Reforzos

 Despois da chegada de Diego González, o Compos segue a reforzar o equipo e faino con dúas chegadas nos últimos días. Manu Rivas, que volve ao equipo no que se formou aínda como sub-23, e Javier Rabanillo, que xa soaba para o cadro branquiazul nos últimos días e que asinou tamén por unha tempada polo cadro santiagués. 

 Manu Rivas, xogador formado na canteira do Bertamiráns, chegou por primeira vez ao Compos en idade xuvenil deixando moi boas actuacións e chamando a atención, logo de dúas tempadas, do Deportivo para participar nunha tempada histórica do xuvenil deportivista. Rematada a súa etapa formativa, volvería a pertencer á base branquiazul pasando a xogar no Sigüeiro e sendo unha peza base na banda esquerda, sendo o lateral titular en gran parte do curso 22/23. 

 A súa campaña nas filas do filial compostelanista abriulle a porta da Terceira división, asinando unha tempada polo Atlético Arteixo co que pelexou ata o final por entrar na promoción de ascenso á Segunda Federación. Vinte e cinco partidos, vinte e tres como titular, para un lateral que asinou un total de catro goles tendo a oportunidade de volver ao equipo co que debutou no 2021 ás ordes de Yago Iglesias contra o Marino de Luanco, na segunda fase. Asina por unha tempada máis outra opcional. 

 Pola súa parte, Javier Rabanillo chega a Santiago despois de ser un dos porteiros destacados da pasada tempada. O asturiano tomará o relevo de Pato baixo os paus de San Lázaro despois de participar na fase de ascenso á Primeira Federación co Guijuelo a pasada tempada. Titular indiscutible, desputou un total de trinta e seis partidos entre liga, fase de ascenso e Copa do Rei. Antes, Talavera, Sestao, Marino de Luanco ou Barakaldo entre outros. 

 En canto ás renovacións, de momento non hai máis novidades. Pendente aínda saber o futuro de Roque, Jaime Santos e Parapar, os tres con ofertas de renovación. E se falamos de fichaxes, varios nomes se manexan nos últimos días, destacando a presenza de xogadores sub-23 da Terceira e Segunda Federación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario