Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 13 14. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 13 14. Amosar todas as publicacións

O Compos segue na Copa RFEF

No mesmo día que se coñeceu a baixa de Tachi, o Compos deu un paso adiante na Copa RFEF no García Calvo de Negreira nun partido onde os dianteiros branquiazuis demostraron unha gran capacidade goleadora. Joselu, Yahvé e Nacho ata en tres ocasións conseguiron non só remontar un partido que comezou gañando o conxunto local senón tamén a eliminatoria. En semifinais o Compos terá que verse as caras co Ourense. 
Os nicrarienses puxéronse por diante pero Joselu, antes do descanso, igualou a contenda co seu primeiro gol oficial esta tempada, quinto no que vai de curso. Un gol que servía para empatar o partido pero que mantiña ao Negreira por diante no global da eliminatoria. 
Sen embargo, na segunda metade o Compos desatouse e demostrou ser ese equipo que se botou de menos no Couto este domingo. Nacho non só lle deu a volta ao encontro senón que ademais fíxoo ao grande. O ex do Ordes demostrou ese gran olfato goleador e con hasta tres goles consecutivos remontouse o partido. E antes do remate Yahvé pechou a goleada, o 1-5 definitivo.
Este sábado novo encontro do equipo en San Lázaro ante o Coruxo no segundo derbi da tempada. 

Primeira derrota do curso

O Compos caeu por primeira vez este curso no primeiro partido en San Lázaro. Partido de ida da primeira fase da Copa da Real Federación Española de Fútbol, título que non parece interesar ao equipo, no que o máis destacable é o debut de tres xogadores xuvenís: Mateo, Baliño e Sergio Casalderrey, o regreso de Germán e o debut do xogador cedido polo Real Madrid Fran Pastor. 
Un partido do que pouco hai que contar. Os dous equipos xogaron con tranquilidade e as ocasións tardaron en chegar. Pouco ritmo, pouca intensidade e pouco fútbol nun partido onde destacou Pastor co número 11 ás costas e no que Germán foi dono do centro da defensa facendo un bo partido despois da lesión que o apartou os últimos meses. 
Na segunda metade máis do mesmo. Algún que outro aviso dos xogadores nicrarienses e dúas xogadas de perigo do Compos que non viron porta por moi pouco. Máis sorte tivo o Negreira no tempo engadido, cando xa parecía estar rematado o partido co empate inicial. Un gol nun cara a cara que non consiguiu desbaratar Lorenzo, titular esta tarde. 
O vindeiro mércores partido de volta en Negreira. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jesús Varela, Germán (Castiñeiras), Taboada, Mateo; Gonzalo, Baliño (Fondevila); Peláez, Fran Pastor, Sergio Casalderrey; e Joselu (Nacho). 
CARTÓNS
GOLES: 0-1 93' Juan Diego.
ESTADIO: San Lázaro. Entrada moi pobre. 

Campións!

A Copa Deputación de A Coruña revalida campión unha tempada máis. O Compos alzouse unha tempada máis co trofeo estival despois de desfacerse do Somozas, onde rematou baixo paus Christian. Un partido sen moito público e onde os erros do colexiado foron determinantes. Jordan e Manu Rodríguez foron os encargados de facer os dous goles da Esedé.
O Compos repite fazaña un ano máis demostrando un bo nivel gañando un novo partido aínda que sen un gran xogo. O partido comezou co equipo dominando o esférico e buscando a Joselu, home máis adiantado, para que puxera en problemas a Abraham, porteiro do Somozas na primeira metade. E ata en dúas ocasións claras o de Palmeira puido abrir o marcador. 
Sen embargo, foi Jordan quen fixo o primeiro con polémica incluida. Despois dunha posible falta de Joselu nun roubo de balón disparou, o porteiro rexeitou o esférico e Jordan, que estaban no chan, ergueuse e disparou en fóra de xogo. Gol do ourensán para levar ao Compos ao descanso por diante. 
Pero a segunda metade comezou de mala maneira. Na primeira chegada do conxunto somocense Manuel Castiñeiras intentou frear ao dianteiro con falta, dubidosa. Penalti e gol de Luis Ángel para empatar o partido con moito tempo por diante. 
Co empate o Compos buscou unha vez máis a porta agora defendida por Christian, protagonista do ascenso á Terceira fai xa máis dun ano. Sen embargo, por moito que o equipo a buscaba o segundo gol non chegou ata o minuto setenta. Para iso fixo falta a saída de Diego Peláez só cinco minutos antes xa que no primeiro balón que tocou fixo unha das súas xenialidades e asistiu a Manu Rodríguez, que chegou como un raio dende atrás para facer o segundo e definitivo con vinte minutos por diante.
Nos últimos minutos o Somozas puido empatar unha vez máis e incluso viron como o colexiado anulaba un gol a David Franch por posible fóra de xogo. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Manu Rodríguez (Taboada, min. 80); Jordan (Peláez, min. 65), Yahvé (Nacho, min. 54), Óscar; e Joselu. 
CARTÓNS: Amarelos para Castiñeiras e Peláez. 
GOLES: 0-1 40' Jordan, 1-1 49' Luis Ángel, 1-2 70' Manu Rodríguez.
ESTADIO: A Malata (Ferrol). 300 espectadores.

Unha final máis

O Compos estará nunha nova Final da Copa Deputación despois de gañar sen serios problemas en Negreira ao equipo local, onde milita o ex compostelanista Bautista. Un novo partido fácil da Esedé que chegará a Ferrol sen perder ningún partido no que vai de pretempada, ademais de demostrar un bo nivel nos momentos difíciles. A mala nova do partido foi a lesión de Jorge Rodríguez. 
O equipo deixou xa sentenciado o partido na primeira metade cunha gran actuación. Unha actuación que propiciou que o Compos chegase ao descanso por diante cun resultado máis que favorable. Diego Peláez fixo o primeiro a pase de Yahvé tras un roubo do ex do Rápido de Bouzas antes de chegar ao cuarto de hora de partido. 
Os minutos pasaron, a Esedé non pasaba riscos sobre o terreo de xogo e antes do remate da primeira metade chegou o segundo gol. Jimmy para Manu Rodríguez e este amplía diferenzas. Ademais, para rematar unha boa primeira parte, Adrián parou un penalti no último minuto desta. 
Xa na segunda metade, a Esedé apenas sufriu para levarse a vitoria ante un equipo de categoría inferior. Ademais os cambios viñeron ben a un equipo que atopou en Joselu o gol da sentenza definitiva á media hora do segundo tempo. O de Palmeira volveu a anotar por cuarto partido consecutivo demostrando unha fame polo gol superior á da pasada tempada en Terceira. 
Un novo pase e unha nova Final onde o Compos poderá repetir a fazaña do ano pasado en Cerceda, onde sumou a súa primeira Copa Deputación.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Jorge, Jimmy (Catú, min. 57); Santi (Gonzalo, min. 59), Manu Rodríguez; Yahvé (Joselu, min. 59), Peláez, Jordan (Óscar, min. 57); e Nacho.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 0-1 13' Diego Peláez, 0-2 39' Manu Rodríguez, 0-3 75' Joselu. 
ESTADIO: García Calvo.

Xa en semifinais

O Compos superou unha nova eliminatoria da Copa Deputación ante o Racing de Ferrol na Malata. Un bo partido dos compostelanistas nun dos grandes derbis galegos que se poderán ver a vindeira tempada na Segunda división B. Joselu, que mantén o seu idilio co gol; Óscar Fondevila e Manu Rodríguez sumaron un novo pase da Esedé á semifinal, onde se enfrontarán co Negreira no García Calvo.
Ante un rival da mesma categoría, case invencible a pasada campaña en Terceira, o Compos sumou a terceira vitoria da pretempada. Un partido que o Compos tivo problemas para controlar. Cun colexiado moi riguroso, ata cinco xogadores do equipo branquiazul viron cartóns na primeira parte, os de Fredi adiantáronse desde os once metros. 
Penalti a prol do Compos e Joselu, xogador que volverá a ter moita importancia esta tempada nos onces do técnico moañés, fixo o seu terceiro gol esta pretempada. Primeiro gol do Compos e segunda vez desde que comezou a preparación cara a Segunda B que o de Palmeira abre o marcador. 
Xa na segunda metade, o Racing intentou tomar o control do encontro pero foi Óscar Fondevila quen, superada a media hora, fixo o segundo gol do partido para deixar case sentenciado o partido a falta dun cuarto de hora. Sen embargo, no seguinte minuto foi o Racing quen acurtou distancias cun gol do santiagués Manu Barreiro á contra. E no desconto Manu Rodríguez levou a bo porto a segunda boa chegada santiaguesa na segunda metade confirmando o pase ás semifinais. 
Este mércores partido en Negreira e, de gañar, a Final será o domingo en Ferrol ás 20 horas. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Jordan, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Taboada, Gonzalo; Óscar, Peláez, Yahvé; e Joselu (Manu Rodríguez, min. 
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Gonzalo, Yahvé, Catú e Taboada.
GOLES: 0-1 25' Joselu, 0-2 76' Óscar, 1-2 78' Manu Barreiro, 1-3 92' Manu Rodríguez.
ESTADIO: A Malata. 

A cuartos sen problemas

O Compos está xa nos cuartos de final da Copa Deputación despois de desfacerse do Cerceda no campo do Roxo. Bo partido dos branquiazuis onde o debutante Nacho, que estreouse dende o inicio ao igual que Diego Rey, fixo o seu primeiro gol coa Esedé. 
Na primeira metade o partido xa quedou practicamente resolto. Yahvé fixo o primeiro ao cuarto de hora. E Nacho fixo o segundo antes do descanso demostrando así a superioridade santiaguesa sobre o terreo de xogo nun partido en principio fácil ante un dos favoritos para loitar polo ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional. E antes do descanso, Adrián evitou que o equipo local recurtase distancias dende os once metros. 
Xa no segundo tempo, o Compos resolveu o partido sen excesivos problemas en dez minutos. No setenta Joselu asinou o seu segundo desta pretempada, dous minutos máis tarde foi o Cerceda o que atopou o camiño da portería e a once minutos do final Diego Peláez pechou o 1-4 definitivo. 
Este luns novo partido da Copa Deputación, cuartos de final, en Ferrol ante o Racing.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jordan, Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo, Óscar; Manu Rodríguez, Nacho, Yahvé; e Diego Rey. Na segunda metade entraron Joselu e Diego Peláez. 
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 15' Yahvé, 0-2 42' Nacho, 0-3 70' Joselu, 1-3 72' Felipe, 1-4 79' Diego Peláez.
ESTADIO: O Roxo.

Victoria fácil

O Compos comezou a pretempada cun partido fácil en Santa Isabel ante o Grixoa, equipo da cidade que militará esta tempada na Terceira división. Un comezo ante a afección branquiazul onde se puido ver, sobre todo, que Joselu mantén o olfato goleador. Ademais estreáronse coa equipación compostelanista Lorenzo, Diego Rey, Santi e Óscar. 
Un partido sen moito do que contar, onde o Compos foi superior de principio a fin e apenas tivo serias dificultades para superar ao Grixoa, onde David Nogueira e Jacobo Tato foron titulares, no primeiro partido da Copa Deputación. E como mellor demostración... primeira chegada e gol. Joselu voltou con gañas e só necesitou dous minutos para poñer á Esedé por diante. 
Sen moitos problemas, os de Fredi mantiveron o dominio sobre o campo de Santa Isabel aínda que sen atopar con facilidade a porta rival. Sen embargo, apareceu Catú para facer o segundo antes de cumprirse a media hora de xogo. Un gol para a tranquilidade a falta de sesenta minutos de encontro para o remate. 
E para rematar co partido antes de tempo, Manu Rodríguez, a pase de Joselu, fixo o terceiro. Un gran gol entre dous xogadores que parecen ter o posto asegurado na Segunda B a pesar das novas incorporacións. 
Xa na segunda metade, pouco que contar. Superioridade do Compos pero escasas ocasións e sen case perigo, só unha que non entrou por caprichos do destino. Como o máis destacable está que a afección branquiazul puido ver xa sobre o terreo de xogo a tres das novidades desta tempada, ademais de Lorenzo que comezou o partido como titular. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Borja (Óscar, min. 46), Catú, Castiñeiras, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Santi, min. 46), Yahvé (Diego Rey, min. 46), Diego Peláez; e Joselu.
CARTÓNS
GOLES: 0-1 2' Joselu, 0-2 27' Catú, 0-3 37' Manu Rodríguez.
ESTADIO: Santa Isabel.