Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 19 20. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 19 20. Amosar todas as publicacións

Preparando...


O Compos e a Selección Galega amateur terán este mércores unha cita interesante en Santa Isabel no que será un novo amigable de preparación do combinado que xogará en algo máis de quince días nas nosas terras a primeira fase da Copa de Rexións da UEFA contra Castela-A Mancha e Ceuta en Portonovo, Vilalonga e a Illa de Arousa. Un partido que, por outro lado, servirá aos nosos para preparar o amigable fronte ao Paiosaco na Porta Santa. 


Tres branquiazuis no bando rival. 
Para este partido, Yago Iglesias contará con tres baixas especiais. Miki, Brais Abelenda e Samu poderán participar no encontro mais o farán no combinado galego. Os tres xogadores da Esedé foron convocados por Iván Cancela para os adestramentos e estarán contra o seu propio equipo este mércores. 
Os tres xa adestraron a pasada semana en Caldas co resto dos seus compañeiros mentres que, a finais de outubro, Miki non puido estar no primeiro adestramento cos outros dous compañeiros, sendo substituido polo exbranquiazul Róber, actualmente nas filas do Arosa. 
No combinado galego, formado por xogadores da Terceira galega, aparecen grandes futbolistas entre os que se atopa o ex dos nosos Jesús Varela, defendendo agora as filas do Alondras. A parte, pezas tan interesantes coma Adri Castro ou Iker Hurtado confirmando un ataque con moito gol. 
Ao anterior hai que engadir a presenza dun futbolista do Paiosaco. Pablo, lateral dun Paiosaco que se medirá este domingo cos nosos, será o representante do cadro carballés nunha selección na que o adestrador terá que facer catro descartes antes da lista definitiva. 

Terreo semellante. 
Santa Isabel e a Porta Santa contan cunha característica semellante. A parte das medidas case idénticas entre os dous terreos de xogo, o máis importante é que ambos os dous contan con herba artificial, algo que non se lle está a dar de todo mal aos nosos nesta tempada logo de superar sen grandes complicacións os partidos no Morrazo e no Baltasar Pujales. Non obstante, este enfrontamento pode servir tamén como un novo adestramento neste tipo de céspede nunha semana onde a preparación do novo partido será, coma sempre, no San Lázaro II. 

Teremos parón. 
Como pasou a pasada fin de semana na Primeira división, na Terceira tamén teremos un parón por fútbol de seleccións. No noso caso será a fin de semana do 8 de decembro por mor da xa antes comentada Copa de Rexións da UEFA, torneo que se xoga cada dous anos e no que na última ocasión o combinado galego superou a primeira fase caendo na segunda. 
Dito parón chegará entre os encontros fronte ao Arosa no Vero Boquete e a visita ao Pontellas que significará a última saída dos nosos neste 2019.

Tarde de mércores.
Esta cita, diferente ao habitual, chegará o mércores ás 18:15 horas no Municipal de Santa Isabel. Un partido que, para quen non poida asistir, poderase seguir a través da conta de Twitter do clube e da Curva Branquiazul. 

Final do soño

Ata aquí chegou a andaina do Compos na Copa Federación. Unha derrota inmerecida contra un Coruxo que presentou menos sobre o terreo de xogo do Vero Boquete, en perfectas condicións malia a cantidade de auga caída na capital galega nas últimas horas. Cento vinte minutos de fútbol nos que o cadro local foi superior e o visitante demostrou maior efecividade. Un gol con polémica, outro co corazón e un terceiro definitivo nun partido que deixa aos vigueses a noventa minutos da Copa do Rei. 

Só faltou o gol. 
O partido comezou co Coruxo buscando mandar no partido, unha superioridade que se igualou antes dos vinte minutos. Non obstante, Anxo salvou as escasas oportunidades viguesas. No outro lado do campo, as ocasións tardaron en chegar pero con máis intensidade e perigo sobre a porta defendida por Brea, capaz de levar ao seu equipo ao tempo de lecer co resultado inicial. 
Boas novas foron moitas, arrincando polas boas sensacións dun Compos capaz de mirar á cara a un rival de superior categoría. Non obstante, neste primeiro tempo tamén chegou unha mala nova coa retirada de Jimmy, mancado. 

Á épica. 
O segundo tempo foi máis do mesmo. Un Compos superior pero incapaz de materializar as ocasións diante dun Coruxo ben situado, agardando para saír á contra aproveitando a velocidade dos seus atacantes. Non obstante, tiveron que agardar media hora para, nun córner e non sen polémica, adiantarse no marcador. Un balón que pon Antón de Vicente directo á portería, Anxo intenta atrapalo en dous tempos e o colexiado decreta gol olímpico do vigués. A polémica chega por parte dos xogadores branquiazuis, os que mellor o puideron ver, protestando porque a pelota non botou dentro, algo que haberá que esperar para comprobar.
Por sorte, non tardou en facerse xustiza no marcador cunha xogada por banda liderada por Hugo Sanmartín. O extremo pon o esférico no corazón da área e alí non perdoa Gabri coa esquerda. Un golazo que abría as portas de media hora máis de fútbol sendo o cuarto partido que remata o tempo regulamentario en empate nos cinco que xogaron os nosos nesta competición. 

Sen forzas.
No tempo de prolongación, o Compos seguiu a ser superior sobre o campo. Posesión, chegadas e algunha que outra ocasión con perigo sobre a portería defendida por Brea. Pero, de novo, a eficacia foi cousa doutros. Ao igual que pasou o pasado domingo no Couto, a efectividade impúxose á insistencia e Sylla, á contra despois dun balón en longo, non perdoou un ano máis diante de Anxo. 
Na segunda metade da prórroga xa as forzas eran moitas menos, mais a Esedé non quixo baixar os brazos. Aínda así, o Coruxo tivo o terceiro logo dun claro fóra de xogo non sinalado e as perdas de tempo sucedéronse tentando aguantar o resultado. 

Agora, o Coruxo terá na súa man o pase á Copa do Rei. Quedan noventa minutos no Helmántico contra o Salamanca CF. Pola súa parte, os nosos pensan xa en superar as dúas últimas derrotas este domingo contra o Estradense en Santiago. 

Seguimos de copas

Chegou a primeira oportunidade para esquecer a derrota no Couto na volta da Copa RFEF ao Vero Boquete. E no camiño á Copa do Rei chega un derbi galego contra o noso primeiro rival da Segunda B. O Coruxo, duro rival dos nosos na categoría de bronce nestes últimos anos, volverá poñer as cousas complicadas a un Compos que quere manter vivo o soño de recibir a un grande na casa no mes de decembro.


Unha tempada dura.
Coma cada ano, o obxectivo principal do cadro vigués pasa por seguir competindo na Segunda B, á que chegou en 2010 e da que non volveu saír. Non obstante, este curso preséntase moi duro para os xogadores de Míchel Alonso nun dos grupos máis duros de toda a categoría, senón o máis complicado cunha gran cantidade de filiais e equipos do nivel de Atlético Baleares, Ibiza ou o recén descendido Rayo Majadahonda.
Non obstante, malia xa terse enfrontado a grandes rivais, o equipo demostrou un bo nivel, aínda non o mellor das súas posibilidades, deixando claras mostras da súa eficacia, sendo un dos equipos menos goleadores pero conseguindo aínda así un total de 3 vitorias e 1 empate en 8 xornadas. Un equipo que ten o gol como sinónimo de triunfo puntuando de tres no cen por cen das veces nas que conseguiron ver porta deixando, ademais, a súa porta a cero sempre que puntuaron, algo que se repetiu tamén na pasada rolda da Copa Federación no Vao contra o Internacional de Madrid, actual equipo de Aythami.
Fortes no Vao, só conseguiron tres puntos en catro saídas gañando unicamente en Mareo, pola mínima, contra o filial do Sporting. Ademais, derrota en Pasarón, no Estadio Balear e no Cerro del Espino superando sempre un gol de vantaxe por parte do equipo local e sen ser quen de ver porta sequera os vigueses. Unha estadística que buscarán rachar diante dun rival de inferior categoría.
A nivel individual, contan cun gran número de xogadores. Comezando co santiagués Alberto baixo paus, a experiencia de Jacobo Trigo en defensa, a calidade de Borja Yebra ou Alex Ares, aínda recuperándose unha lesión, no zona de creación e a facilidade de cara a porta de dianteiros coma Silva ou Sylla, dous xogadores que xa saben o que é gañar no Vero Boquete. Aos anteriores hai que sumar a Jonathan Vila que, aos seus 33 anos, deixou a India para poñer fin á súa carreira preto da casa. O porriñés foi durante moitos anos un habitual nas filas do Celta pasando tamén polas filas do Real Oviedo e chegando a xogar no Vero Boquete. Agora é un fixo no once titular do conxunto vigués e xa sabe o que é gañar nesta competición participando os noventa minutos na vitoria fronte ao Internacional de Madrid, da que falaremos máis adiante.

Semana de Champions. 
Oito días e tres partidos moi importantes tanto para Compos coma para Coruxo. Dous equipos que teñen que esquecer, a base de fútbol e goles, as derrotas sufridas a pasada xornada, recibindo os vigueses a máis importante no que vai de tempada e manténdose os nosos nesa boa liña defensiva que o levan a recibir medio gol por partido de media.
Empezamos o repaso no Couto. O Compos chegaba sacando peito despois de seis vitorias en sete encontros para enfrontarse a unha UD Ourense en horas baixas. Non obstante, coa inestimable axuda de Ángel Díez e un erro de Queiruga nunha contra, caeu o único gol do encontro para o lado ourensán. Unha derrota, a segunda do campionato, contra un rival máis efectivo tanto en ataque, materializando a súa ocasión máis clara, coma en portería propia, onde non deixaron opción cun Ángel Díez extraordinario.
Pola súa parte, o Coruxo tiña que viaxar cara terras madrileñas. Na súa segunda etapa nesta serie de partidos contra filiais, con Oviedo B, Atlético B, Real Madrid Castilla, Getafe B e Celta B completando un mes moi duro; os de Míchel Alonso non foron quen de facer fronte ao cadro roxibranco encaixando o primeiro tanto, obra de Riquelme, ao cuarto de hora de partido. Non obstante, a cousa non melloraría con Añón errando dende os once metros e, só dous minutos despois, chegando o segundo tanto local nas botas de Darío Poveda. O terceiro na conta local, co que xa asinar a sentenza, nun segundo tempo cómodo para o filial atlético asinado por Germán Valera.

Segundo paso. 
A fase estatal da Copa arrincou hai xa dúas semanas con Compos e Coruxo superando aos seus rivais. Dous equipos que non tiveron grandes complicacións para bater a rivais do seu mesmo nivel, sendo xunto co Móstoles o único equipo desta parte do cadro en xogar aínda na Terceira división.
A Arandina non foi rival para unha Esedé que non tardou máis de medio minuto en adiantarse. O gol de Miki abría unha goleada que se completou nun gran segundo tempo cun tanto de Rodri ao que Jorge Pesca non tardou en responder. Aínda así, para asegurar un triunfo cómodo nun partido de clara superioridade local, Josiño e Hugo, que se estreaba de cara a porta, completaron o 4-1 definitivo.
Máis problemas tivo o Coruxo para superar ao Internacional de Madrid. Un partido onde os dous equipos remataron con dez homes sobre o terreo de xogo e no que Aythami non foi quen de perforar a portería viguesa. O único gol do encontro, xa no segundo tempo, foi obra do ex dianteiro do Arosa Sylla.

Un durísimo rival. 
Se ben é certo que Compos e Coruxo comezaron a enfrontarse nos anos 60, cando os nosos foron moi superiores con goleadas como un 7-0, un 2-6 ou un 8-1. Unha serie de enfrontamentos historicamente desigualada con 15 vitorias dos nosos e só 5 dos verdes. Non obstante, a balanza decantouse nestes anos para os que este mércores xogarán de visitantes.
Comezamos en 2013. Un Compos recén chegado á Segunda B non perdoa a vida ao Coruxo. Vitoria branquiazul grazas aos goles de Manuel Castiñeiras, Jordan e Manu Rodríguez, mentres que Chacho fixo o tanto vigués. Primeira vitoria desta lista e única xa que non se volveu sumar de tres en partido oficial fronte ao Coruxo. Ese mesmo curso chegaría a resposta viguesa no Vao nun partido onte se adiantaron os nosos cun gol de Nacho e no que Antúnez e, de novo, Chaco asinarían a remontada.
Moito máis igualado estaría o 2014. Un empate sen goles no Vao na primeira volta e outro, cun tanto por bando, que deixaba ao equipo dirixido por Iñaki Alonso moi tocado na pelexa pola cuarta posición aínda con catro partidos por diante.
E pechamos esta serie con dúas derrotas. A primeira, moi avultada. No Vao chegaría unha das peores goleadas dos últimos anos para un equipo sen ideas, sen fútbol, e no que só Mon foi quen de marcar gol intentando manter con vida a unha Esedé que recibiría un total de cinco tantos. Non obstante, máis dolorosa foi a recibida na segunda volta. Obrigados a gañar para manter as esperanzas na salvación, o equipo de Fredi recibía no Vero Boquete a un Coruxo sen nada polo que loitar. Cifuentes facía o primeiro gol visitante e Sergio Sánchez asinaría a igualada. Un empate que non duraría nin tres minutos co gol de Rafa Mella deixando ao Compos con pé e medio na Terceira división.

Salamanca ou Móstoles. 
Compos e Coruxo coñecen tamén aos dous posibles rivais de cara aos cuartos de final, a antesala do premio grande. Un Salamanca que xa pasou polo camiño dos nosos na Final da fase de ascenso en 2018 e rival dos vigueses a pasada tempada, ou ben un Móstoles que pelexa polo mesmo obxectivo que os nosos logo de dúas fases de ascenso nas que non conseguiron unha praza no fútbol nacional por primeira vez na súa historia.
O Salamanca CF UDS parte como favorito nesta pelexa. Sétimos clasificados no grupo 2 da Segunda B, con equipos do norte de España e Castela e León, farán valer a súa condición de locais así como a importancia do Helmántico. Diante, un Móstoles que ocupa tamén a mesma posición mais no grupo 7 da Terceira división sendo un dos posibles rivais dos nosos na pelexa por volver á categoría de bronce. Un partido que dará comezo media hora antes que o do Vero Boquete.

Todos dispoñibles. 
A diferenza dos últimos encontros, para esta ocasión Yago poderá ter á súa disposición aos 19 futbolistas, entre os que terá que facer un descarte para a convocatoria definitiva. Soto, que non puido estar contra a UD Ourense, estará xa dispoñible logo de cumprir o seu partido fóra por sanción. Ademais, podería incluir algún xogador do filial como xa fixo durante a pretempada.

Semana de Champions. 
Logo da derrota no Couto e pensando tamén no partido do domingo contra o Estradense, os de Yago Iglesias recibirán este mércores ás 20:30 horas a un Coruxo que chega con forza e intención de facer algo importante entre a derrota contra o Atlético B e a visita ao Vao do filial do Real Madrid. Un gran encontro no que se espera unha boa entrada malia o mal tempo e para o que as entradas volverán a ter un prezo de 5 euros mentres que serán de balde para aboados do Compos así como para os menores de idade.
Por contra, para quen non poida asistir ao teatro dos soños branquiazul, o partido poderase seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Sen penaltis

Feito o primeiro paso. O Compos estará nos oitavos de final da Copa RFEF onde se medirá co Coruxo, tamén no Vero Boquete, dentro de quince días. Un partido cómodo, doado por momentos, contra unha Arandina que non presentou grandes complicacións ao equipo dirixido por Yago Iglesias. Catro goles coa estrea de cara a porta de Hugo Sanmartín na que foi a volta aos terreos de xogo de Sergio Pereira, debutando esta tempada logo da lesión que o apartou todo o verán. Miki, Josiño e Rodri volveron ver porta tamén nun partido onde Anxo deixou boas intervencións na súa volta ao once titular. 

Hai que ser puntual. 
Temperatura agradable, orballo e un máis que aceptable número de seareiros nas bancadas do Vero Boquete para ser un xoves ás oito da noite. Así partía un Compos-Arandina no que quen chegara tarde xa non puido celebrar o primeiro gol. E é que en menos de corenta segundos, balón de Gabri para Rodri e este cambia para Miki. O de Nigrán, como xa acostuma este curso, non perdoa no man a man co gardameta visitante asinando o primeiro da noite cando moita xente aínda non estaba sequera no campo. 
Feito xa o máis complicado, era o momento de buscar asegurar o triunfo. Contra unha Arandina que quixo meterse no partido sen fortuna á hora de bater a Anxo, polo menos non co balón en xogo, diante dun Compos que volveu tirar da velocidade de Miki e Saro para crear unhas ocasións que non acababan de concretarse malia a insistencia. 

Sentenza final. 
Logo do paso por vestiarios, a cousa púxose moito máis de cara. Nova pelota que recibe Miki, este abre o seu oco pola banda e pona atrás para Rodri. O ex dianteiro do Bergantiños non perdoa diante do porteiro asinando o segundo gol do equipo e o segundo na súa conta particular en partido oficial dende que asinou pola Esedé. 
Non obstante, a intensidade branquiazul baixou co segundo gol e as imprecisións nos primeiros metros sucedéronse cunha Arandina que non foi quen de aproveitalo para superar a Anxo. Un gol, o castelán, que chegou a balón parado nunha das poucas faltas cometidas polos nosos en campo propio. O tanto que foi obra de Pesca entrou na portería de Anxo de forma suave sendo imposible para o porteiro. 
Logo do gol co que os de amarelo recurtaban diferenzas, entrou ao terreo de xogo un Brais Abelenda que cambiou aínda máis o treito final do partido. O de Bembibre foi o asistente no terceiro gol, asinando a tranquilidade, cun cabalgada pola banda e un pase que deixaba ao bueués libre de marca e co porteiro superado, para que só tivera que empurrar o balón ao fondo das redes. 
E só catro minutos despois caeu o cuarto e definitivo. Nova chegada de Brais Abelenda atopando os ocos na defensa arandina e centro ás costas da zaga para un Hugo Sanmartín que non perdoou cunha fermosa volea, imposible para o porteiro. 

Agora, sen case tempo para descansar, toca preparar o partido contra o filial do Clube Deportivo Lugo. Por outro lado, a Copa RFEF volverá ao Vero Boquete dentro de dúas semanas nun partido onde o rival xa será de categoría superior. O Coruxo de Alex Ares bateu ao Inter de Boadilla de Aythami e será o '10' de Pontedeume o que volva á que foi a súa casa ata este mesmo verán.

Semana de Champions

Se hai algo que o clube nos querería acostumar, polo menos ata xaneiro, é aos partido entre semana. E é que chega a Copa RFEF e con ela aumenta a actividade no Vero Boquete, onde haberá que recibir á Arandina nun partido que se presume complicado fronte a un rival da mesma categoría a só tres días do enfrontamento, tamén en terras santiaguesas, diante do filial do Clube Deportivo Lugo.


Un grupo moi complicado.
A Arandina está este ano por terceira tempada consecutiva loitando por volver a unha Segunda B na que compartiu grupo co Compos quedando ás portas, ao igual que os nosos, nestes dous cursos pasados competindo con equipos no grupo 8 do nivel de Zamora, Gimnástica Segoviana ou Atlético Astorga. Un nivel tan alto, con outros rivais que están a dar unhas grandes tardes de fútbol coma os filiais de Numancia e Salamanca ou o Burgos Promesas, que ten ao cadro de Aranda de Duero situado na sexta posición con 12 puntos en 6 xornadas.
Superando a Beroil Bupolsa, La Bañeza, Cristo Atlético e Atlético Tordesillas anotando un total de 8 goles e sen recibir ningún, o equipo burgalés non foi quen de puntuar contra Santa Marta na casa, onde tampouco foi quen de ver portería, nin diante do Atlético Bembibre caendo pola mínima encaixando o segundo gol a vinte minutos para o final e deixando claro que, polo de agora, se reciben gol non puntúan, un dato moi importante para un Compos que anotou en todos os seus partidos agás nas Eiroas. 
Aínda co ritmo por coller, pouco se pode dicir do que levan feito os homes de Jordi Fabregat neste arrinque de tempada. A domicilio, ao igual que na casa, sacaron 6 de 9 puntos posibles complicándose a vitoria na primeira xornada en Burgos mentres que, dúas semanas despois, golearon en La Bañeza. As súas saídas ata o de agora complétanse coa derrota en Bembibre, contra un rival ante o que xogou hai varios anos o Compos en pretempada. 
A nivel individual, manteñen un bloque que levou ao equipo a xogar a promoción de ascenso da tempada pasada, perdendo en semifinais contra La Nucía polo dobre valor do gol fóra da casa, e asinaron experiencia con pezas como David Narváez ou o dianteiro Joaqui López, que volvía a vestir as cores que defendeu na 2011/12 sendo agora unha das pezas máis a ter en conta en labores ofensivas sendo autor de 2 tantos. Un gol máis suma o seu máximo artilleiro, Fran Adeva. 

O último rival. 
Como xa contamos antes, Compos e Arandina xa compartiron grupo na categoría de bronce. Un dato que visto así non chama a atención tanto pero é que o cadro castelán foi o último rival dos nosos na Segunda B ata o de agora, aínda que sendo nesta ocasión no Montecillo e non no Vero Boquete. Aquel partido comezou cun gol de Trigueros en propia porta a prol dos nosos e Fran Adeva, xa no segundo tempo, igualou o resultado. O tanto do triunfo branquiazul foi obra de Bicho xa no engadido.
Polo outro lado, á Arandina déuselle ben San Lázaro na súa visita hai xa tres anos cun triunfo pola mínima grazas a un gol de Pau Franch que afundía algo máis aos nosos na clasificación, aínda con Iñaki Alonso como adestrador. 

Bos resultados previos.
Os dous equipos chegan a esta eliminatoria, a partido único, despois dunha liña moi semellante nas últimas xornadas. Dous equipos que contan a maioría dos seus partidos por vitorias e a pasada xornada non foi para menos. 
O Compos visitaba o Baltasar Pujales, un campo sempre difícil, para golear ao Rápido de Bouzas nun encontro serio en todas as liñas, coa defensa a un gran nivel, e cos donos das bandas, Josiño e Miki, dando de novo unha gran lección de fútbol ofensivo. Un partido onde houbo a gran nova do gol de Rodri que tanto buscou ata agora o dianteiro e a estrea de Alberto Freire despois da lesión que o tivo apartado durante este verán e comezo da presente campaña. 
Pola súa parte, a Arandina recibía na casa ao Atlético Tordesillas no que o dominio local transformouse no primeiro tempo nun gol de Beli que acabaría sendo suficiente para volver ao camiño do triunfo logo da segunda derrota encaixada sete días antes en terras leonesas. 
Ao anterior hai que engadir que ningún dos dous equipos sabe aínda o que é empatar na liga, algo que si fixeron os nosos nesta mesma competición nas tres roldas anteriores, mentres que os visitantes superaron ao Real Burgos pola mínima na ida e por goleada na volta chegando en bo estado a esta fase. 

Fame de vitorias. 
Se hai algo que caracteriza a este Compos son as gañas de sumar cada fin de semana. Un equipo máis completo que o das pasadas tempadas e que non se conforma con nada, acumulando xa 13 goles a favor e só 2 en contra na competición da regularidade. Non obstante, isto non é algo que se repita na Copa RFEF, competición onde un erro pode condear a continuidade dun equipo. 
Co paso previo pola fase galega da competición, o equipo de Yago Iglesias tivo que superar a rivais coma Paiosaco, Estradense e Ourense Club de Fútbol. Tres equipos que puxeron contra as cordas aos nosos ata o punto de, non só ter que ir á prórroga, ter que decidir ao gañador dende os once metros. E aí apareceron as grandes versións de Pato, en cuartos e semifinais, e Anxo, na final fronte ao conxunto ourensán.
Non obstante, o paso da Esedé pola competición non sempre garda tan bos recordos. A última vez que o equipo pelexou na fase estatal da Copa RFEF, en 2015, houbo que enfrontarse á Gimnástica de Torrelavega onde a eliminación branquiazul chegou polo gol fóra da casa, empatando a 1 no Vero Boquete e sen goles en terras cántabras. 

Un bo premio final. 
Se ao longo da historia pouca importancia se lle daba á Copa RFEF, que xogaban incluso equipos que perdían na primeira rolda da Copa do Rei, este ano buscou dárselle algo máis de relevancia. E é que malia non recibir ningunha compensación económica ata chegadas as semifinais, o premio pode ser moito maior. 
A fase estatal arrinca esta mesma semana e rematará no mes de decembro, meses antes do habitual. O motivo deste adianto de eliminatorias, que se xogarán cada quince días e entre grupos marcados pola proximidade xeográfica, a mesma coa que se separan na Segunda B, é que pasa a ser a partido único cada rolda e hai un premio moi interesante para os catro semifinalistas, que ao non haber filiais nin equipos xa clasificados para o trofeo principal da federación española, xa que xogarán a primeira rolda da Copa do Rei deste mesmo curso recibindo no seu campo a un equipo da Primeira división, ningún que xogue competición europea, ou Segunda división. Pero antes, a Arandina. 

Perdendo efectivos. 
Se contra o Rápido de Bouzas estaban case todos dispoñibles, fronte á Arandina hai máis baixas. Ás dúbidas de Pablo Antas, Hugo e Sergio Pereira, hai que sumar a baixa segura de David Soto. O central ourensán cumprirá contra os casteláns o seu segundo partido de sanción logo de ser expulsado na semifinal fronte ao Paiosaco. Por outro lado, si poderá estar dispoñible Jimmy despois dun partido fóra por sanción, contra o Ourense CF.

Horario diferente. 
Para evitar quitar audiencia aos partidos da Champions League, o Compos-Arandina será este xoves día 3 de outubro ás 20 horas no Vero Boquete de San Lázaro. Un gran partido para o que as entradas terán un prezo de 5 euros, a metade que na liga, mentres que tanto para aboados coma menores de idade será totalmente de balde. 
Por contra, para quen non poida asistir ao encontro, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Contra vento e Ourense

O Compos, despois de máis de 2 horas de fútbol, superou ao Ourense CF no campo de Baltar para saír campión da fase galega da Copa RFEF. Un partido que tivo de todo e que tivo que decidirse dende os once metros logo da primeira prórroga dos nosos neste curso. Emoción ata o final e, por terceira vez na competición, houbo que chegar aos penaltis logo dun, tamén por terceira vez, 2-2 no marcador ao final do tempo regulamentario. Os goles chegaron tamén nunha prórroga na que puido levarse o triunfo calquera dos dous equipos, cos ourensáns algo mellores, mais quedando todo para despois. 

De máis...
Dende o arrinque, o Compos quixo mostrarse superior sobre o terreo de xogo. Cun fútbol combinativo en campo contrario e un plantexamento arriscado, Yago Iglesias gañou a partida a Fran Justo nos primeiros case 60 minutos de encontro. Unha superioridade que se levou ao luminoso aos vinte minutos malia xogar contra o equipo rival e o vento, que dificultou enormemente o traballo dos nosos no primeiro tempo. 
Se hai dous nomes propios que salientar na primeira parte son os de Mon e Miki, que está a facer un arrinque de tempada espectacular. O centrocampista santiagués recibe un balón e, ante a liberdade de movemento, decide poñerlle un balón medido ao de Bueu ás costas da defensa. Este, facendo gala da súa veloidade e calidade, controla a pelota e pícaa ante Diego García para asinar o primeiro gol da noite en Baltar. Un gol que serviu, sobre todo, para dar tranquilidade a un Compos que o estivo a merecer durante os primeiros intres do encontro. 
E algo máis do mesmo nos primeiros 15 minutos da segunda parte. O Compos seguiu a controlar o manexo da pelota contra un Ourense que pouco puido facer para evitar o primeiro gol oficial de Rodri coa elástica branquiazul, ou amarela neste caso xa que se estreou a nova equipación. Un golazo no que de novo interviu Mon para asistir logo dun roubo de Saro no pico da área. 

... A menos. 
E de golpe, o equipo desaparece. O segundo gol provocou unha baixada de intensidade no Compos que non tardou en reflexarse. Unha falta que bota Renan Zanelli remata cun penalti na área branquiazul nun intento de despexe dos nosos. E dende os once metros non perdoou o dianteiro brasileiro mantendo con vida ao cadro ourensán.
Coa Esedé baixando o nivel e os ourensáns amosando un mellor estado físico, chegou a que xa non era sorpresa vendo o que estaba a ocorrer sobre o verde. O Ourense, que xa era superior sobre o terreo de xogo, igualou o resultado cun balón ás costas da defensa que non dubidou en transformar en gol Adri Castro. Un gran disparo que foi imposible para Anxo. 
Co empate seguiu a ser mellor un Ourense que atopou en Lamelas un problema á hora de finalizar as mellores ocasións, E é que o ourensán non tivo o seu mellor día diante de Anxo errando oportunidades de gol clarísimas no man a man tanto no tempo regulamentario coma na prórroga e nos penaltis, mandando por enriba do longueiro o disparo definitivo. 

Directos á prórroga.
E, por primeira vez na competición, apareceu a prórroga. Media hora máis de fútbol que, malia o cansazo que fixo mella nos dous equipos, nos deixou dous goles máis, un por parte. No lado compostelanista, o gol chegou en forma de agasallo xa que a xogada iniciouse cun roubo de Josiño en tres cuartos, pelota para Gabri e este busca poñela na área, onde aparece Germán para rematar coa cabeza á súa propia portería. 
A segunda metade da prórroga tivo aínda algo máis de emoción, xa que o Ourense buscou non só o gol do empate, conseguido aos dous minutos nunha xogada ensaiada que non perdoou Adri Castro, senón que, ademais, tivo na man unha remontada que evitaría chegar a unha longa quenda de penaltis. 

Anxo, peza chave. 
Os penaltis non puideron empezar mellor para os intereses branquiazuis. Pibe foi o encargado de inaugurar a quenda e Anxo o primeiro protagonista parando o único penalti no que finalmente interviu un dos porteiros baixo paus, xa que Diego García transformou o que tirou. 
Un total de 16 penaltis, con 13 deles rematando no fondo das redes, e un Gabri que tería a misión de transformar o máis importante, o que daba a vitoria ao Compos por 6 goles a 7. Antes, Rodri, Casas, Miki, Josiño, Samu e Saro atinaron cos seus mentres que Baleato mandouno fóra. 

E seguimos vivos. 
Agora ben é certo que hai que pensar unicamente na cita do domingo fronte ao Centro de Deportes Barco. Non obstante, hai que ir botando un ollo ao que se pode vir nesta Copa RFEF, xa na fase estatal. Agora dividida por zonas, imitando os grupos da Segunda B, o Compos xa coñece a 5 rivais que poden aparecer no seu camiño o vindeiro 3 de outubro, cando se xoguen os dezaseisavos de final. E non son outros que Coruxo, Salamanca CF, Burgos, Internacional de Madrid e Arandina quedando aínda para este xoves o Móstoles-Navalcarnero do que sairá outro dos posibles e un equipo canario.

Primeira final

Estamos no mes de setembro e xa temos aquí a primeira Final oficial. O Compos terá que enfrontarse ao Ourense CF este mércores en Baltar, Portonovo, por un posto na fase estatal da Copa RFEF así como o premio que un dos dous equipos levará ademais de seguir vivo nunha competición que cambiou de formato dando máis oportunidades aos equipos de menor categoría así como alixeirando o número de encontros pasando a xogarse cada eliminatoria a partido único.


Inmersos no seu 'tourmalet' particular.
O comezo de liga para o Ourense CF non puido ser peor en canto a rivais pero non así en relación ás sensacións que está a deixar o cadro ourensán. E é que o calendario quixo que tiveran que arrincar a competición regular contra o Bergantiños na casa e, a domicilio a pasada fin de semana, contra o Fabril. Quince días que se completarán para os homes de Fran Justo co partido en Portonovo e a visita do Rápido de Bouzas ao Couto.
Ata o de agora, o conxunto ourensán asinou 3 puntos de 6 posibles logo de gañar con contundencia ao Bergantiños na casa na estrea oficial de Portela no Couto mentres que a sorte non estivo con eles en Abegondo caendo no partido onde debutou de xeito oficial o outro ex branquiazul nas filas do Ourense, Rubén Martínez. Por outro lado, no camiño da Copa RFEF só tiveron que superar ao Arenteiro, nun partido que se decidiu dende os once metros, antes de facerse co posto nesta final ante a renuncia do Alondras.
A nivel individual contan cun equipo moi completo e forte en tódalas liñas e, sobre todo, moita xuventude mesturada coa experiencia de futbolistas coma Portela ou Renan Zanelli. Un equipo no que onde se espera que poida ter minutos Rubén, que deixou a Esedé despois de 3 anos.

Un camiño de rosas.
Os dous equipos arrincaron na Copa RFEF nos cuartos de final cunha diferenza moi importante, que chegou na semifinal. E é que os dous conxuntos tiveron que ir aos penaltis para bater ao Estradense no caso dos nosos e ao Arenteiro no dos ourensáns. Dous partidos moi complicados, contra rivais de Terceira división que ocupan a día de hoxe postos da zona media da clasificación.
A gran diferenza chega na semifinal. O Compos sufre de novo para superar ao Paiosaco, tendo que ir de novo aos penaltis, mentres que o Alondras, rival do Ourense, renunciou á competición deixando aos de Fran Justo co posto na Final sen necesidade de xogar.
Outra diferenza está na liga, onde o Ourense xa tivo que enfrontarse a dous dos rivais máis duros do campionato goleando por 3-0 ao Bergantiños e caendo na Coruña por 2-0 chegando a esta cita cansos e pensando tamén no partido contra o Rápido de Bouzas. Por outro lado, o Compos é un dos dous equipos que suma un pleno de vitorias en liga despois de golear a Alondras e Somozas amosando unha efectividade total con Josiño nun estado de forma excepcional.

Un rival sempre difícil.
Non foron moitas as ocasións nas que Compos e Ourense Clube de Fútbol mediron as forzas en partido oficial pero se hai que sacar a un gañador nesta serie de enfrontamentos, que se repetirán este curso por terceiro ano consecutivo, ese é o cadro adestrado por Fran Justo.
A primeira tempada na que os dous equipos se viron as caras, o partido rematou con empate a 1 gol no Couto. Non obstante, non houbo cor na volta coa goleada branquiazul supoñendo a única vitoria nosa. E é que a tempada pasada, o Ourense pasou por riba do Compos no Vero Boquete conseguindo unha vitoria importante e volveu gañar, nesta ocasión pola mínima, na cidade das Burgas contra un equipo pensando máis na promoción de ascenso que arrincaría en oito días.

E que ninguén se manque.
Ben é certo que o premio é tentador mais, paga a pena? O partido chega xa coa liga comezada, nun momento importante para os dous equipos nos que buscan aínda achegarse ao seu nivel real e nun punto onde o físico aínda non está a tope, coa posibilidade de que haxa algunha que outra lesión importante. Por outro lado, 3 mil euros de recompensa para o gañador.

Numerosas baixas.
Se xa non é doado facer unha convocatoria no Compos para este arrinque de liga, máis complicada estará a deste mércores. Ás baixas coñecidas por lesión de Alberto, Hugo Sanmartín e Sergio Pereira hai que sumar dúas moi importantes que apuntaban ao once titular. Soto e Jimmy non poderán estar nesta cita logo de ver o cartón vermello directo no partido de semifinais contra o Paiosaco perdéndose o central, ademais, o partido da seguinte rolda no caso de gañar en Baltar.

Portonovo, pobo con estrea.
Este martes estreáronse as novas camisolas coas que a Esedé buscará o ascenso esta tempada e poderían verse por primeira vez, a visitante, en Baltar. Portonovo foi a sede escollida para esta final e, despois das negociacións, a data definitiva é este mércores ás 20 horas. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 5 euros e poderán mercarse nas billeteiras do campo. 
Por contra, quen non poida achegarse ata Portonovo, poderá seguir o partido nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitalo en directo no Galicia en goles da Radio Galega. 

Estamos na final!

O Compos asinou o pase á Final da fase autonómica da Copa RFEF logo de superar ao Paiosaco nos penaltis nun partido onde os nosos foron superiores sobre o terreo de xogo mais no que os locais aproveitaron a que tiveron para poñer en serios problemas a un equipo que acabou con dous homes menos, logo das expulsións de Jimmy no primeiro tempo e a de Soto xa cando o partido estaba a piques de tocar ao seu fin. 

Penalti e expulsión. 
O partido foi un dominio constante dun Compos que, de novo, tivo problemas á hora de conseguir materializar as ocasións. Un asedio constante sobre a portería de Rama que, non obstante, non atopou máis premio ca un disparo ao pau de Gabri Palmás, aos que engadir algunha que outra ocasión máis que salvou a defensa sen grandes complicacións.
Na portería de Pato, a cousa era moi diferente. A defensa branquiazul non pasou por dificultades durante a primeira media hora ata que, a cinco minutos para o final do primeiro tempo, chegou a sorpresa. Chega á área o Paiosaco e alí derruba Jimmy ao rival. Penalti e unha expulsión que deixaba con dez aos nosos con aínda case unha hora por diante. E, dende os once metros, non perdoou Eiroa enganando a Pato no que sería o primeiro penalti fronte ao uruguaio. 

Premio! 
O dominio do primeiro tempo mantívose tamén no segundo malia a inferioridade numérica sobre o verde da Porta Santa. Non obstante, a diferenza dos corenta e cinco minutos anteriores, si houbo a sorte precisa suficiente para igualar o marcador. Foi Josiño, que está a amosar un gran nivel, o que apareceu no segundo pau para, cun bo testarazo, dar vida ao equipo. 
Unha vida que se mantivo, que non medrou, ata o final do tempo regulamentario. É máis, a sorte volveu poñerse de costas aos nosos cando a dous minutos para o final, cando todo estaba por decidirse, coa expulsión de Soto deixando ao Compos con nove e privando a Yago Iglesias de poder ter no once titular da Final a dous titulares. 

Pato salvador. 
Dende os once metros tivo que decidirse de novo o pase do Compos a unha seguinte rolda da Copa RFEF. E, como pasou contra o Estradense, Pato volveu poñer a camisola de heroe parando dous penaltis e sendo, unha vez máis, decisivo. Ademais, Rodri, Baleato, Casas e Antas non perdoaron fronte Rama. 

Agora, só falta saber a data na que se xogará a Final que dará acceso á fase estatal fronte ao Ourense CF logo da renuncia do Alondras á competición contando así con algo máis de tempo para preparar o inicio da liga que será contra os nosos no Morrazo. 

Segunda semifinal

Unha semana despois de caer fronte ao Bergantiños, o Compos terá que afrontar a segunda semifinal. A Porta Santa abrirá as súas portas para dar a coñecer a un dos finalistas da fase territorial da Copa RFEF para un partido que medirá aos nosos co Paiosaco nunha nova cita contra un equipo da mesma categoría a só sete días de que dea comezo a liga na Terceira división. Unha segunda ocasión de ver aos nosos nun partido oficial e, unha vez máis, lonxe da casa.


Nivel de fóra.
O Paiosaco, con practicamente o mesmo equipo ca o ano pasado, chegará a esta cita con moi poucas caras novas que melloran o nivel. De feito, polo de agora, son 3 as novas incorporacións do cadro verdibranco e todas ocupando praza 'sub-23', 2 deles procedentes do fútbol xuvenil catalán.
En canto á pretempada dos laracheses, conseguiron chegar aos cuartos de final da Copa Deputación caendo nesa mesma rolda a mans do Galicia de Mugardos, que correu coa mesma sorte diante do Fabril quedando tamén ás portas da final. Antes, superaron ao Eume pola mínima e golearon ao Miño. Ademais, superaron ao Victoria na súa última cita antes de recibir ao Compos e fixeron o propio co Silva na rolda previa da Copa RFEF.

A 90 minutos dunha final.
O Paiosaco, que tivo que arrincar antes de tempo na competición, e o Compos, que sufriu para chegar a onde está, terán este domingo a oportunidade de xogar a súa primeira final do curso. A noventa minutos está un premio ao bo facer, sobre todo, dende os despachos formando un equipo forte de cara ao que se vén en 10 días.
Nesta Copa RFEF, o Compos xa se estreou en cuartos diante do Estradense. Un partido complicado para os nosos, máis do esperado, no que o triunfo se fixo de rogar ata os penaltis. No primeiro tempo adiantáronse os nosos grazas a un gol de Samu mentres que Borja Míguez e Juanín conseguiron remontar a eliminatoria. E xa, cando todo parecía perdido, apareceu Queiruga para anotar o empate final que levaba o pase aos once metros, onde Pato fixo o seu traballo á perfección asinando o pase dos nosos.
Pola súa parte, o camiño do Paiosaco foi un tanto diferente. Os homes de Juan Riveiro tiveron que arrincar nesta Copa RFEF antes, na fase previa, onde superaron ao Silva grazas a un gol de Juan a falta de dous minutos para o final do encontro. Pois ben, nos cuartos de final estaban emparellados co Rápido de Bouzas pero, días antes da data do xogo, o cadro vigués renunciou á súa praza asinando así a súa presenza nas semifinais o cadro larachés.

A Porta Santa, territorio conquistado.
Ao igual que o Paiosaco foi quen de sacar un resultado moi positivo na súa visita ao Vero Boquete de San Lázaro, onde foron quen de remontar un 2-0 no segundo tempo, os nosos sacaron algo aínda máis importante na primeira volta, na Porta Santa.
A primeira visita na liga ao feudo bergantiñán rematou, por contra, cun triunfo branquiazul que se fixo no segundo tempo grazas aos goles de Casas, Santi e Alex Ares por partida dobre. Por contra, Otero anotou o gol local cando xa a vantaxe semellaba insalvable.

Último domingo antes da liga.
Aínda coa posibilidade de xogar a final desta competición o vindeiro mércores, o Compos terá que visitar ao Paiosaco no derradeiro domingo antes de arrincar a liga en Cangas fronte ao Alondras. Un partido que está marcado no calendario dende hai case unha semana e que arrincará ás 19:30h na Porta Santa.
E, para quen non poida asistir, o partido poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ás portas da final

O Compos non puido facerse cun posto na primeira final do verán ao non ser quen de impoñerse ao Bergantiños. Un partido con emoción e intensidade onde os de Miguel Figueira, que acabou vendo parte do partido dende a bancada, aproveitaron os erros defensivos dos nosos no arrinque do xogo para anotar dous goles nas dúas das tres ocasións que tiveron ao longo dos noventa minutos. Despois, a defender con todo para evitar que un Compos, que pasou a dominar o encontro dende os quince minutos finais do primeiro tempo, puidera darlle a volta ao resultado. 

Problemas en defensa. 
Os primeiros minutos de encontro supuxeron un cambio de cara ao resto do tempo. Foi así ata o punto que en menos de cinco minutos puido caer o primeiro gol carballés, obra dun Remeseiro moi activo que non atinou a mandar o esférico entre os tres paus. Non obstante, para ver aos de Figueira adiantándose, non houbo que esperar moito máis. Córner e Agulló salta máis que ninguén para mandar un testarazo ao fondo das mallas. 
Xa por diante, as intencións do Bergantiños pasaban por marcar un segundo tanto canto antes para, despois, xa meterse atrás a defender. Ese aumento de distancias chegou, de novo, moi cedo. Antes dos quince minutos, aínda cos nosos durmidos, caeu o segundo cun disparo potente de Aarón dende lonxe. 

Entrada tarde.
Con dous goles en contra, a Esedé ainda tardou en entrar no partido ata ben pasado o primeiro tempo. Non obstante, malia levar perigo nas botas de Jimmy e Josiño principalmente, a pelota non quixo sequera ir entre os tres paus. 
No segundo tempo, o Bergantiños pechouse atrás e o Compos levou totalmente o peso do partido. Aínda así, as ocasións chegaron mais sen a sorte precisa para encoller a vantaxe carballesa. Goles evitados na mesma liña ou un disparo de Antas que petou no longueiro aumentaron a tensión nun partido onde Miguel Figueira foi expulsado por protestar e no que, malia ser pouco máis ca un amigable, puideron verse cartóns amarelos que amosaron a intensidade coa que se viven estes enfrontamentos. 
Foi xa sen tempo cando, ao fin, caeu o gol branquiazul. Un novo centro de Miki, que non foron poucos, directo ao segundo pau onde apareceu Gabri Palmás para, coa cabeza, cruzar a pelota e manter cunha mínima esperanza a vida dos nosos.

Agora, logo da derrota, o equipo terá que preparar o partido do vindeiro domingo contra o Paiosaco na Porta Santa que suporá a última proba antes do comezo de liga se non hai ningunha sorpresa de última hora. 

Camiño ao máis alto

A primeira semifinal, das dúas xa confirmadas e que se reparten en cuestión de oito días, para o noso Compos chega este domingo. Un partido complicado, fronte un rival que durante a liga vai ser o máis directo, e cun premio importante: o posto na Final da Copa Deputación do vindeiro mércores coa suma económica que iso leva consigo. Diante, un Bergantiños que chega cun camiño semellante, na competición, ao dos nosos. 


Do mellor da categoría. 
Compos e Bergantiños. Bergantiños e Compos. Os vindeiros nove meses prometen moita emoción sobre o verde na pelexa, sempre interesante, pola primeira posición do grupo I da Terceira división. Un emparellamento nesta competición de verán que serve como entrante ao que arrinca dentro de dúas semanas, esperamos, aínda con dous partidos máis por xogarse antes sendo un a gran Final desta Copa Deputación. 
Antes, hai que botar tamén unha ollada atrás e ver que este emparellamento na competición non chega por primeira vez. De feito, será a terceira despois de que se puideran ver as caras alá por 2015, con Jimmy no noso equipo, e o pasado verán repetíndose nas dúas ocasións o mesmo resultado, con vitoria pola mínima a prol dos santiagueses. 
Alá polo 2015, con Jimmy no once titular, Gerard Oliva e Chiño foron quen de dar o pase a cuartos de final aos nosos cun gol do agora dianteiro do Boiro no engadido. Por outro lado, no 2018, foron Miki e Brais Abelenda os autores dos tantos que deixaban aos nosos nas semifinais, onde caería o Negreira. Por parte dos carballeses, fixo acto de presenza a 'lei do ex' námbalas dúas citas con goles de Borja Facal que servían para empatar os partidos. 

Un camiño moi parecido. 
Os dous equipos chegan a este último paso de cara á gran final, onde haberá que medirse ao gañador do Galicia Mugardos-Fabril logo dun camiño onde obtiveron resultados non moi diferentes. De feito, os dous sumaron dúas citas nas que pasaron sen encaixar e outra na que os penaltis decidiron ao vencedor. 
O Compos, que suma xa tres quendas de penaltis gañadas nesta pretempada, arrincou con goleada fronte ao Soneira mentres que o empate contra o Dumbría acabou con triunfo dos nosos dende os once metros. O último en caer, tamén con goleada, foi o Boiro cunha Esedé a medio gas pensando máis no encontro de onte contra o Estradense, que xa veremos se pasa factura ao estado físico dos nosos. 
Pola súa parte, o Bergantiños comezou goleando ao Bertamiráns mentres que o Arzúa, en oitavos, obrigou a seguir xogando máis alá do minuto 90. En cuartos, a vítima vermella foi un Puebla, adestrado por Anxo Casalderrey, que puxo en máis problemas do esperado aos homes de Miguel Figueira. 

A lei do ex. 
Se antes falabamos de que a Borja Facal, malia a súa posición, se lle daba ben marcar goles ao Compos coa camisola do Bergantiños, agora hai que falar dos xogadores que se verán as caras co seu ex equipo por primeira vez. Tres xogadores, dous no Compos e un no Bergantiños, que buscarán esquecer os bos momentos no contrario e dalo todo polo seu novo equipo. 
No Compos xa está a destacar no centro do campo unha gran versión de Baleato. O centrocampista está a ser xa unha peza fundamental nos plans de Yago Iglesias deixando mostras do seu nivel. Por outro lado, o que podería asinar os goles importantes é Rodri, dianteiro que apunta á titularidade coa lesión de Hugo Sanmartín. 
Mentres, no Bergantiños, é Marcos Remeseiro o salto de calidade que precisaba o equipo. O coruñés chegou este verán para intentar conseguir ese tan desexado ascenso nas Eiroas e xa é unha das pezas máis importantes do equipo, deixando mostras da súa calidade na zona de creación.

Pechamos a semana. 
Mércores, venres e domingo. Cinco días sen case descanso para os homes de Yago Iglesias, que están a facer unha pretempada longa e deixando, sobre todo, boas sensacións sobre o terreo de xogo. E este domingo chega, ademais, a oportunidade de facer que a vindeira semana conte cunha Final o mércores. Para iso, haberá que superar ao Bergantiños no Vero Boquete de San Lázaro ás 20 horas, un partido con entrada libre para que todo aquel que queira poida ver un dos grandes enfrontamentos galegos do momento. 
Por contra, para quen non poida ir, poderá seguirse o encontro a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Á épica

O Compos xa ten o seu billete para as semifinais da Copa RFEF, onde se medirá co Paiosaco, logo dun partido igualado, competido e con emoción ata o final. Unha cita na Estrada que chegou á quenda dos penaltis e na que a 'lei do ex' fixo acto de presenza con ata dous tantos anotados no Estradense por ex xogadores da Esedé. Non obstante, un tanto de Queiruga, que se estreou, nos intres finais, foi suficiente para levar esta primeira aparición dos nosos na competición un paso máis lonxe a algo máis de dúas semanas para o arrinque da tempada. 

Primeira parte para os nosos. 
Durante os primeiros corenta e cinco minutos chegaron as mellores xogadas e ocasións dos homes de Yago Iglesias. Un partido que contou, cedo, co primeiro gol dos nosos, obra de Rodri, anulado polo colexiado. Non obstante, pouco máis houbo que esperar para ver a xenialidade de Samu, nunha falta directa, coa que si foi quen de abrir o marcador. 
Un primeiro tempo que finalizou coa vitoria momentánea dos nosos, abrindo a lata e o pase a unha semifinal que se complicou nun mal desenlace. 

E segunda para os locais. 
Se no primeiro tempo foron os branquiazuis os que levaron o manexo do encontro, no segundo foron os homes de Alberto Mariano quen fixo o mellor xogo. A iso hai que engadir a chamada 'lei do ex'. E tanto que se fixo efectiva que aos vinte minutos chegou o empate das botas de Borja Míguez, dende os once metros, e a cinco do final foi Juanín o que lle dou a volta ao resultado. 
Non obstante, a ledicia branquiazul estoupou no engadido. De novo unha xogada a balón parado, unha falta, na que aparece Queiruga por enriba do resto para, coa cabeza, mandar o esférico ao fondo das redes empatando o encontro e levándoo aos penaltis, onde apareceu a mellor versión de Pato para darlle un novo triunfo aos nosos dende os once metros nesta pretempada. 

Cambiamos de copa

Logo de asinar o pase ás semifinais da Copa Deputación, que pecharán unha semana moi completa con ata tres partidos en cinco días, chega a primeira cita coa Copa RFEF, nova vía para acceder á Copa do Rei dando algo máis de importancia a un título menor. Diante, por fin, estará un rival co que haberá que verse as caras tamén ao longo da competición regular, un Estradense recén ascendido que quere dar guerra. 


Seguindo os pasos do Bergantiños. 
Sete equipos, logo da renuncia do Rápido de Bouzas, queren seguir o camiño que a pasada tempada tomou o Bergantiños na Copa RFEF. O equipo carballés derrotou o pasado ano ao Ribadumia nun partido cheo de emoción e goles que se decidiu dende os once metros. Un camiño polo que pasaron equipos coma Silva, Somozas e Arenteiro, ademais dos da Senra, e que rematou na fase estatal da competición, onde puideron superar ao Lealtad en dezaseisavos e caendo en oitavos fronte ao Internacional de Madrid, quedando unha rolda antes que o Pontevedra, campión un ano antes e que caeu en cuartos a mans do Cornellà. 
A Copa RFEF que, como xa comentamos antes, dá opción a xogar a Copa do Rei aos catro semifinalistas da fase estatal, un camiño longo pero cun premio moi interesante co novo plantexamento da competición do KO, agora a partido único ata as semifinais. Unha competición que puideron gañar xa Pontevedra e CD Ourense ata en dúas ocasións cada un e o Celta B mentres que o CD Lugo quedou ás portas caendo na Final contra o Racing de Santander B. Pola súa parte, o vixente campión do torneo é o CD Mirandés co santiagués Hugo Rama como unha peza fundamental do cadro burgalés. 

Están de volta. 
O CD Estradense foi un seguro da Preferente, quedando sempre ben situados no grupo sur da categoría, durante os últimos anos dende o seu descenso alá por 2012, logo de 2 anos na Terceira, nos que non foi quen de coincidir cun Compos que buscaba rexurdir coa nova directiva. Un equipo que buscará deixar boas sensacións na súa décima tempada no cuarto nivel do fútbol español con vellos coñecidos da afección compostelanista. 
Comezando polo banco, atopamos ao adestrador artífice do ascenso. Alberto Mariano, que tomou o control do primeiro equipo branquiazul durante varios meses na Segunda B, adestrará aos estradenses na súa volta á Terceira logo de facelo tamén na Preferente. Con el, Ander Bellido, Samuel Marque, Borja Míguez, Juanín Rey e a que pode ser a gran fichaxe do verán: Ube. 
Cun equipo moi completo, buscarán que a súa terceira etapa na Terceira galega arrinque coa permanencia. Non obstante, antes, chega un partido importante, aínda sen o nivel preciso para sacar cousas en claro logo de sacar un triunfo fronte ao Pontevedra, e caer diante a UD Ourense, no Triangular do Praíña. Ademais, golearon ao Ribadumia e superaron ao Céltiga pola mínima mentres que, este mércores, non puideron pasar do empate contra o Noia. 

Suma e segue. 
O Compos está lanzado nesta pretempada superando cada partido, logo dun arrinque complicado contra rivais de maior nivel. Un equipo que xa ten a súa praza na semifinal da Copa Deputación, onde se medirá co Bergantiños o venres ás 20 horas no Vero Boquete, e que quere facer o propio na fase nacional da Copa RFEF. Un partido que dará comezo este venres ás 21 horas no Municipal da Estrada. 
Un partido que, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Man ao Boiro

O Compos xa ten o seu pase ás semifinais da Copa Deputación logo de gañar e golear ao Boiro no Vero Boquete. Un partido sen grandes complicacións para os homes de Yago Iglesias que, malia xogar a medio gas, conseguiron pechar a vitoria xa nos primeiros corenta e cinco minutos. Con goles de Miki, Alberto, Brais Abelenda e Gabri, este por partida dobre, os nosos conseguiron unha 'manciña' pensando tamén no partido contra o Estradense do vindeiro venres pola Copa RFEF.

A medio gas. 
Durante o primeiro tempo non se viu unha gran superioridade por parte do Compos aínda que o resultado poida facer crer outra cousa. De feito, non se viu máis ca unha ocasión clara de perigo en máis de vinte minutos, ata que Brais Abelenda, moi activo durante os minutos que pasou no terreo de xogo, roubou un balón e asistiu para Miki, que definiu á perfección diante do porteiro. 
Non obstante, o nome propio da cita sería outro. E é que Gabri está a facer unha gran pretempada anotando hoxe dous goles máis que se suman aos tres antes asinados. O primeiro na súa conta particular chegou logo dun centro de Miki e só tivo que poñer a testa para marcar. 
O Boiro semellaba xa vencido ata que Xacobe tivo nas súas botas o gol da esperanza, unha ocasión que desbarataría Pato co pé sen excesivos problemas. Mais non tardía moito en chegar o terceiro dos nosos, obra de Alberto a pase de Brais Abelenda mentres que o cuarto, tamén antes do tempo de lecer, levaría a sinatura de Gabri, logo dun rexeite. 

Descanso. 
Os segundos corenta e cinco minutos tiveron aínda menos intensidade sobre o verde. Co partido xa sentenciado e unha gran diferenza entre ámbolos dous conxuntos, era o momento de probar cousas novas e, sobre todo, dar descanso a varios xogadores pensando no partido do venres, tamén importante, da Estrada. 
Aínda así, un dos nomes propios do encontro, Brais Abelenda, non quixo deixar o partido sen antes deixar unha nova lembranza. O de Bembibre amosou a súa calidade unha vez máis e acompañou ás dúas asistencias anteriores cun golazo de bela factura dende o pico da área. 

Agora, o equipo preparará o partido do venres pensando tamén no domingo, cando recibiremos ao Bergantiños no Vero Boquete coa Final da Copa Deputación en xogo, onde o outro rival sairá do Galicia Mugardos-Fabril. 

Chegan os rivais de nivel

Os cuartos de final da Copa Deputación están aquí e o primeiro rival de nivel chega na que será a segunda ocasión na que poderemos ver ao Compos no Vero Boquete. Nunha competición na que poderíamos ver un enfrontamento entre os dous favoritos a facerse co posto máis alto da clasificación na Terceira, no paso previo chega o Boiro. Un Boiro que dará guerra este ano na Preferente norte, á que volve logo dun gran paso pola Terceira e a súa estrea no fútbol estatal.


Un recén descendido.
Despois de enfrontarse a dous equipos de categorías inferiores, o Compos terá que medir forzas este mércores cun rival co que ata hai ben pouco compartía compartía nivel. Un Boiro de Preferente que chega a estes cuartos de final non sen sufrir na pasada eliminatoria sumando uns resultados semellantes, que non iguales, que os nosos contra Val do Ulla e Fisterra, rival co que abriron os oitavos de final da competición.
Un Boiro que arrincou tarde a súa preparación de cara ao novo curso e a nova categoría e que conta con algún que outro triangular polo camiño. De feito, en Ribeira, xogaron contra Arosa e Atlético Riveira perdendo cos arlequinados con gol de Manu Rodríguez e sen poder marcar tampouco contra os barbanzáns.
A parte, na Copa Deputación arrincaron contra un Val do Ulla que, aínda que quixo, non puido. Un partido no Coto no que se destacaron ex xogadores da Esedé coma Pablo Vidal, Paco e Chiño, autores de 4 dos 6 goles do equipo boirense con dous de parte do dianteiro. Pola súa parte, máis problemas tiveron para bater ao Fisterra malia poñerse por diante cun novo gol de Chiño que igualaron os locais no arrinque do segundo tempo. Nos penaltis, os de Luis Santiago gañaron por 8 a 9 nunha longa quenda con ata 20 disparos.

Longo camiño ata aquí.
Se o Boiro só leva 3 partidos de preparación ata o de agora, o dobre suman os nosos. Tres derrotas consecutivas contra equipos de máis nivel, Chaves, Celta B e Lugo, e outras tantas vitorias goleando ao Soneira e batendo tanto ao Noia coma ao Dumbría dende os once metros, despois de empatar ámbolos dous partidos a un gol cos porteiros como protagonistas deixando boas sensacións tanto Anxo coma Pato e Alex, gardamallas do xuvenil que defendeu a cancela branquiazul na segunda metade en Padrón.
Por diante aínda queda moito traballo ata que arrinque a liga no Morrazo, o 25 deste mes de agosto. E é que, a parte do Boiro, esta mesma semana teremos, como mínimo, unha cita máis. Un partido oficial contra o Estradense no Municipal da Estrada na que será a estrea branquiazul, o venres, na Copa RFEF. A parte, de bater aos do Barbanza, chegaría un dos pratos fortes da Copa Deputación o vindeiro domingo coa posibilidade dun partido contra o Bergantiños, que se medirá co Puebla tamén este mércores, por un posto na final.

Vello coñecido.
Compos e Boiro. Boiro e Compos. Moitos foron os enfrontamentos entre os dous equipos tanto en Santiago coma en Barraña con resultados igualados, co mesmo número de triunfos para cada equipo nestes últimos anos e ata 6 empates. Non obstante, a día de hoxe pode haber una gran diferenza entre os dous conxuntos como xa se puido ver no último partido de liga que xogaron no Vero Boquete e no que os nosos conseguiron a maior goleada do curso nun gran partido dos homes de Yago Iglesias e goles de Josiño, Remeseiro, Santi e ata tres dun Aythami que este curso xogará na Segunda B.
Non obstante, o Boiro sabe o que é gañar e golear no Vero Boquete. Así o fixo en 2017, cando os de Yago Iglesias caeron por 0-3 con goles de Yahvé, Cano e Otero. 

Fermosa tarde de mércores. 
Tarde de mércores en agosto. Moita xente de vacacións e un partido interesante no Vero Boquete. Un partido, que arrincará ás 20:30h, para o que a entrada será libre, tanto para aboados da Esedé como para os que non o sexan. Unha oportunidade perfecta para volver ver ao equipo na casa cun xogo algo máis definido, máis rodado, e nun partido máis competido e igualado cun posto nunha semifinal polo que loitar. 
Por contra, quen non poida estar no Vero Boquete, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do Compos. 

En cuartos con sufrimento

O Compos está xa nos cuartos de final da Copa Deputación, torneo onde quere revalidar o título, despois dun partido contra o Dumbría que se tivo que decidir dende os once metros. Os goles de Marcote para o Dumbría e Matías, en propia porta, para os nosos levaron o partido aos penaltis onde aí volveron gañar os nosos sumando a segunda vitoria da fin de semana e a terceira dunha semana que remata do mellor xeito posible. 

Pagando, de novo.
A primeira metade do Compos levou consigo unha superioridade abafante sobre o verde do Conco. Gran parte do xogo en campo contrario, ocasións moi claras sobre a portería defendida por Sergio, e ata dous balóns á madeira na primeira media hora de xogo, onde puido chegar a sentenza branquiazul. Non obstante, logo de moito perdoar, chegou o susto en forma de gol local, á contra, obra de Marcote.
Co resultado en contra, mantívose a superioridade branquiazul sobre o verde e non tardou en chegar o merecido tanto da igualada. Unha ocasión que comeza nas botas de Miki, cun centro ao corazón da área e remate de Gabri que entra na portería logo de petar nun defensa.

Máxima emoción. 
O segundo tempo tivo algo máis de igualdade sobre o terreo de xogo no que ningún dos dous equipos foi quen de cambiar de novo o marcador, que rematou con empate a un gol os noventa minutos decidindo o pase a cuartos dende os once metros. 
Nos penaltis, Samu, Baleato, Rodri e Antas acertaron co gol mentres que Josiño non atinou e Anxo parou o primeiro disparo dun Dumbría que erraría unha ocasión máis antes do final. 

Agora, o Compos terá que medir forzas co Boiro este mércores nos cuartos de final da Copa Deputación, dous días antes de facer o propio na estrea fronte ao Estradense na Copa RFEF. 

Pensando no domingo

Compos e Noia saltaron ao terreo de xogo do Novo Campo do Doce con diferentes aspiracións. O equipo noiés, dirixido por Iván Carril, saltou ao terreo de xogo a pola vitoria mentres que os compostelanistas, cun plantel con moitas pezas da base, xogaron máis pensando no partido de mañá fronte ao Dumbría na Copa Deputación, onde xa espera o Boiro nos cuartos de final para enfrontarse o mércores ao gañador. Aínda así, o premio do 'III Trofeo Vila de Padrón' estará na sala de trofeos do Vero Boquete logo dun triunfo agónico. 


Premio ao final. 
O Noia puxo contra as cordas a un Compos xogando a medio gas dende o comezo do xogo. Sen case intensidade, os de Iván Carril non tiveron problemas para achegarse á porta moi ben defendida por Pato. O gardamallas uruguaio foi a peza fundamental para non chegar ao tempo de lecer cun resultado máis amplo salvando ata dúas ocasións clarísimas de gol por parte dos que xogaron con papel de visitantes. 
Non obstante, tanto chamar á porta tivo a súa recompensa. O ex xogador da base branquiazul Víctor Vilariño aproveitou unha mala saída do porteiro para adiantar aos seus escasos intres antes de chegar ao final dos primeiros corenta e cinco minutos. 

Segunda metade para os menos habituais.
Con moi poucas pezas que formarán parte do primeiro equipo a vindeira campaña, Baleato e Pablo Antas puxeron a experiencia sobre o terreo de xogo suficiente para dar un bo susto. Rodeados de xogadores da base e Josiño, conseguiron evitar o dominio noiés de novo nos segundos corenta e cinco minutos mais sen ser quen de poñer en perigo a portería visitante. 
De novo a ledicia nun dos equipos chegou no treito final, nesta ocasión do segundo tempo. Pablo Antas, tamén segundos antes do final do partido, puxo a igualada cun golazo de falta que levaba o partido aos once metros, onde se decidiría a vitoria branquiazul por 4 goles a 2 traendo de novo o trofeo dous anos despois. 

Para os nosos, o importante chega mañá. Domingo pola tarde, á mesma hora, os homes de Yago Iglesias terán a súa segunda proba na Copa Deputación no Municipal do Conco. 

Fin de semana completa

Logo de superar ao Soneira este mércores, o Compos pechará a semana con outros dous xogos. Un amigable ao lado da casa, na Escravitude, e outra cita coa Copa Deputación, o domingo, fronte outro rival xa coñecido na nosa historia. Noia e Dumbría, dous equipos con pasado na Terceira galega, serán os encargados de aumentar a conta negativa branquiazul neste verán ou ben poderían ser as novas vítimas dun equipo que comeza a funcionar a base de goles e bo xogo.


Terceira edición.
O Trofeo Vila de Padrón chega á súa terceira edición este verán e será, ademais, a terceira ocasión na que conte co Compos como un dos convidados e campión da primeira edición, non así dunha segunda na que os nosos caeron contra o Pontevedra por goleada. Nesta ocasión, o Noia, equipo de Preferente, será o rival dun Compos que quere encadear a súa segunda vitoria neste verán e traer á capital o trofeo padronés por segunda vez.
O Noia, equipo que non puido meterse entre os dous primeiros clasificados do grupo 1 e volver á Terceira división, terá que enfrontarse de novo ao equipo de Yago Iglesias, ao que xa puideron plantar cara hai dúas tempadas en liga perdendo, non obstante, tanto en Santiago coma en Noia.

Sete anos despois.
Algo máis de tempo pasou dende que Compos e Dumbría se viron as caras en liga. Foi na última tempada dos nosos na Preferente e os fisterráns conseguiron asinar un triunfo na casa pola mínima que este curso será moito máis difícil de ver dada a diferenza de categoría. Aquela tempada, que rematou coa Esedé ascendendo como campión, rematou cun triunfo por equipo e un partido no Vero Boquete con ata dez goles facendo 6 o cadro branquiazul.

Sen encaixar.
O Compos chega a estes oitavos de final da Copa Deputación despois de non recibir ningún gol na anterior rolda do torneo. Fronte ao Soneira, en Vimianzo, chegou a primeira goleada da pretempada mantendo as boas sensacións que se puideron ver sobre o verde en Taboada, contra o Lugo, grazas aos goles de Miki, Brais Abelenda e os dobretes de Gabri e Rodri. Unha estrea inmellorable que buscarán aumentar este domingo na segunda etapa deste torneo de verán que tan ben se lles dá aos nosos nos últimos anos. 

24 horas.
Dous partidos en cuestión de 24 horas. Ese é o novo reto dun equipo que terá que visitar o Novo Campo do Doce, na Escravitude, para derrotar ao Noia o sábado ás 19 horas mentres que o domingo, á mesma hora, visitará O Conco para buscar superar ao Dumbría e aumentar o calendario desta pretempada, que conta cun partido máis, como mínimo, a vindeira semana coa visita branquiazul á Estrada na Copa RFEF. 
Ámbolos dous partidos poderán seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Primeira goleada

O Soneira non foi rival para un Compos que arrincou a súa andaina pola Copa Deputación 2019 con vitoria e goleada. Un triunfo moi cómodo para un equipo que se estreou de cara á porta deixando claras mostras do que se virá durante o curso. Dita goleada, no Municipal de Vimianzo, no que fixeron os seus primeiros goles Gabri e Rodri, asinando un dobrete cada un, así como Miki e Brais Abelenda, que mantiveron a súa facilidade de cara a gol. 

Dez minutos para sentenzar. 
Logo de media hora de partido, cunha superioridade clara da Esedé mais sen conseguir levar perigo á porta local, a tolemia apareceu á media hora de partido. Miki abría a lata inaugurando a conta deste ano mentres que Rodri faría o seu primeiro coa nova camisola en menos de cinco minutos. Un tempo que non tardaron en esperar Brais Abelenda, autor do terceiro, nin Gabri, que finiquitou o partido a falta de cincuenta minutos para o final, con toda a segunda parte por diante. 

Segunda metade máis tranquila. 
Se a primeira metade contou con ata catro tantos, a segunda pechouse cun par máis nos primeiros vinte minutos. Gabri e Rodri repetiron de cara á porta asinando os dous primeiros dobretes dun longo verán branquiazul que contará con dous xogos máis esta fin de semana: sábado contra o Noia na Escravitude e domingo, de novo na Copa Deputación, fronte a un Dumbría que superou ao Xallas. 


O campión comeza o seu camiño

A Copa Deputación xa está en marcha dende hai uns días e este mércores fará a súa estrea o vixente campión do torneo. O Compos, que aparece xa nos dezaseisavos de final, terá que superar ao Soneira SD de Primeira Galicia no Municipal de Vimianzo nunha semana na que se poderían xuntar un total de tres partidos en cuestión de cinco días, dependendo isto de gañar esta cita entre semana. 


Un dos grandes da competición. 
Ante a ausencia do Racing de Ferrol, finalista nas 5 últimas edicións e campión por última vez no 2017, o Compos será sen dúbida o gran favorito para facerse de novo co trofeo a mediados do mes de agosto malia contar, pola súa mesma parte do cadro, co Bergantiños como posible rival nas semifinais nun partido que podería facer que se abran as portas do Vero Boquete de novo antes do arrinque da liga. 
Ao anterior hai que engadir que o Compos foi gañador en 3 das últimas 7 edicións da competición. Fabril, Somozas e o Racing de Ferrol sufriron as derrotas fronte a un equipo que se fixo co título en 4 ocasións, sendo a primeira en 1990 contra o Deportivo da Coruña en Riazor, o mesmo rival que asinou a única derrota dos nosos nunha final un ano antes. 

Segunda cita. 
Para os nosos é a primeira proba nesta Copa Deputación. Non obstante, para o Soneira é xa a segunda ocasión na que terán que loitar por pasar de rolda. Contra o Sofán, no Municipal de Vimianzo, un partido que rematou con empate grazas aos goles de Raúl para os visitantes e de Cristian para os locais. Con isto, o pase a dezaseisavos tivo que decidirse dende os once metros gañando o Soneira por 5-4 logo dunha quenda de penaltis con seis intentos por cada un. 

Primeiro rival de inferior categoría. 
O cuarto encontro deste Compos terá como rival un equipo de menor nivel por primeira vez. Despois de poñer as cousas difíciles a un Segunda división portuguesa, outro da Segunda división española e outro da Segunda B, chega a oportunidade perfecta para asinar o primeiro triunfo desta pretempada e manter unhas moi boas sensacións que melloraron en Taboada, fronte ao Lugo. 
Sen anotar ningún gol ata o de agora, o nivel do equipo foi alto dende a súa estrea deixando mostras, Yago, do que pode ser o equipo titular durante o curso con reparto de minutos baixo paus e unha defensa que empeza a ser fixa, máis agora coas lesións de Queiruga e Sergio Pereira. No centro do terreo de xogo, na parte defensiva, poderían volver as rotacións mais hai que recordar que Mon aínda seguirá sendo baixa. 

Unha semana completa.
Polo de agora, só hai marcados, de aquí ao sábado, dous partidos. Mércores contra o Soneira e sábado fronte ao Noia na Escravitude no Torneo Vila de Padrón, onde os nosos xa son un habitual tendo xogadas xa as dúas primeiras edicións contra Negreira e Pontevedra. Non obstante, a cifra podería aumentar de gañar aos de Vimianzo co encontro de oitavos de final contra o gañador do Dumbría-Xallas. 
O partido destes dezaseisavos será o mércores 31 no Municipal de Vimianzo ás 21 horas. As entradas do partido serán de balde para todos e poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.