O Compos xa ten os seus tres primeiros xogadores de cara á vindeira tempada. As tres primeiras incorporacións de Yago Iglesias serán presentadas nas vindeiras horas na súa nova casa deportiva. Trátase de Saro, Samu e Mitogo, os dous primeiros procedentes do Noia e o terceiro do Barco. Tres xogadores con experiencia na categoría a pesar da súa idade.
Cesáreo Seoane Mella, máis coñecido por Saro. O irmán dunha lenda branquiazul, Jimmy, chega ao primeiro equipo da Esedé procedente do Noia, onde xogou ás ordes de Yago Iglesias. Lateral dereito de 26 anos que tamén pode xogar en posicións máis adiantadas e que a pasada tempada xogou 35 partidos saíndo como titular en 26.
Con el chega tamén Samuel Rodríguez Noya, Samu. Centrocampista de 21 anos de Bembibre que chega á Esedé despois dunha tempada onde foi un titular indiscutible. 36 partidos xogados, só un deles saíndo dende o banco, e os dous restantes tivo que velos dende a bancada por sanción. Foi ademais o autor de catro goles.
E dende o Barco de Valdeorras chega David Edu García Mitogo. Nado en Guinea Ecuatorial, aos seus 26 anos, é un dianteiro formado na Ponferradina e que chega á Esedé despois de xogar en Segunda división B e Terceira. Autor de 10 goles o pasado curso, é un dianteiro con gol, algo que falta en San Lázaro dende a saída de Joselu.
A falta de mes e medio para o comezo da tempada non coñecemos aínda nada máis. Aínda faltan moitas fichaxes e algunha que outra baixa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario