As boas novas seguen chegando dende San Lázaro con dúas renovacións moi importantes. Samu e Saro continuarán ás ordes de Yago Iglesias durante un ano máis, co que chegaron á Esedé hai dúas tempadas. Terceiro curso consecutivo de dous xogadores fundamentais nos esquemas do cadro branquiazul que se completará, de novo, na Terceira división.
Dono da banda dereita.
Se durante a primeira tempada na Esedé contou cun gran número de minutos, xogándoo case todo e perdéndose só un partido por sanción en todo o curso, Saro rematou a súa segunda campaña na Esedé con case 3.000 minutos nas súas pernas entre liga e promoción. E é que a competencia con Sergio Pereira non foi suficiente para sacar do seu posto ao dono da banda dereita de San Lázaro.
Autor de varias asistencias ao longo da tempada e un gol fronte ao Negreira na primeira volta, o lateral santiagués gañouse a renovación con grandes intervencións en ataque que axudaron a acadar os obxectivos do clube.
De menos a máis.
A chegada de Álvaro Casas fixo que a titularidade de Samu, antes da reconversión do agora central branquiazul, se complicase. A parella formada por Casas e Mon deixou nun segundo plano a un Samu que se foi gañando a titularidade co paso das xornadas. Ao final, foi titular durante a metade dos partidos da tempada regular e en cinco da promoción de ascenso convertíndose nun seguro no centro do esquema.
Un total de 30 partidos xogados, superando os 2.000 minutos de xogo, nos que viu 5 cartóns amarelos e anotou dous goles a domicilio, un deles para sacar un punto da Lomba. Unha peza importante nos plans de Yago Iglesias que pechou a tempada 2017/18 co seu partido 50 coa camisola branquiazul.

Ningún comentario:
Publicar un comentario