Camiño ao máis alto

A primeira semifinal, das dúas xa confirmadas e que se reparten en cuestión de oito días, para o noso Compos chega este domingo. Un partido complicado, fronte un rival que durante a liga vai ser o máis directo, e cun premio importante: o posto na Final da Copa Deputación do vindeiro mércores coa suma económica que iso leva consigo. Diante, un Bergantiños que chega cun camiño semellante, na competición, ao dos nosos. 


Do mellor da categoría. 
Compos e Bergantiños. Bergantiños e Compos. Os vindeiros nove meses prometen moita emoción sobre o verde na pelexa, sempre interesante, pola primeira posición do grupo I da Terceira división. Un emparellamento nesta competición de verán que serve como entrante ao que arrinca dentro de dúas semanas, esperamos, aínda con dous partidos máis por xogarse antes sendo un a gran Final desta Copa Deputación. 
Antes, hai que botar tamén unha ollada atrás e ver que este emparellamento na competición non chega por primeira vez. De feito, será a terceira despois de que se puideran ver as caras alá por 2015, con Jimmy no noso equipo, e o pasado verán repetíndose nas dúas ocasións o mesmo resultado, con vitoria pola mínima a prol dos santiagueses. 
Alá polo 2015, con Jimmy no once titular, Gerard Oliva e Chiño foron quen de dar o pase a cuartos de final aos nosos cun gol do agora dianteiro do Boiro no engadido. Por outro lado, no 2018, foron Miki e Brais Abelenda os autores dos tantos que deixaban aos nosos nas semifinais, onde caería o Negreira. Por parte dos carballeses, fixo acto de presenza a 'lei do ex' námbalas dúas citas con goles de Borja Facal que servían para empatar os partidos. 

Un camiño moi parecido. 
Os dous equipos chegan a este último paso de cara á gran final, onde haberá que medirse ao gañador do Galicia Mugardos-Fabril logo dun camiño onde obtiveron resultados non moi diferentes. De feito, os dous sumaron dúas citas nas que pasaron sen encaixar e outra na que os penaltis decidiron ao vencedor. 
O Compos, que suma xa tres quendas de penaltis gañadas nesta pretempada, arrincou con goleada fronte ao Soneira mentres que o empate contra o Dumbría acabou con triunfo dos nosos dende os once metros. O último en caer, tamén con goleada, foi o Boiro cunha Esedé a medio gas pensando máis no encontro de onte contra o Estradense, que xa veremos se pasa factura ao estado físico dos nosos. 
Pola súa parte, o Bergantiños comezou goleando ao Bertamiráns mentres que o Arzúa, en oitavos, obrigou a seguir xogando máis alá do minuto 90. En cuartos, a vítima vermella foi un Puebla, adestrado por Anxo Casalderrey, que puxo en máis problemas do esperado aos homes de Miguel Figueira. 

A lei do ex. 
Se antes falabamos de que a Borja Facal, malia a súa posición, se lle daba ben marcar goles ao Compos coa camisola do Bergantiños, agora hai que falar dos xogadores que se verán as caras co seu ex equipo por primeira vez. Tres xogadores, dous no Compos e un no Bergantiños, que buscarán esquecer os bos momentos no contrario e dalo todo polo seu novo equipo. 
No Compos xa está a destacar no centro do campo unha gran versión de Baleato. O centrocampista está a ser xa unha peza fundamental nos plans de Yago Iglesias deixando mostras do seu nivel. Por outro lado, o que podería asinar os goles importantes é Rodri, dianteiro que apunta á titularidade coa lesión de Hugo Sanmartín. 
Mentres, no Bergantiños, é Marcos Remeseiro o salto de calidade que precisaba o equipo. O coruñés chegou este verán para intentar conseguir ese tan desexado ascenso nas Eiroas e xa é unha das pezas máis importantes do equipo, deixando mostras da súa calidade na zona de creación.

Pechamos a semana. 
Mércores, venres e domingo. Cinco días sen case descanso para os homes de Yago Iglesias, que están a facer unha pretempada longa e deixando, sobre todo, boas sensacións sobre o terreo de xogo. E este domingo chega, ademais, a oportunidade de facer que a vindeira semana conte cunha Final o mércores. Para iso, haberá que superar ao Bergantiños no Vero Boquete de San Lázaro ás 20 horas, un partido con entrada libre para que todo aquel que queira poida ver un dos grandes enfrontamentos galegos do momento. 
Por contra, para quen non poida ir, poderá seguirse o encontro a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario