A mañá do mércores rematou coa presentación de Primo co seu novo equipo, ao que volve despois dun exitoso paso pola Esedé, e a tarde rematou coa nova da non renovación de Róber pechando así o capítulo de renovacións con 13 xogadores que continuarán un ano máis ás ordes de Yago Iglesias na Terceira galega.
Un dianteiro doutra categoría.
Óscar Manuel Conde Cruz, máis coñecido coma Primo, chegou o pasado verán coa misión de asinar os goles dun Compos con altas aspiracións. Non obstante, superou as expectativas cunha tempada incrible na que sumou, entre liga e promoción de ascenso, 23 goles. Máis de 3.000 minutos de fútbol nos que se deixou todo sobre o terreo de xogo demostrando ser un dos mellores dianteiros da historia branquiazul, por goles e por xogo en xeral, sen dar ningún balón por perdido.
O cántabro foi presentado xa co seu novo equipo este mércores. Despois dun ano no Vitoria e outro na Esedé, Primo volveu para facer goles na Gimnástica de Torrelavega, co que xogou en Santiago un partido de Copa RFEF.
Róber cambia de aires.
Roberto Fernández Martínez, Róber neste mundo do fútbol, chegou o pasado verán procedente do Choco coa intención de reforzar o equipo branquiazul en traballos ofensivos. E non foi para nada unha mala fichaxe. O porriñés fíxose dono da banda de San Lázaro chegando case aos 3.000 minutos e perdéndose o treito final por unha lesión que non lle permitiu estar no seu mellor estado na promoción de ascenso.
39 partidos coa elástica branquiazul que pechou cun total de 8 goles, todos en liga e todos importantes. Un xogador que sempre que marcou, o equipo gañou. Unha peza fundamental para Yago e que non será doado substituir.
Tomás chega a Ourense.
Tomás Abelleira, que deixou o Compos nos pasados días, xa ten novo equipo. O vigués, que pasou polas filas do Pontevedra antes de chegar a Santiago, seguirá un ano máis na Terceira galega defendendo as cores do Ourense CF.
Agora, xa só Cardeñosa e Róber quedan por escoller un novo equipo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario