Amosando publicacións coa etiqueta Liga 15 16. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liga 15 16. Amosar todas as publicacións

Mellor sen presión

O Compos sumou en Aranda de Duero a segunda vitoria consecutiva, segunda despois de confirmarse o seu descenso e segunda lonxe de San Lázaro no que vai de tempada. Nun partido parecido a un amigable, a Esedé demostrou que sen presión é capaz de xogar moito mellor. Unha vitoria sen demasiados problemas, de novo con rotacións no equipo titular pero con emoción ata o final. Noche en propia porta e Bicho no último minuto fixeron os goles branquiazuis mentres que Fran Adeva fixo o propio para unha Arandina onde non xogou Gonzalo. 
Último partido de Liga, sen nada en xogo, e nova titularidade de Jimmy. Isto non sería noticia de non ser porque o lateral de Santiago xogou tódolos minutos desta Liga, tódolos encontros saíndo de titular e lucindo o brazalete de capitán ata o final demostrando, un ano máis, un gran nivel anque sen conseguir facer ningún gol. 
Ante a Arandina non había moita emoción, nada polo que loitar máis que os tres últimos puntos do curso. Aínda así, o Compos quixo sumar a segunda vitoria fóra da casa ante un equipo salvado. E nunha falta lateral chegou o primeiro gol. Centro á área e Noche, buscando sacar a pelota, meteuna na súa propia portería. 
Sen apenas buscalo chegou o primeiro gol da Esedé en El Montecillo. Un gol que non foi cousa de sorte, ou así o quixo demostrar Jordan antes do descanso. O ourensán, do mellor esta tempada, tivo nas súas botas o segundo pero o porteiro mandou a pelota ao longueiro. 
O propio Jordan foi o encargado de levar o perigo tamén na segunda metade á porta rival. Buscou o gol e de feito conseguiuno ao cuarto de hora de partido. Un gol que, sen embargo, invalidou o colexiado por fóra de xogo. 
A Arandina, sen o seu mellor creador de xogo, non fixo moito para evitar a derrota. Tampouco precisou moito máis para marcar o empate a vinte minutos do final cun gol de Fran Adeva a pase de Ruba. 
O partido non tivo demasiada intensidade, nada polo que loitar, pero si emoción ata o final. Co gol da Arandina todo facía pensar nun novo empate, polo menos tendo en conta os antecedentes. Pero nesta ocasión, Bicho quixo pechar a tempada cun gol no último minuto. Un golazo do xogador cedido polo Depor de vaselina despois dun pase de Sergio Sánchez.
Rematada a tempada, é o momento xa de comezar a organizar a tempada en Terceira, a do retorno á Segunda B. 

ALIÑACIÓN: Marqueta; Jesús Varela (Josu, min. 80), Javi, Sergio Sánchez, Jimmy; Moreno (Marcos, min. 72); Jordan, Mon, Bicho, Fondevila (Goti, min. 74); e Chiño.
CARTÓNS: Amarelo para Moreno.
GOLES: 0-1 11' Noche en p.p., 1-1 71' Fran Adeva, 1-2 90' Bicho.
ESTADIO: El Montecillo.

Chegou o fin


Xa está. Remata a tempada 2015/16. O 'Ano do compromiso' chega ao seu fin da maneira menos desexada, cun descenso de categoría. Un equipo feito, segundo a directiva, para ascender e que pecha un curso nunha posición totalmente contraria. Sen nada xa en xogo nesta derradeira xornada de Liga, só coa misión de sumar a segunda vitoria lonxe de San Lázaro e deixar a categoría cos tres últimos puntos no casilleiro branquiazul. 
A Arandina certificou a súa permanencia na categoría de bronce a pasada fin de semana consumando a mellor tempada da súa historia. Os burgaleses chegan a esta xornada con 45 puntos, cinco por enriba do posto de promoción de permanencia e dos postos de descenso, grazas a 12 vitorias e 9 empates aos que sumar 16 derrotas en 37 encontros. A eses datos hai que sumar 42 goles a favor e 59 en contra, que o confirman como o segundo equipo que máis goles encaixou na campaña. 
Nas filas do equipo castelán atópanse xogadores coma Pau Franch, un dos homes con máis calidade da categoría e máximo artilleiro do equipo con 11 tantos, ou Gonzalo, ex xogador da Esedé e gran artífice do xogo arandino.
Se temos en conta os partidos xogados na súa casa, os números da Arandina son case iguais aos do Compos, con dous puntos de diferenza. 7 vitorias, 5 empates e 6 derrotas entre os que destaca a vitoria pola mínima ante o Racing de Ferrol na primeira xornada. Ademais hai que ter en conta que suman catro encontros na casa perdendo e sen marcar nen un só gol. 
A falta de gol en Aranda chega ata o ano 1980. Naquel curso, tamén na Segunda B, o Compos voltou de El Montecillo cun punto grazas a un empate sen goles. Un empate nun curso onde os nosos quedaron na sétima praza mentres que a Arandina descendeu quedando na última posición con só 20 puntos. 
En canto á primeira volta, o resultado non foi moito mellor. A Arandina sumou os tres puntos en San Lázaro grazas a un gol de Pau Franch nun mal partido onde Portela tivo que retirarse a falta de quince minutos por ver un cartón vermello directo. 
Os dous equipos chegan despois de gañar os seus encontros a pasada fin de semana. O Compos goleou ao Atlético Astorga facendo que os leoneses non teñan opcións case de salvarse. Pola súa parte, a Arandina asinou a permanencia grazas á vitoria por 3-1 ante o Lealtad con goles de Fran Adeva, Javilillo e Adri. 
Para esta cita, Fredi non poderá contar con João Camacho, Joaquín, Catú, Portela nin Dani Hernández, os cinco por lesión. 
O partido será este domingo ás 18 horas en El Montecillo, en Aranda de Duero. Nel, Jimmy pode aumentar a súa historia xogando tódolos minutos desta Liga. Non haberá televisión e só se poderá seguir o encontro a través da radio ou das redes sociais. 

Chegou tarde

O Compos superou ao Atlético Astorga na despedida da categoría en San Lázaro, a falta de noventa minutos para pechar a tempada. Unha vitoria importante ante un equipo que acompaña aos nosos á Terceira división. Catro goles para asinar o mellor resultado do que vai de curso cun conxunto formado polos xogadores menos habituais. Fondevila, Mon, Dani Hernández e Guillem foron os autores dos tantos na estrea de Marqueta na porta no que vai de Liga. 
O encontro comezou cun aviso sen puntería dos homes de Fredi. Un disparo que saiu por enriba da portería demostrando aos leoneses que terían traballo por diante para sumar unha vitoria vital. Unha vitoria que comezaron a buscar aos quince minutos de xogo co gol de Diego. O xogador visitante atopou o premio do gol á contra nun man a man ante Marqueta tras un bo paso entre liñas cun disparo cruzado.
A Esedé ergueuse despois do gol e foi na busca da remontada para conseguir a derradeira vitoria ante a súa afección esta tempada, anque xa sen importancia na táboa. Sen embargo, os intentos de Mon e Javi Moreno non foron suficientes para superar a Pulpo Romero. Máis sorte, ou puntería, tivo Fondevila cun gran disparo axustado á madeira ante o que o porteiro puido facer algo máis. 
Superiores sobre o terreo de xogo, os galegos conseguiron poñerse por diante antes do final do primeiro tempo. Un gran gol de Mon co talón ante o que a zaga rival só puido mirar como entraba a pelota. Golazo e o Compos por diante. 
A segunda metade comezou co mesmo guión. Menos de tres minutos dende a reanudación e golazo de Dani Hernández. Falta directa do zamorano que, dende case a esquina do campo, meteuna fóra do alcance do porteiro. A pelota subiu e baixou facendo unha parábola perfecta entrando na porta lambendo o longueiro. Imparable. 
Co terceiro, partido resolto e tranquilo para o Compos, houbo algún aviso máis de Jordan e Guillem, que entraron na segunda metade dende o banco de suplentes. Pero non foi ata case o final do tempo regulamentario cando o balear pechou a goleada. Un gol aproveitando que todo o Astorga estaba en campo contrario e que só un defensa estaba defendendo unha posible contra. 
Se ante o Pontevedra chegou un 3-1, ao Atlético Astorga devolveuselle o 4-1 da tempada pasada. Guillem loita por un balón que chega dun despexe ante un contrario. Consegue facerse co esférico e gaña en carreira ao defensa, salva a saída do porteiro tamén en velocidade e marca a porta baleira. 
Catro goles para matar aos astorganos que a vindeira tempada, ao igual que Peña Sport e Compos, estarán na Terceira división. Sporting B e Cacereño decidirán o último posto de descenso e a promoción de permanencia na última xornada.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Jesús Varela, Javi, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno; Dani Hernández (Jordan, min. 64), Mon (Manu Rodríguez, min. 84), Bicho, Fondevila; e Chiño (Guillem, min. 76).
CARTÓNS: Ningún para xogadores do Compos.
GOLES: 0-1 16' Diego, 1-1 37' Fondevila, 2-1 43' Mon, 3-1 48' Dani Hernández, 4-1 88' Guillem. 
ESTADIO: San Lázaro. 

Despidamos ben a Segunda B

Chega o fin. Este sábado chega o derradeiro encontro do Compos en San Lázaro este curso, a despedida da categoría ata novo aviso. Un partido complicado ante un rival que se está a xogar a vida na Segunda B, obrigado a gañar en San Lázaro. O Atlético Astorga, inmerso na loita pola permanencia, visitará o feudo branquiazul obrigado a gañar e agardar que non gañe o Sporting B para manterse con vida.
Ante un Compos que xa non se xoga nada e que parece que nin sequera poderá ascender algún posto na táboa antes do remate da campaña, estará o Atlético Astorga. O equipo castelán ocupa a décimo sétima posición (37 puntos) a dous puntos do posto de promoción de permanencia, posto que ocupa o filial xixonés. Uns números que conseguiron grazas a 9 vitorias, 10 empates e 17 derrotas pero, sobre todo, aos 41 goles a favor e os 50 en contra, datos que os confirman como un dos equipos máis goleadores da zona media baixa e o cuarto equipo que máis goles encaixou de todo o grupo. 
Os astorganos, cando saen de La Eragudina, non son os máis perigosos. Só 16 puntos fóra da súa casa con 10 derrotas incluidas, sendo o terceiro equipo que máis veces perdeu a domicilio. De feito, os seus puntos chegaron grazas a 4 vitorias, entre as que destaca a conseguida na Malata, e 4 empates. Un dato importante neste caso é que só quedaron sen marcar en 5 encontros.
Trátase dun equipo goleador pero con poucos autores. Dez goleadores diferentes entre os que destaca, un ano máis, David Bandera. O leonés é un seguro goleador para os seus na categoría de bronce. O ano pasado rematou con 12 goles, superado por Borjas Martín, e este ano xa superou a cifra con 14 tantos a falta de dúas xornadas. A Bandera sígueo Roberto Puente con 8 goles. 
Ao Atlético Astorga non se lle da ben xogar en San Lázaro. Ata o momento só visitaron a nosa casa nunha ocasión e o resultado foi de 2 goles a 0 obra de Yacine e Catú fai algo máis dun ano. Sen embargo, no total dos tres encontros tivemos resultados para tódolos gustos. De feito, na primeira volta rematou o encontro con reparto de puntos grazas aos goles de Víctor e Orbegozo.
A este encontro chegan os dous equipos en estados moi diferentes. O Compos confirmou o seu descenso coa derrota en El Sardinero ante o Racing de Santander. Un mal partido dos nosos que remata no merecido despois de todo o pasado dende agosto. Pola súa parte, os astorganos conseguiron empatar ante o Lealtad na casa rematando o encontro con nove xogadores.
Para Fredi as novas non parecen mellorar nunca. Mantén as baixas coñecidas de João, Joaquín, Catú e Portela. Por contra, Paulino perde a Toño León, Juampa e Iago Beceiro, un dos mellores do equipo, por sanción.
O partido, onde o clube agarda unha boa chegada de siareiros aproveitando a promoción para socios, que poden retirar cantas entradas queiran de balde; será este sábado ás 18 horas en San Lázaro. Quen non poida achegarse ao estadio só poderá seguilo a través das redes sociais e o 'Galicia en goles' da Radio Galega xa que non será televisado.
Sen dúbida será un encontro moi diferente nas bancadas xa que unha das máis fieis siareiras da Esedé, Sandra, faleceu o martes. Unha dura nova para a familia branquiazul que perde a unha das grandes persoas que fan deste deporte algo mellor, unha persoa insubstituíble. Descanse en paz. 

Voltaremos!

Final. Xa non quedan opcións, nin sequera unha remontada épica. Somos equipos de Terceira de maneira oficial. O descenso, despois do empate pola mañá entre Sporting B e Cultural Leonesa, chegou da man da derrota colleitada en terras cántabras. Un partido sen emoción, sen bo xogo e no que só un gol de Coulibaly foi suficiente para mandar aos nosos á máxima categoría do fútbol galego. Sen emoción, sen bo fútbol, sen ocasións. Nada que dicir dun partido onde o Racing de Santander fixo o xusto e necesario para sumar os tres puntos. 
O partido non tivo apenas fútbol. Numerosas imprecisións, sen xogadas de perigo durante os primeiros corenta e cinco minutos. Mal xogo por parte dos dous equipos esquecendo a necesidade dos dous conxuntos por sumar os tres puntos, anque por razóns moi diferentes.
Un Racing inmerso na loita pola primeira posición non foi quen de facerse co manexo ca pelota na primeira media hora de xogo, apretando nos quince últimos minutos. Pola súa parte, o Compos buscou a posesión co paso dos minutos pero sen crear perigo claro sobre a porta cántabra en todo o primeiro tempo. 
Antes do descanso, o equipo santanderino meteu unha marcha máis e puido pechar a primeira parte cun resultado ao seu favor. Ata dúas ocasións de perigo que non chegaron a máis grazas á madeira. Dúas chegadas de Pumpido que saíron rexeitadas polo longueiro a primeira e polo poste a segunda mantendo con vida á Esedé de cara á segunda metade.
Sen embargo, mantívose o guión dos minutos finais do acto anterior. O Racing tivo a pelota e, anque non parecía ser capaz de facer ocasións de perigo, si tiña o control total do encontro pechando ao Compos no seu propio campo. Un Compos que, por outra parte, demostrou unha vez máis os problemas de cara a gol perdoando algunha ocasión na porta rival. 
Sen facer moito, apenas merecéndoo, Coulibaly volveu a facer das súas ante a Esedé anotando o único gol do encontro. Un gol que descende á Esedé matematicamente e que axusta a clasificación na parte alta con tres equipos a dous puntos de diferenza na loita polo primeiro posto.
O gol e nada máis. A partir de aí xa non houbo máis por parte dos dous equipos. O Compos mantívose fóra do encontro e o Racing volveu baixar a intensidade sen buscar nin merecer un segundo gol. Sabían que o tiñan feito ante o equipo menos goleador de toda a categoría. 
Co paso dos minutos, parecía que xa todo estaba resolto e que os nosos confirmarían o descenso sen apenas loitar por puntuar. Pero no tempo engadido, en cousa de dous minutos, chegaron ata tres ocasións con moito perigo que non entraron por moi pouco. Atacando cos once xogadores, con Pato en área contraria, puido chegar a sorpresa pero, para manter o guión negativo de toda a tempada, o gol non chegou.
Finalmente, o Compos consuma o descenso matemático cunha nova derrota, sen agardar á vitoria definitiva do Sporting B, sen loitar máis. E agora xa toca pensar na despedida da categoría en San Lázaro ante o Astorga, que aínda segue na loita por permanecer na Segunda B, e rematar a tempada en Aranda. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Javi, Sergio Sánchez, Jimmy; Moreno; Jordan, Manu Rodríguez, Dani Hernández (Chiño, min. 72), Goti (Goti, min. 68); e Guillem (Fondevila, min. 80).
CARTÓNS: Amarelo para Javi, Manu Rodríguez e Jimmy.
GOLES: 1-0 65' Coulibaly.
ESTADIO: Campos de Sport de El Sardinero.

A morrer de pé


Este domingo pode chegar unha das peores novas dos últimos anos. Despois de dous ascensos consecutivos e tres anos na categoría de bronce do fútbol nacional, o Compos podería estar a pasar as súas últimas horas na Segunda B. Esta fin de semana pode chegar un novo descenso xa antes do encontro en terras cántabras. De feito, xa virtualmente descendido, a Esedé podería confirmar a súa baixada tres horas antes de xogar, co remate do encontro entre o Sporting de Xixón B e a Cultural Leonesa.
Visitaremos a un equipo inmerso na loita polo primeiro posto. Xa matematicamente clasificados para a promoción de ascenso, o Racing de Santander buscará ata o final da tempada quedar o mellor posible na táboa pensando na loita por retornar á Segunda división. Un dos grandes da categoría pero que nos últimos encontros parece ter problemas para gañar e, sobre todo, para facer gol.
Segundos clasificados (67 puntos), a catro puntos do equipo de Ferrol, empatados co Tudelano e tres puntos por enriba do Logroñés; os cántabros son o segundo equipo con máis vitorias e, ao igual que o líder e o terceiro, o equipo que menos derrotas sumou. 19 vitorias, 10 empates e 6 vitorias ata o momento, números que o confirman como un dos equipos máis perigosos da categoría.
Os números demostran que o histórico clube santanderino é, un ano máis e ao igual que fai dous anos, un duro rival a bater que non parece estar a pasar polo seu mellor momento de cara a gol. A pesar de ser o segundo equipo que máis anota (52) e o cuarto que menos encaixa (26), non son quen de facer máis dun gol por partido dende fai máis dun mes, cando gañaron á Cultural Leonesa. Sen embargo, iso non significa que non gañen.
Anque non parezan estar moi acertados de cara a porta, sumaron 19 dos últimos 24 puntos en xogo perdendo só un partido dos últimos 16. De feito, ese dato mellora cando xogan na súa casa. En El Sardinero non perden dende o pasado mes de outubro, cando caeron ante a Pontevedra na súa segunda e última derrota na casa. A partir de aí, 10 vitorias e 3 empates só con tres encontros en total sen anotar. 
A nivel individual, hai que ter en conta a xogadores coma Dioni, que non poderá estar por sanción, con de 13 goles e Coulibaly, que suma 7. Ademais, os dous xogadores foron os autores dos tantos cos que conseguiron os tres puntos en San Lázaro na primeira volta. Naquela última visita do Racing á nosa casa, o Compos foi quen de poñerse por diante no primeiro tempo grazas a un gol de Jordan. Pola súa parte, o empate chegou antes de cumprirse os dez minutos da segunda metade e o tanto da vitoria, a tres minutos para o final.
A historia non é moi favorable. Nos 25 últimos anos, a Esedé visitou o feudo santanderino ata en sete ocasións entre Primeira, Segunda e Segunda división B. De todos eses encontros, só houbo unha vitoria galega alá polo ano 91 grazas aos goles de Moure e Maric. Pola súa parte, o Racing tampouco o tivo nada fácil para gañar, de feito só o conseguiron en dúas ocasións. O máis repetido foi o empate, ata en catro ocasións e sempre con goles. 
A este partido, os dous equipos chegan en momentos moi diferentes. O Compos sentenciou a súa presenza na Segunda B de cara a vindeira tempada coa derrota ante o Coruxo nun partido marcado polo xogo sucio dos vigueses. Pola súa parte, o Racing de Santander gañou pola mínima na súa visita a Villaviciosa onde a afección cántabra fixo de Les Caleyes un pequeno El Sardinero con máis de tres mil siareiros santanderinos.
En canto ás baixas, Fredi mantén as baixas de João Camacho, Joaquín e Catú por lesión, ás que se une a baixa de Bicho por acumulación de amonestacións e Portela, que terá que pasar polo quirófano. Ademais, Jesús Varela, Jimmy e Pato están apercibidos de sanción e non poderían estar ante o Atlético Astorga de ver un cartón amarelo. Pola súa parte, Pedro Munitis perde a Francis, Óscar Fernández e Dioni por sanción.
O partido será este domingo ás 17 horas no Campos de Sport de El Sardinero. Para todo aquel que queira asistir a un encontro entre históricos, as entradas para os afeccionados branquiazuis serán cun prezo de 15 euros xa que haberá unha zona exclusiva para os que se acheguen a Santander. Quen non poida ir terá diferentes opcións de seguir o encontro dende a casa. O Racing ten unha televisión online onde se poderá ver o encontro previo pago de 3,95 euros. Ademais, diferentes radios locais emitirán en directo o encontro. Quen o prefira, en 'Galicia en goles' da Radio Galega tamén se poderá escoitar ou seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul, que fai poucos días que cumpriu 4 anos da súa creación.

Dous pasos atrás

O Coruxo fixo o xusto, sen máis, para sumar tres puntos de vital importancia. Os vigueses fixeron os dous goles e nada máis. Non buscaron un terceiro e, durante máis de oitenta minutos, preferiron perder tempo simulando problemas físicos en numerosas ocasións. O Compos intentouno, non baixou os brazos en ningún momento pero non foi quen de superar ao porteiro visitante en máis dunha ocasión. Cifuentes fixo o primeiro do Coruxo, empatou Sergio Sánchez e Rafa Mella fixo o 1-2 definitivo.
Ante a mellor entrada da tempada en San Lázaro, o Coruxo volveu ser o xuiz da Esedé. Se o ano pasado conseguiron complicar a clasificación para a promoción de ascenso dos nosos, este ano ocorreu o mesmo pero para a de descenso. De feito, nesta ocasión non precisaron máis de dous minutos. Dous minutos dende o comezo do encontro e gol de Cifuentes. 
Os de verde saltaron ao terreo de xogo con máis intensidade e non tardaron en crear unha ocasión que rematou en córner. Dende o curruncho, un centro a área e gol coa testa do murciano. Gol e, inmediatamente, comezaron os problemas nos xogadores de Rafa Sáez. Interrupcións e perdas de tempo continuas freando o ritmo do encontro. 
O Compos tardou en meterse no partido. Non foi quen de facerse coa pelota ata os dez minutos de xogo e non viu área ata os quince minutos de encontro. E entre unha interrupción e outra, xa despois do primeiro troco visitante, chegou o empate. Unha falta que bota Dani Hernández e Sergio Sánchez aproveita a súa altura para marcar coa testa. 
Esta tempada o equipo amosou dous problemas importantes: marcar goles e aguantar o resultado. Feito o primeiro, menos de dous minutos máis tarde apareceu a segunda materia a correxir. E é que nunha contra letal chegou o segundo do Coruxo. Un gol de Rafa Mella, que non dubidou no man a man para bater a Pato por baixo cun disparo pegado ao pau. 
Despois do segundo, entre caídas, o Compos mantivo o asedio sobre a porta contraria. Donos da pelota e das mellores ocasións, nin antes nin despois do descanso houbo sorte de cara a gol. Manu, Jordan e Guillem, este último perdoando un claro man a man ante o porteiro.
Co paso dos minutos aumentou a temperatura no campo pero os nervios apoderáronse dos homes de Fredi. As imprecisións e as faltas frearon o ritmo dun partido que morreu ao mesmo que gran parte das opcións do noso Compos de manterse na categoría de bronce.
Agora só queda agardar a derrota dos tres equipos que están xusto por enriba da Esedé na táboa e pensar no Racing de Santander nun novo encontro moi complicado.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 71), Portela, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno (Fondevila, min. 82); Dani Hernández (Goti, min. 63), Manu Rodríguez, Bicho, Jordan; e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Sánchez, Javi Moreno e Bicho.
GOLES: 0-1 2' Cifuentes, 1-1 24' Sergio Sánchez, 1-2 26' Rafa Mella.
ESTADIO: San Lázaro. Case 1.800 afeccionados na que foi a mellor entrada da tempada.

A vida ou morte

Terceiro e último derbi este sábado en San Lázaro. Un encontro a vida ou morte ante un rival a piques de asinar a salvación de xeito matemático. E é que o Coruxo, que parecía salvado fai un par de meses, pasou por un mal momento caendo aos postos baixos e meténdose en problemas. Por sorte para ambos, unha vitoria a pasada xornada fai que os vigueses teñan un colchón importante cos postos de descenso e promoción de permanencia, posto ao que quere chegar a Esedé. 
O Coruxo pechou a primeira volta alá polo mes de xaneiro na sétima praza, a seis puntos da promoción de ascenso. A posición acomodada dos vigueses fixo que nesta segunda volta sumasen a metade de puntos meténdose en problemas. De feito, ata a vitoria ante o Lealtad, os homes de Rafa Sáez estaban só a catro puntos da promoción de permanencia. Agora, a seis puntos do posto e con doce en xogo, visitarán un campo onde nunca puideron gañar. 
Os vigueses son un dos equipos máis goleadores da categoría. 46 tantos ao seu favor fan do Coruxo o cuarto máximo goleador da categoría. Dato conseguido, en gran parte, grazas a tres xogadores. Adrián Armental, Comesaña e Pedro Vázquez suman 8 goles cada un. Por contra, outros 46 goles fan do equipo tamén un dos máis goleados. Neste caso, cinco equipos o superan, todos eles da zona baixa da táboa e entre os que non está o Compos. 
Lonxe de O Vao, asinaron 14 puntos. Un dos peores equipos fóra da súa casa cuns números que só catro equipos superan de xeito negativo. Tres vitorias en Castela: Burgos, Astorga e León; cinco empates entre os que destaca o de Ferrol, e nove derrotas. Ademais, non coñecen a vitoria a domicilio en ningún campo galego da categoría esta tempada (dous empates e dúas derrotas). 
Os enfrontamentos entre os dous ao longo da historia son positivos para o Compos. De feito, o Coruxo non sabe o que é gañar no feudo branquiazul. Once encontros e nove vitorias compostelanistas ademais de dous empates. Entre eses encontros destacan un 7-0 e un 8-1 nos anos 1964 e 1965, na Terceira división. Sen embargo, a súa última visita rematou con empate a un gol, de Quim para os nosos.
Na primeira volta, cos dous equipos en momentos moi diferentes, o resultado foi un contundente 5-1. A peor goleada recibida pola Esedé en moito tempo chegou por un pésimo encontro en defensa e non moito mellor en ataque. Dous goles de Santi Comesaña e un gol de Joaquín deixaron todo aberto para a segunda metade. E despois de media hora, un novo gol de Santi Comesaña, Salinas e Antúnez pecharon unha goleada moi importante e dura. 
A pasada xornadas os dous equipos conseguiron os tres puntos. O Compos sorprendeu en Ferrol cunha vitoria pola mínima ante o Racing. Un gol de Bicho foi suficiente para sumar tres puntos de ouro nun dos campos máis difíciles da categoría. Pola súa parte, o Coruxo gañou ao Lealtad en O Vao por 2-1 con goles de Rafa Mella e Alberto García, este segundo de penalti no 89.
En canto ás baixas, o Compos mantén as coñecidas de Joaquín, João Camacho e Catú mentres que Fredi podería recuperar a Marcos despois de dúas semanas mancado. Pola súa parte, Rafa Sáez conta coa dúbida de Raúl Median, mancado. 
O partido será este sábado ás 17 horas en San Lázaro. Para buscar un mellor ambiente nas bancadas, o clube sacou unha promoción pola que cada abonado pode retirar de xeito gratuito ata 5 entradas nas oficinas antes do sábado ao mediodía. Quen non poida achegarse ao campo poderá escoitalo a través da 'Radio Esedé', no 'Galicia en goles' da Radio Galega e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul xa que nesta ocasión non haberá televisión.

Conquistamos Ferrol!

O Compos sumou unha das vitorias máis importantes de toda a tempada. Non se trata da vitoria que confirma a permanencia na Segunda división B pero si é a primeira lonxe de San Lázaro e ademais na casa do Racing de Ferrol. Un derbi, un Clásico do fútbol galego, moi desputado e no que un só gol foi suficiente para traer os tres puntos a Santiago. Un partido que non parecía ter fin, cheo de interrupcións e marcado polos nervios visitantes onde Bicho foi o autor do único gol. 
A falta de cinco xornadas para o final da liga e con opcións, anque mínimas, de loitar pola salvación, o Compos non quere morrer sen loitar e así o demostrou en A Malata. Houbo moito que loitar nun campo en mal estado pero o corazón foi máis forte que a calidade dos xogadores do líder da categoría. E é que Joselu tivo numerosas ocasións para bater a Pato nun partido moi emocionante e que chegou aos 100 minutos de xogo.
Dende o comezo, igualdade sobre o terreo de xogo. Os dous equipos moi seguros en defensa conseguiron evitar que chegasen ocasións perigosas. Ademais, o estado do campo imposibilitou o fútbol rápido de toque por baixo obrigando aos dous equipos a buscar balón en longo. A iso hai que sumar o gran encontro feito por Josu e Pato. O lateral evitou ata en tres ocasións que Joselu puidera prantarse ante o porteiro uruguaio mentres que Pato evitou dous goles cantados dos xogadores ferroláns. 
Pato non só foi importante para manter a porta baleira senón que ademais participou activamente no gol. Estivo moi seguro, saíndo da súa portería sempre que foi preciso para despexar balóns. Nunha destas ocasións, o gardamallas puxo a pelota na área local. Guillem baixou a pelota coa cabeza e Bicho, que estaba preto do balear, só tivo que cruzar a pelota salvando a saída de Mackay ante Iván González. A pelota entra lentamente na portería, pegada ao pau. 
A segunda metade comezou igual que rematou a primeira. Moita intensidade por parte dos dous equipos e serios problemas para o colexiado, que só puido frear o xogo perigoso amosando cartóns, ata 9 coa expulsión de Maceira grazas a dous cartóns amarelos en dous minutos. 
O Racing saiu con máis intensidade, presionando a saída de balón da Esedé e buscando con insistencia a porta de Pato atopándose cunha defensa moi dura que non cometeu erros facendo o mellor encontro de toda a tempada. Joselu e Peláez, no seu mellor momento, non foron quen de superar a zaga branquiazul.
Os segundos corenta e cinco minutos tiveron como gran protagonista ao colexiado madrileño. Co paso dos minutos, o Compos fíxose coa posesión da pelota xogando en campo contrario, anque sen poñer en problemas a Mackay. Gran parte da culpa de que non chegasen máis ocasións foi das numerosas faltas que se sucederon interrompendo o transcurso do encontro.
Canto máis tempo pasaba máis aumentaban os nervios coa mente posta en tódolos encontros que por non pecharse remataron con empate ou derrota. Pero nesta ocasión, na saída máis difícil do ano, non foi así. A seguridade en defensa serviu para que os de verde non foran capaces de empatar gozando das mellores ocasións. De feito, o partido rematou con dúas ocasións claras de gol que non chegaron a bo porto. 
Así, Fredi suma a primeira vitoria fóra de San Lázaro co Compos na categoría de bronce do fútbol español. Unha vitoria que mantén con vida a un equipo que podía sentenzar o seu descenso a Terceira na casa do inimigo. Tres puntos máis de vida e a pensar no Coruxo. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Portela, Jimmy; Marcos; Dani Hernández (Mon, min. 62), Manu Rodríguez, Bicho (Goti, min. 88), Jordan (Fondevila, min. 81); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Josu, Moreno, Bicho, Mon e Fondevila.
GOLES: 0-1 34' Bicho.
ESTADIO: A Malata.

Agora ou nunca

Aínda queda vida por diante. O Compos, virtualmente descendido, ten aínda unha mínima opción de clasificarse para a promoción de permanencia. A falta de cinco xornadas, quince puntos en xogo, o equipo non depende de si mesmo pero gañando todo o que falta ata o final da tempada pode pasar de todo. Non será nada fácil, catro dos cinco xóganse algo importante ata o final da campaña. E comezamos ante un Racing de Ferrol que mete medo alá por onde vai na súa busca de facerse campión do grupo o antes posible.
O equipo ferrolán é o mellor do grupo primeiro da categoría, o segundo mellor de toda a Segunda B e o que máis puntos saca ao segundo clasificado. Un equipo feito para ascender despois do pau recibido ante o Huesca o ano pasado e que non está a pasar por moitas dificultades para superar a case tódolos rivais.
Con Joselu mostrando o seu mellor nivel, o que exhibiu en San Lázaro durante dous anos, e de novo acompañado por Diego Peláez, é de novo o equipo máis goleador. 56 goles ao seu favor que confirman a dificultade de rematar sen goles ante eles. A ese dato hai que sumar que son tamén o equipo menos goleado con 23 goles recibidos, igualados co Tudelano e o Logroñés.
A seguridade tanto en defensa coma en ataque fai que os verdes sexan un rival moi temible. 20 encontros gañados, 8 empates e só 5 derrotas, unha delas ante o Atlético Astorga que todavía ocupa un posto de descenso.
Está claro que a parella máis letal dos últimos anos da historia do Compos é unha das grandes razóns do bo momento polo que pasa o Racing. Joselu é o máximo artilleiro do grupo con 18 goles, lonxe dos 30 de media que fixo no noso Compos, xunto con Diego Peláez, que demostran ser imparables cando xogan xuntos. E se se suman Borja Domínguez, Héber Pena e Pablo Rey queda un equipo de categoría superior.
Os de verde son un equipo moi temible un ano máis, un favorito para estar a vindeira tempada en Segunda división e isto é grazas ao bo momento que pasan cando xogan de locais. Nada máis e nada menos que 40 puntos de 51 posibles sumados na Malata con só unha derrota ante o Astorga na primeira volta e catro empates, dous deles sen goles. Un dato que confirma ao equipo departamental como o mellor local. O mellor local contra o peor visitante. 
O partido, un derbi con gran rivalidade, pode case confirmar de maneira matemática a presenza do equipo ferrolán na promoción de ascenso, na eliminatoria dos campións de grupo. Pola súa parte, o Compos aínda non será equipo de Terceira matematicamente. As opcións de rematar na promoción de permanencia están aí e gañando, cun pouco de sorte e axuda de terceiros, podería haber unha pequena opción de loitar dúas semanas máis por estar a vindeira tempada na Segunda B.
As esperanzas para este encontro son moi baixas. Ademais do nivel polo que pasan os dous equipos, a Esedé non gaña na Malata dende finais do ano 2009. 1-2 grazas aos goles de Iván González e Sestelo cun equipo no que repetirá no once titular Jimmy. Ademais, en total van xa 20 visitas á cidade departamental cun balance negativo. Nove vitorias para os locais, sete empates e só catro vitorias dos nosos.
A última vez que os dous equipos se viron as caras, na primeira volta, o Racing marchou cos tres puntos. Pablo Rey e Marcos Álvarez fixeron os dous goles para a vitoria nos derradeiros quince minutos de xogo. Un partido onde non rematou Jordan, expulsado por dobre amonestación na primeira metade. En canto á última visita ao campo ferrolán, os dous equipos remataron o encontro sen goles nun mal día para ambos.
A pasada xornada ningún dos dous equipos foi quen de voltar a casa cos tres puntos. O sábado, o Racing de Ferrol empatou en Asturias ante o Lealtad. David adiantou aos locais mentres que Joselu asinou o gol da igualada a falta de quince minutos. En Barreiro, o domingo, o Compos non foi quen de aumentar a súa vida na Segunda B ante o Celta B. Un só gol de Luis Rioja foi suficiente para gañar a un equipo con doce, cunha afección que non deixará á Esedé soa en ningún momento e que de novo deu unha lección de como animar nos malos momentos. 
Para esta cita, Fredi mantén as baixas de João, Joaquín e Marcos e perde tamén a Catú, baixa de última hora por lesión e que pasará 3 semanas de baixa. Pola súa parte, Tena contará con todo o seu equipo para dar un paso máis cara o recoñecemento de campión do grupo. 
O partido será este sábado ás 18:15 horas en A Malata. As entradas para a afección branquiazul terán un prezo de 15 euros para a bancada de Gol Norte. Quen non poida achegarse a Ferrol poderá ver o encontro en directo na segunda canle da TVG, escoitalo no 'Galicia en Goles' da Radio Galega e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul.

A Segunda B, lonxe

O Compos, agora si, pon un pé na Terceira división. En Barreiro non foi quen de sumar ningún punto ante un rival directo e a falta de cinco xornadas para o final da tempada son xa seis puntos de diferenza coa promoción de permanencia e nove, case imposible, coa permanencia. Unha derrota máis lonxe de San Lázaro e que chegou nun partido con dúas partes moi diferentes e un erro importante que supuxo o gol de Luis Rioja. 
A Esedé saiu ao terreo de xogo coa única intención de achegarse á porta de Iván Villar. Jimmy, moi activo abrindo ocos na defensa local, creou a primeira ocasión de perigo cun centro que se paseou pola liña de gol sen ninguén que empurrase a pelota ao fondo da portería. Un erro aos cinco minutos de xogo que foi sucedido por outro similar dez minutos máis tarde cun disparo de Jordan na área pequena que rexeitou o porteiro como puido. Dúas ocasións que non se deberían perdoar. 
Coa posesión da pelota, sen bo fútbol pero si moita intensidade e tensión, os santiagueses dominaron en campo contrario e presionaron a saída de balón evitando que o Celta B puidera crear perigo importante sobre a porta de Pato na primeira metade. 
En defensa, durante os primeiros corenta e cinco minutos non houbo problemas. Só unha ocasión de Borja Iglesias que non atopou porta e outra que puido chegar despois dun erro de Josu que o asistente do colexiado sinalou fóra de xogo, inexistente, para os celestes no primeiro tempo.
Despois do paso por vestiarios, o Celta B pareceu mellorar. Durante os primeiros minutos puideron crear ocasións moi perigosas sobre a porta de Pato pero sen chegar a máis. Ante estas, Manu quixo responder cun disparo que se foi por enriba da porta defendida por Iván Villar. 
Fredi adiantou liñas, buscou meter a todo o equipo en campo contrario e así chegaron de novo boas oportunidades dos locais aproveitando a velocidade dos seus atacantes pero sen saber superar a un Pato que, unha vez máis, foi dos mellores do equipo. 
Superado o cuarto de hora da segunda metade, unha pelota colgada na área branquiazul rematou en gol. Un grave erro da defensa, que deixou so a Luis Rioja na área, e gol do andaluz, que non perdoou ante Pato. Inexplicable erro e a pensar na remontada con tempo por diante suficiente para conseguila.
Os nervios apareceron en Barreiro. Os dous equipos, inmersos na loita pola permanencia, buscaron os tres puntos co Compos sen ideas. Só unha ocasión de Guillem que evitou a zaga local puido rematar en empate mentres que Borja Iglesias estivo a piques de pechar o encontro cun disparo que pegou no pau. 
Finalmente, o Celta B conseguiu tres puntos vitais para manterse un ano máis na categoría de bronce. O Compos, pola súa parte, ten por diante un reto case imposible que consistirá en gañar todo o que queda ata o final da competición. Agora hai que pensar xa no Racing de Ferrol.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Portela (Goti, min. 75), Catú, Jimmy; Moreno; Dani Hernández (Chiño, min. 66), Manu Rodríguez, Bicho, Jordan (Fondevila, min. 66); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Moreno, Portela, Chiño e Manu Rodríguez.
GOLES: 1-0 62' Luis Rioja.
ESTADIO: Barreiro.

A milagre comeza en Vigo


Este domingo chega unha das finais máis importantes do Compos este curso. Un encontro onde só se pode gañar, de non facelo sería dar un gran paso cara o descenso de categoría. Unha visita a Barreiro onde deberá chegar a primeira vitoria lonxe de San Lázaro nun ano, sendo a última a conseguida a pasada tempada en Zamora. Ademais, a vitoria metería ao equipo un pouco máis na loita real pola permanencia.

O Celta B ocupa agora mesmo o primeiro posto que da dereito á permanencia sen pasar pola promoción. Grazas a unha vitoria importante ante o Sporting B, o filial celeste aproveitou a derrota do Atlético Astorga, que está a pasar por un mal momento, e agora depende de si mesmo para manterse un ano máis na categoría de bronce con cinco derbis consecutivos por diante.
Os vigueses contan con 35 puntos grazas a 9 vitorias, 8 empates e 15 derrotas en 32 encontros. 34 goles ao seu favor, 9 deles da promesa celeste Borja Iglesias, e 49 en contra sendo o terceiro equipo que máis goles recibe. Ata o momento, na casa suman 23 puntos conseguindo vitorias tan importantes como a conseguida ante o Racing de Santander na primeira xornada de liga ou tan abultada como o 6-1 ante a Arandina.
Sen embargo, non están a pasar polo seu mellor momento. Tres encontros consecutivos na casa sen coñecer a vitoria conseguindo 1 de 9 puntos posibles. De feito, mirando máis atrás, só sumaron 8 dos últimos 27 puntos en Barreiro anotando só 5 goles neses 9 encontros, algo que fai ver que o filial olívico non pasa polo seu mellor momento cando xoga de local.
Celta B e Compos enfrontáronse na primeira volta en San Lázaro cun resultado moi positivo para os nosos. Vitoria pola mínima dos nosos con goles de Dani Hernández e Orbegozo ante o tanto de Pape Cheikh, xogador que agora conta con minutos no primeiro equipo confirmándose como a nova promesa celeste. 
Historicamente, xa van quince visitas da Esedé ao campo do filial celtista. Das quince, os nosos voltaron con 10 vitorias e 3 empates ante só 2 derrotas, os dous únicos encontros nos que os santiagueses non fixeron gol. A última, por sorte, rematou en vitoria pola mínima para os nosos grazas a un gol de Yacine Qasmi nun partido marcado polo alto número de cartóns amosados a xogadores visitantes.
A este encontro os dous equipos chegan despois de puntuar a pasada xornada. O Compos non puido gañar ante o Lealtad a pesar de adiantarse no minuto 85 grazas ao gol de Mon. Por contra, o Celta B gañou en Mareo nun partido entre filiais por 0-2 con goles de Borja Iglesias de penalti e Adri Cuevas.
En canto as baixas, João e Joaquín seguen fóra dos terreos de xogo por lesión mentres que Fredi recuperará a Marqueta despois de case mes e medio e a Manu Rodríguez, os dous por sanción. Pola súa parte, Fragapane volve no filial celeste despois de cumprir sanción. 
O encontro será este domingo en Barreiro ás 16:30 horas. As entradas estarán a un prezo de 15 euros para adultos e 10 euros para menores de 18 anos mentres que os abonados locais poderán entrar gratis. Quen non poida achegarse a Vigo poderá ver o encontro en directo a través da segunda canle da TVG, escoitalo a través da Radio Galega e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul.

A pola milagre

O Compos está un punto máis preto da heroica despois de facer xustiza sobre o terreo de xogo de San Lázaro. Un empate ante o Lealtad nun encontro marcado polos problemas dos dous conxuntos para finalizar as ocasións que, anque poucas, foron perigosas. Os goles, un por equipo, chegaron nos cinco minutos finais facendo soñar á afección durante os dous minutos que durou a ledicia. Mon, que entrou mediado o segundo tempo, fixo o gol branquiazul mentres que Jorge igualou o resultado. 
Durante os minutos iniciais, os dous equipos buscaron a porta contraria sen facerse co manexo do encontro. Unha ocasión por equipo salvando Pato aos nosos na máis clara dos asturianos propiciou unha mellora da Esedé anque sen achegarse á porta rival con perigo. Pola parte local, unha ocasión ao longueiro e pouco máis. 
Moitas imprecisións e xogo concentrado no centro do campo. As ocasións desapareceron nos quince últimos minutos da primeira metade e as faltas fixeron acto de presenza. O fútbol foi desaparecendo pouco a pouco e a pantasma de Terceira apareceu polas bancadas de San Lázaro, nunha afección que ve moi preto o descenso dun equipo castigado pola pésima primeira volta. 
O Lealtad quixo avisar no comezo da segunda metade. Unha boa chegada que non chegou a bo porto grazas ao gran traballo de Catú, o mellor do equipo. Un segundo tempo marcado polos trocos e as ganas de Bicho de facer algo importante buscando el crear ocasións perigosas e disparos sen sorte en máis dunha ocasión na que se topou co porteiro. 
Coa entrada de Jesús Varela, Mon e Jordan chegaron as mellores xogadas do segundo tempo. O Compos fíxose coa pelota e insistiu na busca dun gol que chegou a cinco minutos para o final. Un gol de Mon nunha xogada embarullada despois dun córner que fixo estoupar a ledicia en San Lázaro facendo crer que o soño da permanencia estaba moito máis preto. 
Sen embargo, a reacción asturiana non tardou en chegar. Tras sacar de centro, buscaron a porta de Pato pola banda esquerda do seu ataque e a xogada rematou en falta. Un xogador colgou a pelota á área e Jorge aproveitou os problemas dos nosos á hora de defender as xogadas a balón parado para facer o empate.
O 1-1, que fai xustiza ao visto sobre o campo, foi un duro golpe para un equipo que non foi quen de reaccionar e xa só precisa unha milagre para xogar a vindeira tempada na Segunda B.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 46), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Dani Hernández, Fondevila (Jordan, min. 77), Bicho, Goti (Mon, min. 67); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Josu e Dani Hernández.
GOLES: 1-0 85' Mon, 1-1 87' Jorge. 
ESTADIO: San Lázaro. 

Gañar, gañar ou gañar

O Compos terá este sábado un encontro vital para manterse na categoría de bronce. Un partido ante o Lealtad onde só se pode gañar, non facelo podería achegar o descenso á Terceira case sen remedio posible. A cita máis importante ata o momento. O momento máis duro no que hai que demostrar que o ano que ven o equipo debe estar na Segunda B.
O Lealtad, que chega despois de facer historia en Vigo cunha nova vitoria grazas á que conseguiron a mellor puntuación na súa historia. De feito, os asturianos xa poden presumir de asinar un ano máis a súa presenza na categoría de bronce. Conseguírono grazas aos 44 puntos sumados ata o momento. 13 vitorias, só 5 empates e 13 derrotas máis. Un dos equipos máis goleadores da categoría con 44 tantos ata o momento e o máis goleado da zona media alta do grupo con 35 goles recibidos só superados polo Burgos. A nivel individual hai que destacar a presenza de Pablo Espina e Pedro Beda, os máximos goleadores do equipo con 9 e 8 tantos cada un nun equipo onde hai ata 15 xogadores diferentes con polo menos un gol no seu casilleiro.
Os asturianos non están a pasar por un bo momento. A pesar da vitoria ante o Celta B, só sumaron 9 dos 30 últimos puntos posibles. Ese dato mellora tendo en conta que fóra da casa só levan 10 puntos, dato que só empeoran os catro equipos que ocupan postos de descenso directo. 2 vitorias en dúas visitas a Galiza, Somozas e Vigo, e 4 empates todos eles con goles e na segunda volta. Cabe destacar tamén que as dúas vitorias chegaron con remontadas incluidas.
Esta será a segunda ocasión na que o Lealtad, un dos equipos máis modestos da categoría, visite San Lázaro. Fai xa ano e medio, na primeira, o Compos sumou os tres puntos grazas a un gol de Marcos en propia porta e outro de Teles, que fixeron case inútil o gol de Jorge Fernández. Bo precedente pero do que non nos podemos fiar tendo en conta que agora é o Lealtad o que ocupa un posto na zona media e a Esedé un no descenso.
Ambos chegan en momentos moi diferentes. O Compos rematou unha xeira de catro encontros sen perder cunha derrota ante o Tudelano mentres que o Lealtad pechou unha mala xeira de catro xornadas sen coñecer a vitoria grazas ao 1-3 en Barreiro. 
Na primeira volta, o Lealtad remontou o encontro nun minuto de infarto. Josu abriu o marcador para os nosos pero na segunda metade Jorge Fernández e Camochu deron a volta ao resultado en cousa dun minuto. E Jesús Varela, en propia porta, sentenciou o encontro. 
En canto ás baixas, Fredi mantén as de João e Joaquín por lesión e a de Marqueta por sanción, anque xa é o seu último encontro lonxe do terreo de xogo, á que se suma Manu Rodríguez. Pola súa parte, Javier Rozada perde a Omar por lesión.
O encontro será este sábado ás 17 horas en San Lázaro. Non será televisado pero quen non poida achegarse a San Lázaro poderá escoitalo a través da radio oficial do clube ou nas redes sociais da Curva Branquiazul.

Novo pau en Tudela

O Compos segue sen coñecer o sabor da vitoria fóra de San Lázaro despois de caer en Tudela. Unha derrota ante o mellor equipo do que vai de segunda volta pola mínima nun partido sen ocasións, sen moito fútbol e no que faltou puntería para conseguir algo máis importante. Ibai fixo o único gol do xogo na primeira metade e con el chega a segunda derrota dende a chegada de Fredi ao banco compostelanista. 
Cun once inédito por mor das numerosas baixas coas que contou o adestrador morañés esta xornada, o Compos buscou sorprender na casa do cuarto clasificado. Pero o Tudelano, que está a pasar por un momento inmellorable, saiu ao terreo de xogo cunha marcha máis e despois de dez minutos de dominio total dos navarros chegou o gol. Un gol de Ibai axudado por un erro defensivo.
O equipo local buscou aproveitar o bo momento e en só cinco minutos tiveron un segundo gol que o asistente do colexiado non dubidou en anular por fóra de xogo mantendo as opcións de puntuar dos nosos. 
Ante o dominio total dos navarros, o Compos non puido facer moito nos primeiros corenta e cinco minutos. Un erro importante nunha ocasión que non se repetiu máis. De feito, antes do descanso só houbo unha oportunidade dos nosos para materializar un saque dende a esquina pero de novo sen sorte.
Na segunda metade o Tudelano fíxose de novo coa posesión da pelota pero permitindo un pouco máis o manexo a un Compos que tivo as mellores oportunidades. Sen embargo, nin así se pode falar de perigo real sobre a porta local. Dous córners sen importancia foron o mellor dun equipo sen ideas de cara a gol e que se limitou a defenderse.
Unha derrota máis e a pensar na visita do Lealtad do vindeiro sábado a San Lázaro. É imposible non gañar, de non facelo poderían esgotarse as escasas opcións de manternos na categoría de bronce.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jordan, min. 46), Portela (Sergio Sánchez, min. 69), Catú, Jimmy; Marcos; Jesús Varela (Juan Rey, min. 84), Manu, Fondevila, Goti; e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Manu Rodríguez e Josu.
GOLES: 1-0 12' Ibai.
ESTADIO: Ciudad de Tudela. 

A pola conta pendente


Despois da importantísima vitoria ante o Cacereño na casa, toca visitar un dos campos máis complicados da categoría. O Tudelano, xa cun pé na promoción de ascenso grazas aos nove puntos de ventaxa sobre o quinto clasificado, o Pontevedra, recibirá a un Compos incapaz de gañar fóra de San Lázaro unha tempada máis pero que suma só unha derrota dende a chegada de Fredi ao banco. 
Se a serie de resultados do Compos dende a chegada do adestrador moañés é boa, mellor é a do Tudelano. O equipo navarro é o terceiro mellor equipo na súa casa no que vai de tempada pero sen dúbida o que máis chama a atención son os 15 encontros consecutivos que suman sen coñecer a derrota. Dende o 1-2 ante o Racing de Santander, alá polo mes de novembro sendo ademais a única derrota na casa, colleitaron nove vitorias e seis empates. 
Con 56 puntos, o Tudelano é o 4º clasificado da táboa empatado a puntos co Logroñés e a nove puntos do Pontevedra, quinto clasificado, polo que poden respirar un pouco tranquilos de cara ao final da tempada. Isto conseguírono grazas ás 16 vitorias e os 8 empates ata o momento sumados ás 6 derrotas, cinco delas lonxe do seu campo. A iso hai que sumar os 39 goles a favor e os 23 en contra, sendo o terceiro equipo que menos goles encaixa. Iván Martín e Víctor Bravo son os xogadores máis destacados despois de anotar 6 e 5 goles respectivamente. 
Como locais só recibiron unha derrota, ante o Racing de Santander na que foi a derradeira derrota ata o momento, e empataron en 5 ocasións. tres deles sen goles. En canto ás 9 vitorias, só unha vez tivo que dar a volta ao resultado superando á Cultural Leonesa cun contundente 3-1. 
Voltando ao gran momento do Tudelano, acumulan 4 vitorias consecutivas e 6 encontros sen recibir ningún gol. De feito, só encaixaron 8 partidos en 15 partidos ademais de anotar 21 confirmándoo como o equipo máis perigoso neste momento da categoría de bronce. 
Pero se a sorpresa chegou na primeira volta coa vitoria branquiazul, por que non pensar en rematar coa gran xeira de resultados do Tudelano agora? Eneko puxo por diante aos visitantes ao comezo do encontro e os dez minutos finais foron de tolos. O Compos meteu unha marcha máis e Javi Moreno asinou o empate no minuto 79. Pero o mellor chegou dez minutos despois grazas a un erro dun defensa que rematou en penalti. Dende os once metros non perdoou Orbegozo sumando a que foi a segunda vitoria do Compos na presente tempada.
Esta será a segunda vez que o Compos visite o Ciudad de Tudela. A segunda vez na súa historia e a segunda tamén no que vai de tempada. De feito, a Esedé caeu no campo navarro na Copa do Rei por 3-2 nun partido de tolos onde Sergio Sánchez fixo os dous tantos branquiazuis. 
Os dous equipos chegan nun bo momento. O Compos leva catro encontros sen coñecer a derrota e nunca mellor momento para un partido vital, a que podería ser a primeira vitoria a domicilio, que despois de sumar unha importante vitoria ante o Cacereño. Pola súa parte, o Tudelano acumula catro vitorias consecutivas conseguindo a última ante o Lealtad cun gol de Alex Sánchez.
Para este partido, unha gran final sen favorito, Fredi non poderá contar con João nin Joaquín por lesión e á baixa de Marqueta por sanción únense Dani Hernández e Javi Moreno, os dous por acumulación de amonestacións. Ademais quedan fóra da convocatoria Bicho polo falecemento do seu avó e Javi e Chiño por decisión técnica.. Entra na convocatoria Juan Rey. Pola súa parte, no Tudelano non poderá estar Eneko por lesión e Dani Gómez por sanción.
O partido será este sábado no Ciudad de Tudela ás 17 horas. Non haberá televisión e só se poderá seguir pola Radio Galega así como nas redes sociais da Curva Branquiazul.  

Golpe de autoridade

Un bo Compos con moita efectividade na segunda metade asinou tres puntos de ouro ante un Cacereño que pareceu vir a polo empate. Un encontro onde a Esedé saiu a por todas sabedores da importancia de gañar a un rival directo. E despois do paso por vestiarios Guillem por partida dobre e Portela fixeron os tres goles para manter con máis vida que nunca ao equipo na loita pola permanencia. Cuerva fixo o gol extremeño para meter no encontro aos seus pero non foi suficiente para puntuar. 
Durante a primeira metade chegaron imprecisións por parte dos dous conxuntos. Ambos buscaron a porta contraria sen apenas sorte ningún. Baixo unha intensa chuvia, Bicho avisou cunha ocasión que desbaratou a defensa visitante e só un minuto antes foi un xogador do Cacereño o encargado de poñer en problemas a Pato, que evitou o primeiro cunha gran intervención.
Dos primeiros corenta e cinco minutos, sen moito fútbol e menos ocasións de perigo anque co Compos dominando a pelota nas inmediacións da área rival, hai que destacar a lesión dun xogador contrario. Despois de encararse a varios xogadores branquiazuis, Collado recibiu un golpe importante nun encontronazo con Pato. Despois de varios minutos no chan, o dianteiro saiu do terreo de xogo pero volveu entrar minutos despois para volver a tirarse ao chan incapaz de continuar no encontro e perdendo aínda máis tempo gañando as críticas de xogadores e afeccionados locais.
Na segunda parte as cousas foron moi diferentes. Menos de dez minutos bastaron para que chegase o primeiro gol da tarde. Centro desde a banda esquerda que cabecea Manu no segundo pau directamente á madeira. O rexeite, libre de marca e a porta baleira, chegou aos pés de Guillem que non perdoou o seu segundo gol coa elástica branquiazul.
Feito o máis difícil, chegaba o momento de manter o resultado e buscar boas ocasións para aumentar a diferenza. Guillem buscou con insistencia o segundo pero atopouse co porteiro nas mellores chegadas sobre a porta extremeña. 
Pero foi de novo desde a esquerda por onde chegou o gol. Dani Hernández, que entrou sete minutos antes, sacou dende o curruncho e puxo a pelota na cabeza de Portela, que non perdoou facendo o seu segundo gol en dous encontros da mesma forma. 
O gol do central non foi suficiente para encarrilar unha nova vitoria branquiazul. A ledicia local non durou máis de catro minutos, o tempo que precisou o Cacereño para devolver un so gol de diferenza ao luminoso. 
Co 2-1 volveu a insistencia branquiazul sobre a porta de Montiel. E a cinco minutos para o final, sen tempo de reacción contraria posible, chegou o gol definitivo. Centro dende a dereita de Manu Rodríguez, báixaa Goti e finaliza un Guillem que non asinou un terceiro na súa conta particular nos minutos finais por moi pouco.
Finalmente, o Compos conseguiu unha vitoria moi importante ante un rival da zona baixa da táboa aumentando as opcións de manterse na categoría a falta de oito xornadas para o final da tempada. Agora xa é momento de pensar na difícil saída a Tudela, da que hai que sacar algo positivo. 

ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela, Portela, Sergio Sánchez, Jimmy; Javi Moreno; Jordan (Dani Hernández, min. 65), Manu Rodríguez, Goti (Marcos, min. 85), Bicho (Fondevila, min. 74); e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Javi Moreno, Jimmy, Bicho e Dani Hernández.
GOLES: 1-0 53' Guillem, 2-0 72' Portela, 2-1 76' Cuerva, 3-1 84' Guillem.
ESTADIO: San Lázaro. 

A facer bo o empate en Guijuelo


O Compos debe facer bo o empate en Guijuelo cunha vitoria na casa ante o Cacereño. Será a proba máis importante se o equipo quere salvarse ante un rival na mesma loita e nunha xornada onde os oito últimos clasificados xogarán entre si. Máis de tres puntos en xogo e a necesidade por parte de ambos de sumar unha vitoria que manteña as opcións de poder estar a vindeira tempada na categoría de bronce.
O Cacereño ocupa agora mesmo a 17ª posición na táboa con 29 puntos. Superan con catro puntos ao equipo branquiazul e, despois da vitoria ante o Lealtad pola mínima, coa que remataron cunha serie negativa de ata 12 encontros sen coñecer a vitoria, están a só dous puntos do posto de promoción de permanencia e a un máis da salvación. E todo isto despois de sumar só 5 puntos na segunda volta do campionato.
Trátase dun equipo con números moi similares aos do Compos. É o segundo equipo que menos goles anotou de todo o grupo con 19, só superado negativamente polos nosos, e comparten ambos conxuntos o posto de equipo menos goleado dos que agora mesmo loitan por saír dos postos baixos da táboa con só 33 goles recibidos en 29 xornadas. A nivel individual destaca Valverde, máximo goleador con 7 dianas.
En canto aos partidos xogados, o equipo extremeño tamén comparte moito parecido coa Esedé esta tempada. Os dous equipos levan 14 derrotas no que vai de tempada e as únicas diferenzas atópanse nas 2 vitorias máis que suma o Cacereño e os 2 empates máis dos galegos. 7 vitorias e 8 empates para un equipo que non está a facer unha boa segunda volta.
Lonxe da súa casa, o Cacereño é o terceiro peor equipo da casa con só 7 puntos. A diferenza do Compos, conseguiron sumar unha vitoria alá polo mes de decembro na visita a Aranda. A esa vitoria hai que sumar 4 empates todos eles sen goles. De feito, a domicilio anotaron 7 goles e encaixaron 23, gran parte de todos os recibidos no total ata o momento. 
No encontro da ida, Compos e Cacereño empataron sen goles. Esa foi a única visita da historia do Compos ao campo Príncipe Felipe ao igual que esta será a primeira ocasión na que o Cacereño visite San Lázaro. 
Na pasada fin de semana os dous equipos sumaron resultados positivos, anque non o suficiente para os nosos. Un empate a un gol en Guijuelo nun partido onde a Esedé non tivo ideas para sumar a primeira vitoria a domicilio e na que recibiu os golpes importantes coas lesións de João Camacho e Joaquín. Pola súa parte, o Cacereño gañou na casa ante o Lealtad grazas a un gol de Pablo Gállego. 
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar con Josu, Mon e Marqueta por sanción ademáis de João Camacho e Joaquín por lesión. 
O encontro será este sábado ás 17 horas en San Lázaro. Quen non poida achegarse ao encontro poderá velo en directo pola segunda canle da TVG ademais de escoitalo pola 'Radio Esedé' na web oficial do clube e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul. Para os non abonados, o clube ten ofertas na tenda oficial grazas ás que se poden conseguir entradas mercando os productos oficiais antes do sábado pola mañá.

Un punto máis ou dous menos?

O Compos sacou un punto da sempre difícil visita a Guijuelo. Un empate que deixa as cousas moi complicadas para o final da tempada a falta de 9 xornadas pero mantendo as esperanzas. Cuarto encontro que remata con reparto de puntos dos cinco últimos e agora a promoción de permanencia vaise aos seis puntos. Un gol de Portela ao comezo do encontro non foi suficiente para conseguir a primeira vitoria fóra da casa xa que minutos despois chegou a igualada salmantina. A nota negativa do encontro chegou coas lesións de Joaquín e João Camacho, que estará de baixa entre 4 e 6 semanas. 
O encontro arrincou da mellor maneira posible para os nosos. Superados os cinco minutos de xogo, Portela sumou un novo gol importante na súa carreira. O central ourensán foi o autor do primeiro ao rematar unha falta lateral, na que se mancou o xogador portugués, aumentando as opcións branquiazuis de levarse a vitoria na primeira das dez finais que restan ata o final da tempada. 
Por diante no marcador e con cinco defensas, algo que se repite despois da vitoria contundente na casa ante o Pontevedra, o equipo non foi quen de manter a vitoria ante un rival incapaz de darlle a volta aos partidos esta campaña. Doce minutos despois chegou o empate cun erro defensivo incluido a balón parado. Falta, rexeita mal a zaga galega e Antonio Moreno, que rouba a pelota dentro da área, iguala o marcador cun disparo cruzado na área pequena.
A partir do empate, o Guijuelo tomou o manexo do encontro. Fíxose coa pelota e fixeron caer a intensidade do xogo evitando ademais a saída co balón xogado por parte dos nosos. Imprecisións, interrupcións e sen ocasións ao que hai que sumar os dous trocos por lesión na Esedé en cousa de media hora. 
Na segunda metade, máis do mesmo. O Guijuelo fíxose coa pelota pero non foi quen de superar a barreira defensiva imposta polos homes de Fredi, incapaces de adiantarse de novo na única oportunidade de gol dos segundos corenta e cinco minutos. E é que Guillem non está a ter sorte nos últimos metros dende a súa chegada a San Lázaro.
As interrupcións polos trocos marcaron unha segunda parte sen ocasións, con pouco fútbol e na que ningún dos dous equipos mereceu levar os tres puntos. O Guijuelo, dono do esférico, buscou con máis corazón que cabeza a porta de Pato, que só tivo que meter a man na primeira metade. 
Agora é momento de pensar no partido vital ante o Cacereño en San Lázaro do vindeiro sábado onde unha derrota podería sentenciar ao equipo. Nel, Fredi non poderá contar con Josu nin Mon por acumulación de amonestacións ademais dos mancados e Marqueta.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Portela (Goti, min. 75), Catú, Sergio, Jimmy; Manu Rodríguez; João Camacho (Jordan, min. 5), Joaquín (Mon, min. 30), Bicho; e Guillem.
CARTÓNS: Amarelos para Manu, Portela, Josu e Mon.
GOLES: 0-1 7' Portela, 1-1 19' Moreno.
ESTADIO: Municipal de Guijuelo.

As matemáticas son favorables


Ben é certo que nos dous últimos encontros o equipo parece que está a perder a intensidade coa que chegou Fredi pero o adestrador moañés aínda mantén con opcións ao Compos. Restan dez xornadas para o final da tempada e só 5 puntos nos separan da promoción de permanencia, dous máis o fan da permanencia. E despois de catro xornadas sen coñecer a vitoria toca visitar ao Guijuelo na que, agardemos, sexa a primeira vitoria lonxe de San Lázaro na presente tempada.
O Guijuelo ocupa a zona media da táboa sen apenas opcións de loitar pola promoción de ascenso anque si podería buscar rematar nun posto que lle permita xogar a vindeira edición da Copa do Rei. Esta fin de semana recibirán ao Compos na novena posición con 40 puntos no seu casilleiro, doce por enriba do descenso e a dez da promoción de ascenso.
O equipo salmantino é o que menos empates suma ata o momento con só 4, só un como local. Conseguiron 12 vitorias e outras 12 derrotas ata o momento con números moi similares tanto na casa coma a domicilio. 22 puntos na casa con 7 vitorias e 18 a domicilio con 5 e 3 empates, son os números dun equipo que deixou saír case a metade dos puntos do Municipal de Guijuelo.
Tendo en conta o casilleiro de goles do Guijuelo, non son tan diferentes ao Compos, anque saben suministrar mellor os seus tantos. Só 24 a favor e 26 en contra sendo un dos equipos que menos goles fai e dos que menos recibe, con menos de un de media por partido.
Como locais, os homes de Rubén De la Barrera levan 7 vitorias e só un empate sen goles ante o Cacereño. Se ben o equipo suma resultados con máis goles cando xoga na súa casa, só nun encontro fóra da casa se puideron ver máis de dous goles (no 5-0 ante o Coruxo). Como locais anotaron 18 goles, o 75% do total, e recibiron 14, case a metade pero curiosamente máis dos que reciben fóra. Ademais, a nivel individual, perderon a Nacho Rodríguez no mercado invernal. O dianteiro cántabro, agora nas filas do Mensajero, sumou 4 goles na primeira volta. Agora mesmo, Jonathan é o máximo anotador do equipo con 3 tantos.
Esta será a cuarta visita da Esedé ao Municipal de Guijuelo. Nos tres enfrontamentos anteriores houbo resultados para tódolos gustos. No 2009 chegou a vitoria local cun gol de David Karanka. En 2013 repartíronse os puntos grazas aos goles de Jonathan polos locais e Manu Rodríguez polos nosos. E na pasada tempada caeu por fin a vitoria branquiazul. Un gol de Jimmy foi suficiente nun campo onde non é nada fácil gañar.
A esta cita, os chacineros chegan despois de superar ao Lealtad a domicilio. Sen embargo, na casa só conseguiron 3 dos últimos 15 puntos posibles grazas á vitoria pola mínima ante o Burgos. Pola súa parte, o Compos sumou un empate no seu último encontro ante o Burgos. Tres puntos de doce posibles nos catro últimos encontros pero só perdendo ante o Valladolid B. Ademais, as tres últimas saídas remataron todas con empates.
Para este partido Fredi recupera a Catú, baixa por acumulación de cartóns ante o Burgos, pero mantén a baixa de Marqueta, sancionado. Rubén De la Barrera non poderá contar con Aitor Aspas por sanción.
O partido será este domingo ás 17 horas no Municipal de Guijuelo. O prezo das entradas estará entre 18 e 7 euros, dependendo da zona do campo e da idade. Quen non poida achegarse ao campo poderá escoitalo grazas ás desconexións na Radio Galega ou ben por internet en Radio Guijuelo.