Se onte coñeciamos a renovación por un ano de Yago Iglesias, hoxe temos xa as tres primeiras ausencias do novo proxecto branquiazul co que buscar o ascenso á Segunda división B. Lucas, Diego Rey e Sobrido deixan a Esedé despois de non chegar a un acordo os dous primeiros e de rematar o seu ano de cesión en Santiago o terceiro. Tres baixas moi importantes e nada doadas de substituir.
Unha peza chave.
Lucas chegou ao primeiro equipo do Compos, procedente das categorías inferiores, hai cinco anos. Estreouse coa camisola branquiazul en San Lázaro fronte ao filial do Sporting de Xixón B, na Segunda B, encaixando un gol e pelexando pola titularidade con Adrián Laureda e Lorenzo. Unha primeira vez para un gardamallas aínda en idade xuvenil que pasaría polas filas do Estudiantil para coller experiencia antes de pasar ao primeiro equipo, no que se convertiu nun seguro baixo os paus ás ordes de Yago Iglesias.
Dono do posto durante os dous últimos anos na Terceira, só deixou un mes a titularidade a Cedrón durante o primeiro curso e a Lorenzo, chegado no mercado de inverno, no final da tempada 2016/17. Superando tamén ao gardamallas padronés nesta pasada campaña, foi un seguro baixo paus tamén para a promoción de ascenso recibindo un total de 72 goles en 65 partidos, en case 6.500 minutos de fútbol.
Fin á súa segunda etapa.
Diego Rey pecha a súa segunda etapa na Esedé despois de dúas tempadas nas que non puido contar con tódolos minutos merecidos por mor das lesións que o acompañan na súa carreira. O extremo, que volveu ás filas branquiazuis procedente do Somozas, fixo unha gran primeira tempada conseguindo un total de 9 goles en 32 encontros. Dous máis sumou neste segundo curso no que foi de menos a máis logo de non poder xogar durante os dous primeiros meses de campionato por lesión.
Incapaz de gañar a titularidade a Róber e Tomás nesta última tempada, participou nun total de 15 partidos de liga e outros 5 na promoción de ascenso, só 4 de titular. Un revulsivo importante para Yago Iglesias cuxa tempada estivo lastrada polos problemas físicos.
Volta á casa.
Como cedido chegou o pasado verán para reforzar o ataque branquiazul José Sobrido. O dianteiro ribeirense buscou unha primeira tempada no fútbol semi-profesional nas filas da Esedé antes de chegar ao Celta B, no que estará a vindeira campaña na categoría de bronce. Un futbolista que, durante a súa etapa na base celeste así como nas categorías inferiores do Xuventú de Aguiño, confirmouse como un gran goleador, algo que non puido amosar en San Lázaro perdendo a titularidade fronte a Santi e Primo.
Usado coma revulsivo ao longo da tempada por Yago Iglesias, Sobrido participou nun total de 35 partidos completando un total de 5, tres menos dos que saiu coma titular. Algo máis de 1.200 minutos de gran fútbol no que nos deixou un total de 3 goles, o primeiro de gran beleza como carta de presentación.
Cinco asegurados.
Co anuncio das tres baixas, o clube quixo confirmar tamén que hai seis xogadores confirmados xa para a vindeira tempada agás sorpresa neste mercado. Mon, Ube, Alberto, Sergio, Naveira e Álvaro Casas seguirán un ano máis nas filas branquiazuis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario