Nas últimas horas, xunto coas renovacións de Uña, Santi e Lorenzo, aparecía un nome máis como máis que posible renovación. De feito, só quedaba oficializar a continuidade de Rubén na Esedé por un ano máis. E é que o vilagarcián, que chegou hai dous anos á entidade branquiazul, foi un fixo nos plans de Yago Iglesias grazas, en boa parte, ás súas intervencións en ataque polas bandas da Terceira.
Aos seus 23 anos, Rubén asina por unha tempada máis, sendo a terceira no Compos logo de chegar procedente do Arosa SC, para convertirse nun dos xogadores con máis tempo no equipo, superado por Mon. Un futbolista que comezou a amosar a súa velocidade en San Lázaro en setembro de 2016 na vitoria fronte ao As Pontes e que anotou o seu primeiro gol tempo despois, tamén en Santiago, diante do Bergantiños. Agora, dous anos máis tarde, suma un total de 6 goles en 53 partidos, en algo máis de 2.600 minutos.
O Zona Vella continúa a ser o filial.
Durante unha tempada máis, o Zona Vella será o filial da Esedé. O equipo santiagués, que xoga os seus encontros como local en Santa Isabel na Segunda Autonómica, será o segundo equipo branquiazul por segundo ano consecutivo despois de pechar a súa primeira campaña na novena posición da táboa, na parte tranquila.
Iván Carril chega á directiva.
Retirado hai dous anos, Iván Carril volve á casa, a onde arrincou a súa carreira deportiva. O Compos, onde o santiagués comezou a súa andanza polo fútbol formativo antes de pasar por Barcelona e Deportivo, foi onde deu comezo unha longa carreira que o levou a equipos coma o Fabril debutando e marcando un gol co primeiro equipo en Primeira división, Pontevedra, Vecindario ou L'Hospitalet ademais de Austria, Noruega, Grecia, Australia e Iraq.
Agora, con 33 anos, deixou os terreos de xogo polos despachos, onde traballa con Manuel Castiñeiras coa intención de confeccionar o mellor equipo posible de cara á vindeira tempada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario