Os primeiros movementos

 Hai xa un mes que rematou o camiño do Compos na tempada 24/25 e comezou a preparación do novo curso. De momento, nos despachos, xa hai movemento e podemos contar coa renovación do corpo técnico, liderado por Antón Permuy, que pechou a tempada pasada. Con el, unha renovación xa confirmada e ata nove baixas. Tamén chegou a primeira fichaxe para un equipo que buscará os postos altos. 

 Comezamos coa renovación. Ademais da do corpo técnico, seguirá no equipo Samu. O centrocampista do Val do Dubra non só sumará a súa novena campaña no clube senón que incluso, tamén, a décima logo de asinar o seu contrato por dúas tempadas. Na 23/24 non puido xogar na primeira metade do campionato, por lesión, pero volveu con todo para acabar recibindo o premio ao mellor xogador do equipo. 

 En canto ás baixas, non tardou en chegar a primeira. Pato non continuará no equipo despois de seis cursos repartidos en dúas etapas. O porteiro uruguaio, xa nos libros de historia do clube, deixa atrás unha etapa de cinco anos na que se confirmou como un dos mellores xogadores dun Compos que tardará en esquecer as súas actuacións e o seu récord de minutos consecutivos sen encaixar. 

 Logo da saída do gardameta, seis de golpe. Roger Escoruela, David Grande, Jordan, Pep Caballé, Manu Ramírez e Antón de Vicente tampouco continúan no equipo. Agás no caso de Jordan, que completou tres tempadas, o resto chegaron entre o verán e xaneiro, da man de Míchel Alonso. A destacar, ademais, o caso do ex de Unionistas, que contaba cun ano máis de contrato e que se rematou despois de só medio ano. 

 E pechamos este capítulo coas dúas últimas. Samu Araújo, que non puido completar a tempada por lesión, e Juampa, que tiña tamén contrato para a vindeira campaña, despídense do clube despois de chegar o verán pasado. No caso do arxentino deixa así o clube por segunda vez despois de ser un dos máis destacados en labores ofensivas na primeira volta. 

 Para finalizar, a fichaxe. Diego González, centrocampista que pode xogar de extremo pola dereita, chega á Esedé e asina por un ano. Nado en Santibáñez de Béjar, en Salamanca, deixa atrás Castela e León por primeira vez despois de xogar no Santa Marta, co que completou a súa etapa formativa; Unionistas, Palencia Cristo Atlético e Guijuelo, cos que deixou moi boas actuacións. No pasado curso desputou un total de trinta e seis encontros nos que anotou tres goles, sendo todos na cita contra o Cayón. 

 Nas vindeiras datas haberá máis novidades e todo apunta a que a seguinte podería ser a renovación de Roque por unha tempada máis. Mentres, o equipo xa vai collendo forma e conta con oito xogadores confirmados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario