Mércores laboral ás oito da tarde. Frío en San Lázaro e 10 euros por persoa para un encontro da Copa RFEF ante o Ordes. Algo máis de cen persoas, e iso sendo xenerosos, para asistir á caída do Compos da nova competición nacional. Un encontro onde os menos habituais saíron no once inicial. Un encontro para probarse, Lemos xogou case unha hora, e no que se puido ver o debut oficial de Xabi co primeiro equipo. Quim Araujo fixo o gol branquiazul na primeira metade mentres que o equipo ordense remontou nos derradeiros dez minutos grazas aos goles de Álex Castro, de penalti, e Ángel Cao. Ademais, voltaron a San Lázaro, coma visitantes, homes como Rendo, Cabrejo e Nacho.
Dende o principio, os homes de Iñaki Alonso mostraron ser superiores sobre o terreo de xogo aínda que sen impoñer un ritmo alto ao encontro. En canto ás ocasións, Mensha reivindicouse probando ao porteiro visitante sempre que tivo o balón achegándose ao gol en cada unha delas. Sen embargo, Raúl Marqueta tamén tivo traballo ante un equipo que foi de máis a menos ante o control santiagués.
O nixeriano, aínda que non foi capaz de marcar, si estivo presente na xogada do primeiro gol do encontro. Lemos pon un balón desde a esquina, Mensha dispara, o porteiro despexa e Quim Araujo aparece para marcar no que foi un gran encontro do catalán, do mellor do Compos.
Xa na segunda metade, tocaba manter o resultado e intentar lograr o pase á seguinte rolda. O dominio seguía sendo para os locais, que parecían ter o partido controlado, e Quim puido ofrecer unha mostra da súa maxia aos poucos afeccionados concentrados no teatro dos soños de San Lázaro buscando gañar de novo a confianza do adestrador despois de varios partidos saíndo desde o banco de suplentes.
E cando todo parecía que o Compos lograría unha nova vitoria na casa, unha man de Catú dentro da área fixo posible a mellor ocasión do Ordes do encontro. Desde os once metros non perdoou Álex Castro con só oito minutos por diante para o final da contenda. Oito minutos e un gol ou a penaltis. O que ninguén podería agardar despois dos oitenta primeiros minutos de dominio branquiazul con apenas traballo para Marqueta é o que pasou só cinco minutos logo do empate.
Raúl Marqueta, porteiro que chegou ao Compos xa case coa tempada a piques de comezar, cometeu un erro á hora de despexar un balón deixando a Ángel Cao só ante el. Man a man que non desaproveitou o centrocampista de Vila de Cruces facendo o 1-2 definitivo. Resultado que a piques estivo de igualar no tempo engadido Catú ante Daniel, que evitou un novo gol.
Tras a eliminación, a Esedé só terá que pensar na Liga, máis exactamente no partido ante o Racing de Ferrol do vindeiro sábado.
ALIÑACIÓN: Raúl Marqueta; Josu (Moreira, min. 56), Castiñeiras, Catú, Xabi; Moya; Lemos (Manu Rodríguez, min. 56), Quim Araujo, Fondevila, Mon (Borja Navarro, min. 68); e Mensha.
CARTÓNS: Amarelo para Quim,
GOLES: 1-0 24' Quim Araujo, 1-1 82' Álex Castro, 1-2 87' Ángel Cao.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario