Amosando publicacións coa etiqueta Copa RFEF. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Copa RFEF. Amosar todas as publicacións

Fóra a penaltis

O Compos quedou eliminado da Copa RFEF nos penaltis. Un bo partido dos nosos con moitos dos xogadores que non estiveron a pasada fin de semana ante o Ribadumia e que apuntan a suplentes ante o Céltiga onde a vitoria estivo moi preto. Ube foi o autor do único gol branquiazul nos noventa minutos regulamentarios mentres que Cris anotou o tanto da igualada a quince minutos para o final. Dende os once metros, o As Pontes non errou ningún penalti ante un rival que se topou co porteiro realizando unha das súas mellores actuacións. 

Superior a Esedé.
Os nosos foron superiores dende o arrinque do encontro. Sen embargo, as ocasións de perigo tardaron en chegar ata case o minuto quince de partido. O dominio, de menos a máis, levou ao Compos a poñerse por diante con tempo suficiente para ampliar diferenzas. Un gol de Ube, do mellor do encontro, para abrir a lata. 
Co resultado favorable, o equipo de Yago Iglesias tivo oportunidades moi claras para chegar ao descanso co partido case pechado. Juan Rey ata en dúas ocasións tivo o gol nas súas botas mentres que Taboada anotou un gol anulado polo colexiado por fóra de xogo. 

Tanto perdoar ten consecuencias.
Se na primeira metade houbo ocasións suficientes para levar un resultado máis amplo, na segunda foi aínda mellor. Numerosas oportunidades ante o porteiro pero sen conseguir superalo de novo perdoando o gol unha vez tras outra. Tanto perdón volveu ser un problema para un equipo que foi superior durante gran parte do tempo. 
Ube tivo a ocasión de ampliar diferenzas en máis dunha ocasión pero o gardamallas freou cada tiro do vigués. Por contra, o As Pontes puido facerse co empate dende os once metros a quince minutos para o final do encontro. Un gol co que case forzaron os penaltis e ante o que Santi non puido responder mandando un balón ao longueiro.

Mala sorte de penalti.
Dende os once metros, o As Pontes foi mellor. Non erraron ningún penalti e o seu porteiro foi quen de parar os de Taboada e Make. Por contra, Ube e Mon si foron quen de anotar os seus disparos. 
Agora é xa momento de pensar no encontro do vindeiro domingo ante o Céltiga na Illa de Arousa. Un partido importante para sumar a segunda vitoria na competición de Liga.

ALIÑACIÓN: Cedrón; Saro, Ander, Taboada, Mon; Ube, Rubén, Alberto (Make, min. 62), Julián, Juan Rey (David Rey, min. 71) e Nogueira (Santi, min. 62).
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 15' Ube, 1-1 75' Cris. 
PENALTIS: 0-1 Ube, 1-1 Buyo, 2-1 Álvaro, 2-2 Mon, 3-2 Prieto, 4-2 Cris.
CAMPO: O Poboado.

Tamén Copa RFEF

Ademais da Liga e a Copa Deputación, o Compos xa coñece o cadro da fase previa da Copa RFEF. Os nosos debutarán o 31 de agosto ou 1 de setembro ante o As Pontes lonxe de San Lázaro. De gañar ese encontro, en cuartos agardaría o Cerceda dúas semanas despois, anque nesta ocasión o partido si sería en Santiago. 
En semifinais o rival sairía do gañador do Negreira-Arousa da previa e posteriormente o Bergantiños en cuartos. Pola súa parte, no outro lado do cadro, Barbadás-Coruxo, aos que agarda o Rápido de Bouzas en cuartos, e Alondras-Pontevedra, co Ribadumia na seguinte rolda. 
As eliminatorias serán cada quince días coa Final o 12 de outubro.

As copas non son para nós

O Compos dixo adeus á Copa RFEF en Torrelavega. Un bo partido dos nosos en El Malecón ante un rival complicado que fixo valer o resultado do encontro de ida, fai dúas semanas, en San Lázaro. Sen goles, o mellor do encontro foi a volta de Portela ao once inicial case catro meses despois de lesionarse no amigable en Camporrapado ante o Boiro. 
Un partido ante a Gimnástica de Torrelavega sen apenas ocasións no que a Esedé foi superior pero non tivo apenas opcións para poñerse por diante ao igual que na ida. O equipo cántabro, sabedor de que o empate sen goles sería suficiente para eles, defendeuse das posibles oportunidades de gol dos nosos, con Gerard coma único dianteiro e moi activo, anque de novo sen sorte de cara a gol.
Na segunda metade, máis do mesmo. O Compos, superior, non foi quen de achegarse á portería de Kevin con perigo. Boa presión e intensidade do equipo pero, unha vez máis, con falta de gol. Emoción ata o final e con Gerard buscando o gol de tódalas formas posibles anque sen puntería suficiente nin sorte, algo que acompaña ao equipo dende o comezo da tempada. 
Finalmente, o Compos despídese tamén da Copa Federación a pesar de amosar unha boa imaxe e só queda pensar na Liga. O sábado pola tarde chega o derradeiro encontro desde ano en Astorga, campo do que o equipo non garda bos recordos despois da goleada recibida o ano pasado.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Jesús Varela, Portela, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Jordan, Josu, Joaquín, Rubén; e Gerard.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: El Malecón.

Chiño mantén ao equipo con vida

O Compos sumou un empate na ida de dezaseisavos de final da Copa RFEF ante unha boa Gimnástica de Torrelavega. Cun equipo formado por xogadores que non saíron de inicio ante o Racing de Ferrol, con algunha excepción, e ante o líder do seu grupo da Terceira. Un encontro con pouco fútbol, moitas interrupcións e onde non se demostrou a diferenza de categoría entre os dous. Jony fixo o gol cántabro mentres que Chiño asinou o tanto do empate.
O encontro arrincou coa Gimnástica emporcada en ataque. Os homes de Raúl Pérez saíron con forza obtendo un córner moi cedo. Xogando en campo contrario, dominando a posesión da pelota, obteron aos sete minutos a súa merecida recompensa. Un erro de Marqueta que aproveita Jony para facer o primeiro. 
Co resultado favorable, os cántabros seguiron de novo xogando en campo contrario e marcaron un segundo gol que invalidou o colexiado por fóra de xogo. Do Compos durante os primeiros corenta e cinco minutos pouco se pode contar. Algunha que outra falta, algún cartón e un balón de Joaquín ao pau nunha falta na que foi a mellor ocasión dos nosos no primeiro tempo.
Na segunda metade, un pouco máis do mesmo. O Compos non foi quen de chegar á porta visitante con ningunha facilidade ante un conxunto moi ben ordeado, defendendo con seguridade tódolos intentos da Esedé de buscar o gol do empate. Sen embargo, non foi ata a entrada de Chiño ao campo cando o equipo gañou un pouco máis en traballos ofensivos. 
Os de Alberto Mariano fixeron gala dun fútbol de toque buscando crear xogadas dende atrás. E nunha contra baseada na velocidade chegou o gol do empate. Carreira sen oposición dun xogador do Compos que chega á área e no man a man co porteiro cede a pelota a Chiño, que só ten que empurrar a pelota. 
Ata o final, os dous equipos pareceron conformarse co empate e só hai que destacar a expulsión de Mon por dobre cartón amarelo. O santiagués non poderá estar no encontro de volta dentro de dúas semanas en Torrelavega, onde o Compos tería que gañar ou empatar con máis de dous goles para estar nos oitavos de final.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Rubén Sánchez, Javi, Catú, Josu; Moreno (Marcos, min. 46); Jesús, Mon, Joaquín (Chiño, min. 64), Jordan (Juan Rey, min. 54); e Gerard.
CARTÓNS: Amarelos para Moreno e Jesús Varela. Expulsado Mon por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 7' Jony, 1-1 79' Chiño.
ESTADIO: San Lázaro.

Torrelavega, parada na Copa RFEF

O Compos terá que xogar, polo menos, dous partidos na Copa RFEF despois da caída na Copa do Rei. Terá que enfrontarse nunha eliminatoria a dobre partido ante o Gimnástica de Torrelavega, equipo da Terceira división cántabra. A ida será en San Lázaro mentres que a volta será quince días despois en terras torrelaveguenses.
A derrota ante o Tudelano, rival da Esedé na primeira rolda da Copa do Rei, trae consecuencias. A Esedé xogará un ano máis a Copa RFEF, anque este ano xa será a nivel nacional, despois da caída o ano pasado ante o Ordes nun encontro marcado pola escasa presenza de afeccionados nas bancadas de San Lázaro. 
Algo máis dun ano pasou dende aquela derrota ante o Ordes por 1 gol a 2 nunha competición que para moitos é unha perda de cartos debido aos desprazamentos e o pouco que se gaña, economicamente falando, de ir superando eliminatorias. Naquela ocasión, Quim Araújo anotou para os locais e Alex Castro e Ángel Cao fixeron o propio para os ordenses nos dez últimos minutos.
Nesta ocasión, o rival será a Gimnástica de Torrelavega. O equipo cántabro ocupa neste momento a primeira posición na táboa con cinco puntos máis que o filial do Racing de Santander. Un dos favoritos ao ascenso á categoría de bronce e que cconta cos dous máximos goleadores do grupo. Suman ata o de agora uns números difíciles de mellorar, só perderon un partido e gañaron o resto, e chegaron a esta fase da competición a través da vía autonómica. 
A ida destes dezaseisavos de final será o 3 de decembro en San Lázaro e a volta será o 17 no Malecón. O resto de enfrontamentos con equipos galegos serán: Pontevedra-Marino de Luanco e Rápido de Bouzas-Ciudad Rodrigo.

A Copa RFEF non gusta

Mércores laboral ás oito da tarde. Frío en San Lázaro e 10 euros por persoa para un encontro da Copa RFEF ante o Ordes. Algo máis de cen persoas, e iso sendo xenerosos, para asistir á caída do Compos da nova competición nacional. Un encontro onde os menos habituais saíron no once inicial. Un encontro para probarse, Lemos xogou case unha hora, e no que se puido ver o debut oficial de Xabi co primeiro equipo. Quim Araujo fixo o gol branquiazul na primeira metade mentres que o equipo ordense remontou nos derradeiros dez minutos grazas aos goles de Álex Castro, de penalti, e Ángel Cao. Ademais, voltaron a San Lázaro, coma visitantes, homes como Rendo, Cabrejo e Nacho.
Dende o principio, os homes de Iñaki Alonso mostraron ser superiores sobre o terreo de xogo aínda que sen impoñer un ritmo alto ao encontro. En canto ás ocasións, Mensha reivindicouse probando ao porteiro visitante sempre que tivo o balón achegándose ao gol en cada unha delas. Sen embargo, Raúl Marqueta tamén tivo traballo ante un equipo que foi de máis a menos ante o control santiagués. 
O nixeriano, aínda que non foi capaz de marcar, si estivo presente na xogada do primeiro gol do encontro. Lemos pon un balón desde a esquina, Mensha dispara, o porteiro despexa e Quim Araujo aparece para marcar no que foi un gran encontro do catalán, do mellor do Compos.
Xa na segunda metade, tocaba manter o resultado e intentar lograr o pase á seguinte rolda. O dominio seguía sendo para os locais, que parecían ter o partido controlado, e Quim puido ofrecer unha mostra da súa maxia aos poucos afeccionados concentrados no teatro dos soños de San Lázaro buscando gañar de novo a confianza do adestrador despois de varios partidos saíndo desde o banco de suplentes. 
E cando todo parecía que o Compos lograría unha nova vitoria na casa, unha man de Catú dentro da área fixo posible a mellor ocasión do Ordes do encontro. Desde os once metros non perdoou Álex Castro con só oito minutos por diante para o final da contenda. Oito minutos e un gol ou a penaltis. O que ninguén podería agardar despois dos oitenta primeiros minutos de dominio branquiazul con apenas traballo para Marqueta é o que pasou só cinco minutos logo do empate. 
Raúl Marqueta, porteiro que chegou ao Compos xa case coa tempada a piques de comezar, cometeu un erro á hora de despexar un balón deixando a Ángel Cao só ante el. Man a man que non desaproveitou o centrocampista de Vila de Cruces facendo o 1-2 definitivo. Resultado que a piques estivo de igualar no tempo engadido Catú ante Daniel, que evitou un novo gol.
Tras a eliminación, a Esedé só terá que pensar na Liga, máis exactamente no partido ante o Racing de Ferrol do vindeiro sábado. 

ALIÑACIÓN: Raúl Marqueta; Josu (Moreira, min. 56), Castiñeiras, Catú, Xabi; Moya; Lemos (Manu Rodríguez, min. 56), Quim Araujo, Fondevila, Mon (Borja Navarro, min. 68); e Mensha.
CARTÓNS: Amarelo para Quim, 
GOLES: 1-0 24' Quim Araujo, 1-1 82' Álex Castro, 1-2 87' Ángel Cao. 
ESTADIO: San Lázaro. 

A un paso da final

O Compos puxo un pé na seguinte rolda da Copa RFEF despois de remontar na casa ante o Pontevedra na ida das semifinais. Un partido con moi pouca afección por parte dos dous equipos debido ao horario e os prezos das entradas, ademais da pouca importancia que se lle parece dar este torneo aos siareiros branquiazuis. Un partido onde Fran Pastor e, como non, Joselu firmaron os goles. 
Durante os noventa minutos o dominio foi para os homes de Fredi, que demostraron unha vez máis un gran nivel pero moita mala sorte á hora de rematar as xogadas diante do porteiro rival. Esa foi a razón pola que o Pontevedra puido aproveitar as mellores ocasións á contra e así poñerse por diante á media hora de partido cun gol de Luismi despois doutro erro en defensa. 
Xa na segunda metade, o Compos cos tres cambios realizados saíu a por todas. Peláez e Joselu tomaron o control do ataque branquiazul e as ocasións sucedéronse ata o final. Sen embargo, ata os vinte minutos non chegou o gol do empate, de Fran Pastor aproveitando un mal rexeite do porteiro granate. E no último minuto do tempo regulamentario chegou o gol da vitoria. Jacobo crea a xogada pola banda e Joselu finalízaa poñendo o 2-1 final. 
Este sábado partido contra o Guijuelo e a vindeira semana partido de volta en Pasarón. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jesús, Ander, Jorge, Catú (Peláez, min. 45), Jacobo, Ezequiel (Gonzalo, min. 45), Julen, Manu Rodríguez (Joselu, min. 45), Fran Pastor e Germán. 
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-1 27' Luismi, 1-1 66' Fran Pastor, 2-1 89' Joselu.
ESTADIO: San Lázaro. 200 persoas. 

O Compos segue na Copa RFEF

No mesmo día que se coñeceu a baixa de Tachi, o Compos deu un paso adiante na Copa RFEF no García Calvo de Negreira nun partido onde os dianteiros branquiazuis demostraron unha gran capacidade goleadora. Joselu, Yahvé e Nacho ata en tres ocasións conseguiron non só remontar un partido que comezou gañando o conxunto local senón tamén a eliminatoria. En semifinais o Compos terá que verse as caras co Ourense. 
Os nicrarienses puxéronse por diante pero Joselu, antes do descanso, igualou a contenda co seu primeiro gol oficial esta tempada, quinto no que vai de curso. Un gol que servía para empatar o partido pero que mantiña ao Negreira por diante no global da eliminatoria. 
Sen embargo, na segunda metade o Compos desatouse e demostrou ser ese equipo que se botou de menos no Couto este domingo. Nacho non só lle deu a volta ao encontro senón que ademais fíxoo ao grande. O ex do Ordes demostrou ese gran olfato goleador e con hasta tres goles consecutivos remontouse o partido. E antes do remate Yahvé pechou a goleada, o 1-5 definitivo.
Este sábado novo encontro do equipo en San Lázaro ante o Coruxo no segundo derbi da tempada. 

Primeira derrota do curso

O Compos caeu por primeira vez este curso no primeiro partido en San Lázaro. Partido de ida da primeira fase da Copa da Real Federación Española de Fútbol, título que non parece interesar ao equipo, no que o máis destacable é o debut de tres xogadores xuvenís: Mateo, Baliño e Sergio Casalderrey, o regreso de Germán e o debut do xogador cedido polo Real Madrid Fran Pastor. 
Un partido do que pouco hai que contar. Os dous equipos xogaron con tranquilidade e as ocasións tardaron en chegar. Pouco ritmo, pouca intensidade e pouco fútbol nun partido onde destacou Pastor co número 11 ás costas e no que Germán foi dono do centro da defensa facendo un bo partido despois da lesión que o apartou os últimos meses. 
Na segunda metade máis do mesmo. Algún que outro aviso dos xogadores nicrarienses e dúas xogadas de perigo do Compos que non viron porta por moi pouco. Máis sorte tivo o Negreira no tempo engadido, cando xa parecía estar rematado o partido co empate inicial. Un gol nun cara a cara que non consiguiu desbaratar Lorenzo, titular esta tarde. 
O vindeiro mércores partido de volta en Negreira. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jesús Varela, Germán (Castiñeiras), Taboada, Mateo; Gonzalo, Baliño (Fondevila); Peláez, Fran Pastor, Sergio Casalderrey; e Joselu (Nacho). 
CARTÓNS
GOLES: 0-1 93' Juan Diego.
ESTADIO: San Lázaro. Entrada moi pobre.