Dianteiro por dianteiro

O Compos segue movéndose para facer un equipo competitivo e hoxe anunciouse unha nova fichaxe para a dianteira. Santiago Fernández Gegunde reforza o ataque branquiazul procedente do As Pontes. Por contra, Chiño deixa o Compos despois dunha tempada onde pasou do filial ao primeiro equipo convertíndose no terceiro dianteiro durante a primeira volta e o segundo na segunda. Ademais, o clube confirma a continuidade de Pablo Fuentes no cargo de adestrador de porteiros por un ano máis.

Chega Santi.
Santi é un dianteiro asturiano, nado en Navia, de 22 anos e con experiencia na Terceira galega. A pesar da súa curta idade, leva xa catro anos na Terceira despois do seu paso polas categorías inferiores do Lugo e o primeiro equipo do Outeiro de Rei, de Primeira Autonómica. O seu debut na categoría chegou nas filas do Narón, no 2012. 
A pasada tempada, no As Pontes, foi o máximo goleador do equipo. 11 goles en 36 partidos dun habitual no once. Case 3.000 minutos para un seguro no ataque.

E vaise Chiño.
Chiño non seguirá no Compos despois dun ano no que pasou do Estudiantil ao primeiro equipo durante a tempada. Habitual nas convocatorias de Iñaki Alonso, debutou en outubro ante a Cultural Leonesa en San Lázaro. Máis de 700 minutos entre Liga e Copa Federación nos que marcou un gol en San Lázaro ante a Gimnástica. Ademais, foi un dos máximos goleadores na pretempada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario