Damián ten substituto

 A saída de Damián, que se fixo oficial nos pasados días, xa ten tamén o seu substituto. Unha chegada que se puido dar grazas a outra saída doutro xogador con contracto: a de Elliot. Con isto puido chegar Samu Araújo á Esedé coa pretempada xa comezada despois de varios días de negociacións. Unha chegada para a esquerda na que só quedaba Martín Salvador en labores defensivas. 

 Comezamos hoxe coa marcha de Damián. O defensa santiagués foi un dos destacados do pasado curso e iso chamou a atención de varios equipos. Como fixo Durán o ano anterior, tomou camiño a un filial en forma de traspaso e xogará as vindeiras campañas no filial do Betis, con posibilidade de non ser o único ex Compos que alí milite. Vintetrés partidos con case dous mil minutos sobre o verde nos que deixou un golazo. 

 Menos sorte tivo Elliot. O canario chegou e non foi quen de facerse dono da banda esquerda, xogando só dezanove encontros nos que asinou dúas asistencias. Unha baixa que non supuxo sorpresa e que se puido dar antes do primeiro amigable, xa coa chegada de Juampa confirmada. Agora probará sorte no Penya Deportiva balear.

 Coa saída de Elliot, quedaba libre unha ficha 'senior' e coa de Damián, orfo o lateral esquerdo dun titular. Con isto, a dirección deportiva aproveitou para reforzar a posición cun xogador titular e apareceu a oportunidade de Samu Araújo. Canteirán do Celta, pasou tamén polos filiais de Barcelona e Atlético de Madrid. Probou sorte no fútbol polaco volvendo ao fútbol español un ano despois recalando nas filas da Cultural Leonesa, rival dos nosos en pretempada. Un ano despois, Pontevedra sería o destino do vigués co que quedou ás portas dos cincuenta partidos superando os tres mil minutos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario