O gol chega dende Las Palmas


O Compos segue a reforzar o plantel de cara a un novo curso na Terceira galega, con altas aspiracións, e este venres fíxose oficial a chegada dun dianteiro que promete goles ocupando o posto que deixou baleiro Primo coa súa saída de volta a Cantabria. Aythami Perera, de 23 anos, chega procedente do Las Palmas Atlético, co que xogou parte da pasada tempada formando parte do plantel do segundo filial amarelo. 
Nado en Telde en 1995, comezou a súa carreira deportiva na base do Valdecasas estreándose no fútbol senior nas filas do Telde, na Terceira división, aínda pertencendo ás categorías inferiores. De feito, aínda en idade xuvenil, chegou á Unión Deportiva Las Palmas, co que rematou a súa andanza no fútbol base e asinou o seu primeiro contrato profesional. Non obstante, no seu primeiro ano de senior volveu, en calidade de cedido, ás filas do Telde, en Preferente. 
Á súa volta ao cadro amarelo, foi un dos fixos nas filas do Las Palmas C, co que non puido conseguir o desexado ascenso á Terceira división no seu primeiro curso malia anotar un total de 16 goles en 30 partidos. Si conseguiu ese merecido ascenso este mesmo verán despois dunha tempada na que participou tamén na permanencia do Las Palmas Atlético, en Segunda B, marcando 9 goles en 23 partidos.
O canario poderá xogar tanto en punta coma por banda pelexando polo posto con Santi, único punta que había no equipo ata o de agora. Asina por unha tempada.

Falta un defensa. 
A falta de tres días para arrincar os adestramentos, Yago Iglesias segue á espera dun novo central co que pechar o equipo. Ademais, aínda que sería sorpresa, podería chegar tamén un lateral esquerdo que pelexe polo posto a Álvaro Naveira. 
Para esta pretempada, que arrinca o luns en Conxo, o adestrador ribeirense terá ao seu mando ao porteiro Alex Díaz, os centrais Adrián Loureiro e Jorge Queiruga e os centrocampistas Víctor Vilariño e Marcos Mella. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario