Non obstante, o seu primeiro paso polo cadro granate durou media tempada, volvendo a Bouzas en calidade de cedido. Algo máis de sorte tivo na súa segunda tempada como xogador do Pontevedra, na categoría de bronce, puidendo gañar algo máis de experiencia de xogo. 
Tras o seu paso por Pasarón, chegou a pasada tempada ao Boiro, equipo do que procede. Nunha difícil tempada para os de Barraña, foi un seguro sobre o verde xogando un total de 31 encontros, 25 deles como titular, e superando os 2.200 minutos nos que fixo tres goles. 
Con el son xa 15 xogadores confirmados para a vindeira tempada e queda por saber o futuro de cinco dos futbolistas que estiveron o curso pasado ás ordes de Yago Iglesias. Róber, Tomás, Alex Ares, Primo e Cardeñosa, cinco dos futbolistas máis utilizados aos que engadir as 12 renovacións xa coñecidas.

Rubén tamén segue un ano máis


Nas últimas horas, xunto coas renovacións de Uña, Santi e Lorenzo, aparecía un nome máis como máis que posible renovación. De feito, só quedaba oficializar a continuidade de Rubén na Esedé por un ano máis. E é que o vilagarcián, que chegou hai dous anos á entidade branquiazul, foi un fixo nos plans de Yago Iglesias grazas, en boa parte, ás súas intervencións en ataque polas bandas da Terceira.
Aos seus 23 anos, Rubén asina por unha tempada máis, sendo a terceira no Compos logo de chegar procedente do Arosa SC, para convertirse nun dos xogadores con máis tempo no equipo, superado por Mon. Un futbolista que comezou a amosar a súa velocidade en San Lázaro en setembro de 2016 na vitoria fronte ao As Pontes e que anotou o seu primeiro gol tempo despois, tamén en Santiago, diante do Bergantiños. Agora, dous anos máis tarde, suma un total de 6 goles en 53 partidos, en algo máis de 2.600 minutos. 

O Zona Vella continúa a ser o filial. 
Durante unha tempada máis, o Zona Vella será o filial da Esedé. O equipo santiagués, que xoga os seus encontros como local en Santa Isabel na Segunda Autonómica, será o segundo equipo branquiazul por segundo ano consecutivo despois de pechar a súa primeira campaña na novena posición da táboa, na parte tranquila. 

Iván Carril chega á directiva.
Retirado hai dous anos, Iván Carril volve á casa, a onde arrincou a súa carreira deportiva. O Compos, onde o santiagués comezou a súa andanza polo fútbol formativo antes de pasar por Barcelona e Deportivo, foi onde deu comezo unha longa carreira que o levou a equipos coma o Fabril debutando e marcando un gol co primeiro equipo en Primeira división, Pontevedra, Vecindario ou L'Hospitalet ademais de Austria, Noruega, Grecia, Australia e Iraq. 
Agora, con 33 anos, deixou os terreos de xogo polos despachos, onde traballa con Manuel Castiñeiras coa intención de confeccionar o mellor equipo posible de cara á vindeira tempada. 

Lorenzo tamén queda


As renovacións seguen o seu curso e na mañá deste mércores coñecimos unha nova para a vindeira tempada. Lorenzo seguirá un ano máis na Esedé despois da súa volta á entidade branquiazul hai curso e medio procedente do Alondras. 
O padronés, de 27 anos, non foi nin moito menos o dono da portería neste ano e medio, no que perdeu a titularidade fronte a Lucas. Dende a súa volta procedente do Morrazo no mercado invernal de 2017, tivo a oportunidade de gañarse a titularidade nun total de 13 encontros encaixando 10 goles, 3 deles diante do Boiro na súa estrea baixo paus este pasado curso. 
Hai que recordar que ésta está a ser a segunda etapa do gardamallas no Compos despois de chegar no 2013 dende o Pontevedra rematando a tempada con moi poucas oportunidades na Segunda B fronte a Adrián Laureda, titular indiscutible naquela volta á categoría de bronce. 
Agora terá que gañar a loita pola titularidade fronte a Anxo Pérez, porteiro que será presentado na súa nova casa nas vindeiras horas.

Tres novos nomes

No día de hoxe, o Compos fixo oficiais tres nomes de cara á vindeira tempada. Dúas renovacións que, seguro, serán habituais de novo nos onces titulares de Yago Iglesias e unha nova fichaxe para cubrir unha das baixas xa confirmadas polo clube. Ademais, chegaron os primeiros rumores de verán que teñen que ver, sobre todo, con posibles baixas.

A defensa segue a ter dono.
Chegou no mercado de inverno en 2017 e, deseguida, convertiuse nun fixo no centro da defensa. Así é que David Uña gañouse a renovación ata 2019 á forza. O madrileño foi de novo un seguro nos plans de Yago Iglesias superando os 2.300 minutos de xogo e vendo un total de 12 cartóns amarelos e 1 vermello aos que engadir 3 goles moi importantes para conseguir os obxectivos branquiazuis. 
Central con bo olfato de cara á porta. Así se pode describir a un seguro na área, convertindo a escadra branquiazul nun lugar case imposible para os contrarios, e forte en labores ofensivas a balón parado. De feito, así foi quen de anotar os seus tres goles cos que o equipo asinou os tres puntos nos Carrís e nas Eiroas, ademais de colaborar coa goleada fronte ao Negreira en San Lázaro. 


Terceiro curso para un dos grandes. 
Por tamaño e pola importancia no equipo, Santi Gegunde pode considerarse un dos grandes no vestiario branquiazul. O atacante lugués continuará por terceiro ano consecutivo ás ordes do adestrador ribeirense logo de convertirse nun seguro no ataque superando a chegada de Primo e ocupando un posto máis retrasado no campo.
36 partidos en liga e 4 na promoción, cunha lesión que o privou de pelexar ao cen por no treito final do campionato, sumando máis de 2.200 minutos e anotando un total de 10 goles, unha media de gol cada 220 minutos. 

Xuventude para a porta.


A baixa de Lucas, que podería estar preto de asinar co Lugo para ser o porteiro do filial na Terceira división así como terceiro porteiro do primeiro equipo, podería estar xa cuberta. O equipo fixo oficial a chegada dun novo gardamallas á entidade branquiazul. Trátase de Anxo Pérez, gardamallas de 22 anos formado na base do Deportivo e con dous anos de experiencia no fútbol senior. 
Nado en Negreira, Anxo comezou a súa andanza no fútbol semi-profesional nas filas do Fabril, na Terceira división. Un seguro durante o primeiro terzo do campionato, perdeu a titularidade no mes de outubro volvendo á porta no derradeiro encontro de liga, último dos seus antes da promoción de ascenso na que conseguiron chegar á Segunda B. E alí quedou. O Pontevedra incorporou ao negreirés mais non contou con minutos no cadro granate máis alá dun partido en liga, fronte ao Sanse, outro de Copa do Rei, no que caeron ante a Gimnástica de Torrelavega, e completou a Copa Federación que gañaron na final contra o Ontinyent. 

E algún que outro rumor. 
Non hai nada oficial, mais nas redes sociais aparecen xa os primeiros rumores de posibles saídas e algunha que outra renovación, así como algunha que outra posible chegada aos plans de Yago Iglesias. 
Primo, que segue esperando para coñecer o seu futuro, podería contar cunha oferta importante do Coruxo, ademais dalgún que outro equipo da Segunda B de fóra de Galiza. Outro que posiblemente atope equipo nas vindeiras horas sería Lucas que, como xa dixemos antes, podería estar preto do Lugo. Por outra parte, Rubén e Alex Ares poderían estar preto de renovar coa Esedé malia contar con ofertas de categorías superiores. 
No apartado de posibles incorporacións, saiu un nome importante e moi coñecido pola afección compostelanista. Trátase de Joselu. O dianteiro de Palmeira, que descendeu hai mes e medio co Racing de Ferrol, quere seguir preto da casa malia contar con ofertas de equipos da Segunda B de fóra da nosa terra. 

En definitiva, nos vindeiros días poderemos seguir confirmando novos nomes para un equipo que botará a peregrinar de novo nunhas semanas coa Segunda B como fin do camiño. 

Samu e Saro, renovados


As boas novas seguen chegando dende San Lázaro con dúas renovacións moi importantes. Samu e Saro continuarán ás ordes de Yago Iglesias durante un ano máis, co que chegaron á Esedé hai dúas tempadas. Terceiro curso consecutivo de dous xogadores fundamentais nos esquemas do cadro branquiazul que se completará, de novo, na Terceira división.

Dono da banda dereita.
Se durante a primeira tempada na Esedé contou cun gran número de minutos, xogándoo case todo e perdéndose só un partido por sanción en todo o curso, Saro rematou a súa segunda campaña na Esedé con case 3.000 minutos nas súas pernas entre liga e promoción. E é que a competencia con Sergio Pereira non foi suficiente para sacar do seu posto ao dono da banda dereita de San Lázaro. 
Autor de varias asistencias ao longo da tempada e un gol fronte ao Negreira na primeira volta, o lateral santiagués gañouse a renovación con grandes intervencións en ataque que axudaron a acadar os obxectivos do clube. 

De menos a máis. 
A chegada de Álvaro Casas fixo que a titularidade de Samu, antes da reconversión do agora central branquiazul, se complicase. A parella formada por Casas e Mon deixou nun segundo plano a un Samu que se foi gañando a titularidade co paso das xornadas. Ao final, foi titular durante a metade dos partidos da tempada regular e en cinco da promoción de ascenso convertíndose nun seguro no centro do esquema. 
Un total de 30 partidos xogados, superando os 2.000 minutos de xogo, nos que viu 5 cartóns amarelos e anotou dous goles a domicilio, un deles para sacar un punto da Lomba. Unha peza importante nos plans de Yago Iglesias que pechou a tempada 2017/18 co seu partido 50 coa camisola branquiazul. 

Josiño Filgueira, primeira incorporación


Se onte coñeciamos as tres primeiras baixas do Compos de cara á vindeira tempada, hoxe sabemos o nome do primeiro en chegar e que aumenta a sete o número de xogadores confirmados de cara á vindeira tempada. Trátase de Josiño Filgueira e chega á Esedé procedente do C.D. Ribadumia, no que xogou a pasada tempada completando a súa segunda tempada no fútbol semi-profesional. 
Nado en Bueu hai 21 anos, Jose Filgueira Pazos comezou a súa carreira no fútbol entre as bases de Pontevedra e Deportivo chegando ás filas do Villalonga en 2016. Na súa primeira tempada na Terceira galega, este centrocampista ofensivo, que pode ocupar tanto a banda como xogar por dentro, non tardou en convertirse nun fixo xogando nun total de 32 partidos e anotando 5 goles en algo máis de 2.000 minutos. 
A súa boa primeira tempada na categoría espertou o interese do Ribadumia, ao que chegou o pasado verán. Nas filas do cadro do Salnés foi titular en 31 encontros e entrou dende o banco noutros 2 superando así os 2.700 minutos, ben aproveitados con 8 goles que serviron para gañar seis partidos e empatar outro, mentres que non foi suficiente o conseguido na derradeira xornada diante do Boiro. 
Chega agora para reforzar unha posición que a pasada tempada ocupaba Alex Ares, xogador do que aínda non se coñece o seu futuro e que, polo seu rendemento en San Lázaro, podería estar lonxe da Terceira división.

Lucas, Diego Rey e Sobrido, primeiras baixas

Se onte coñeciamos a renovación por un ano de Yago Iglesias, hoxe temos xa as tres primeiras ausencias do novo proxecto branquiazul co que buscar o ascenso á Segunda división B. Lucas, Diego Rey e Sobrido deixan a Esedé despois de non chegar a un acordo os dous primeiros e de rematar o seu ano de cesión en Santiago o terceiro. Tres baixas moi importantes e nada doadas de substituir. 


Unha peza chave. 
Lucas chegou ao primeiro equipo do Compos, procedente das categorías inferiores, hai cinco anos. Estreouse coa camisola branquiazul en San Lázaro fronte ao filial do Sporting de Xixón B, na Segunda B, encaixando un gol e pelexando pola titularidade con Adrián Laureda e Lorenzo. Unha primeira vez para un gardamallas aínda en idade xuvenil que pasaría polas filas do Estudiantil para coller experiencia antes de pasar ao primeiro equipo, no que se convertiu nun seguro baixo os paus ás ordes de Yago Iglesias.
Dono do posto durante os dous últimos anos na Terceira, só deixou un mes a titularidade a Cedrón durante o primeiro curso e a Lorenzo, chegado no mercado de inverno, no final da tempada 2016/17. Superando tamén ao gardamallas padronés nesta pasada campaña, foi un seguro baixo paus tamén para a promoción de ascenso recibindo un total de 72 goles en 65 partidos, en case 6.500 minutos de fútbol. 

Fin á súa segunda etapa. 
Diego Rey pecha a súa segunda etapa na Esedé despois de dúas tempadas nas que non puido contar con tódolos minutos merecidos por mor das lesións que o acompañan na súa carreira. O extremo, que volveu ás filas branquiazuis procedente do Somozas, fixo unha gran primeira tempada conseguindo un total de 9 goles en 32 encontros. Dous máis sumou neste segundo curso no que foi de menos a máis logo de non poder xogar durante os dous primeiros meses de campionato por lesión. 
Incapaz de gañar a titularidade a Róber e Tomás nesta última tempada, participou nun total de 15 partidos de liga e outros 5 na promoción de ascenso, só 4 de titular. Un revulsivo importante para Yago Iglesias cuxa tempada estivo lastrada polos problemas físicos. 

Volta á casa.
Como cedido chegou o pasado verán para reforzar o ataque branquiazul José Sobrido. O dianteiro ribeirense buscou unha primeira tempada no fútbol semi-profesional nas filas da Esedé antes de chegar ao Celta B, no que estará a vindeira campaña na categoría de bronce. Un futbolista que, durante a súa etapa na base celeste así como nas categorías inferiores do Xuventú de Aguiño, confirmouse como un gran goleador, algo que non puido amosar en San Lázaro perdendo a titularidade fronte a Santi e Primo. 
Usado coma revulsivo ao longo da tempada por Yago Iglesias, Sobrido participou nun total de 35 partidos completando un total de 5, tres menos dos que saiu coma titular. Algo máis de 1.200 minutos de gran fútbol no que nos deixou un total de 3 goles, o primeiro de gran beleza como carta de presentación. 

Cinco asegurados. 
Co anuncio das tres baixas, o clube quixo confirmar tamén que hai seis xogadores confirmados xa para a vindeira tempada agás sorpresa neste mercado. Mon, Ube, Alberto, Sergio, Naveira e Álvaro Casas seguirán un ano máis nas filas branquiazuis.