Se esta mañá coñecimos ás tres primeiras incorporacións, esta tarde fixéronse oficiais dúas máis. Alberto Lamas, procedente do Racing Vilalbés, e José Manuel 'Cardeñosa', do Arousa, reforzarán o centro do campo e a defensa do equipo branquiazul, que podería estar a piques de asinar outro xogador máis do Ordes nas vindeiras horas ademais de negociar durante o día de hoxe con xogadores do Cerceda.
Un dos grandes centrais da Terceira galega chega á Esedé. José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Cardeñosa, xogou a pasada tempada nas filas do Arousa. Un xogador que se estreou na categoría absoluta nas filas do Vilalonga. Dous anos despois, cunha fase de ascenso ás costas, puxo rumbo cara o Rápido de Bouzas. Un ano en Vigo e ao Céltiga dous anos antes de xogar cinco tempadas nas filas do Boiro. E de Boiro ao Arousa, onde xogou 1.800 minutos en 25 partidos e anotou un gol contra o Verín ademais de ver 10 cartóns amarelos e un vermello.
Alberto Lamas Verdes, máis coñecido como Make, reforza o centro do campo. Únese a Samu na nómina de centrocampistas procedente do Racing Vilalbés. Aos seus 26 anos, foi un fixo no once do seu equipo onde superou os 3.000 minutos. Formado nas categorías inferiores do Lugo, chegou a estrearse co primeiro equipo nun partido na Segunda B antes de recalar no equipo da súa terra.
E ademais, rumores.
Ademais das cinco chegadas de hoxe, polas redes sociais circula o rumor de que nas vindeiras horas podería pecharse a contratación de David Rey, do Ordes. Xunto el, o clube iniciou as conversas con tres xogadores do Cerceda, aínda que non se saben nomes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario