Se onte coñeciamos as tres primeiras baixas do Compos de cara á vindeira tempada, hoxe sabemos o nome do primeiro en chegar e que aumenta a sete o número de xogadores confirmados de cara á vindeira tempada. Trátase de Josiño Filgueira e chega á Esedé procedente do C.D. Ribadumia, no que xogou a pasada tempada completando a súa segunda tempada no fútbol semi-profesional.
Nado en Bueu hai 21 anos, Jose Filgueira Pazos comezou a súa carreira no fútbol entre as bases de Pontevedra e Deportivo chegando ás filas do Villalonga en 2016. Na súa primeira tempada na Terceira galega, este centrocampista ofensivo, que pode ocupar tanto a banda como xogar por dentro, non tardou en convertirse nun fixo xogando nun total de 32 partidos e anotando 5 goles en algo máis de 2.000 minutos.
A súa boa primeira tempada na categoría espertou o interese do Ribadumia, ao que chegou o pasado verán. Nas filas do cadro do Salnés foi titular en 31 encontros e entrou dende o banco noutros 2 superando así os 2.700 minutos, ben aproveitados con 8 goles que serviron para gañar seis partidos e empatar outro, mentres que non foi suficiente o conseguido na derradeira xornada diante do Boiro.
Chega agora para reforzar unha posición que a pasada tempada ocupaba Alex Ares, xogador do que aínda non se coñece o seu futuro e que, polo seu rendemento en San Lázaro, podería estar lonxe da Terceira división.

Ningún comentario:
Publicar un comentario