Tres novos nomes

No día de hoxe, o Compos fixo oficiais tres nomes de cara á vindeira tempada. Dúas renovacións que, seguro, serán habituais de novo nos onces titulares de Yago Iglesias e unha nova fichaxe para cubrir unha das baixas xa confirmadas polo clube. Ademais, chegaron os primeiros rumores de verán que teñen que ver, sobre todo, con posibles baixas.

A defensa segue a ter dono.
Chegou no mercado de inverno en 2017 e, deseguida, convertiuse nun fixo no centro da defensa. Así é que David Uña gañouse a renovación ata 2019 á forza. O madrileño foi de novo un seguro nos plans de Yago Iglesias superando os 2.300 minutos de xogo e vendo un total de 12 cartóns amarelos e 1 vermello aos que engadir 3 goles moi importantes para conseguir os obxectivos branquiazuis. 
Central con bo olfato de cara á porta. Así se pode describir a un seguro na área, convertindo a escadra branquiazul nun lugar case imposible para os contrarios, e forte en labores ofensivas a balón parado. De feito, así foi quen de anotar os seus tres goles cos que o equipo asinou os tres puntos nos Carrís e nas Eiroas, ademais de colaborar coa goleada fronte ao Negreira en San Lázaro. 


Terceiro curso para un dos grandes. 
Por tamaño e pola importancia no equipo, Santi Gegunde pode considerarse un dos grandes no vestiario branquiazul. O atacante lugués continuará por terceiro ano consecutivo ás ordes do adestrador ribeirense logo de convertirse nun seguro no ataque superando a chegada de Primo e ocupando un posto máis retrasado no campo.
36 partidos en liga e 4 na promoción, cunha lesión que o privou de pelexar ao cen por no treito final do campionato, sumando máis de 2.200 minutos e anotando un total de 10 goles, unha media de gol cada 220 minutos. 

Xuventude para a porta.


A baixa de Lucas, que podería estar preto de asinar co Lugo para ser o porteiro do filial na Terceira división así como terceiro porteiro do primeiro equipo, podería estar xa cuberta. O equipo fixo oficial a chegada dun novo gardamallas á entidade branquiazul. Trátase de Anxo Pérez, gardamallas de 22 anos formado na base do Deportivo e con dous anos de experiencia no fútbol senior. 
Nado en Negreira, Anxo comezou a súa andanza no fútbol semi-profesional nas filas do Fabril, na Terceira división. Un seguro durante o primeiro terzo do campionato, perdeu a titularidade no mes de outubro volvendo á porta no derradeiro encontro de liga, último dos seus antes da promoción de ascenso na que conseguiron chegar á Segunda B. E alí quedou. O Pontevedra incorporou ao negreirés mais non contou con minutos no cadro granate máis alá dun partido en liga, fronte ao Sanse, outro de Copa do Rei, no que caeron ante a Gimnástica de Torrelavega, e completou a Copa Federación que gañaron na final contra o Ontinyent. 

E algún que outro rumor. 
Non hai nada oficial, mais nas redes sociais aparecen xa os primeiros rumores de posibles saídas e algunha que outra renovación, así como algunha que outra posible chegada aos plans de Yago Iglesias. 
Primo, que segue esperando para coñecer o seu futuro, podería contar cunha oferta importante do Coruxo, ademais dalgún que outro equipo da Segunda B de fóra de Galiza. Outro que posiblemente atope equipo nas vindeiras horas sería Lucas que, como xa dixemos antes, podería estar preto do Lugo. Por outra parte, Rubén e Alex Ares poderían estar preto de renovar coa Esedé malia contar con ofertas de categorías superiores. 
No apartado de posibles incorporacións, saiu un nome importante e moi coñecido pola afección compostelanista. Trátase de Joselu. O dianteiro de Palmeira, que descendeu hai mes e medio co Racing de Ferrol, quere seguir preto da casa malia contar con ofertas de equipos da Segunda B de fóra da nosa terra. 

En definitiva, nos vindeiros días poderemos seguir confirmando novos nomes para un equipo que botará a peregrinar de novo nunhas semanas coa Segunda B como fin do camiño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario