Volvemos con forza

 O Compos está de volta. Con Antón Permuy no banco, con moitas novas caras e, sobre todo, moita xuventude, este novo equipo arrinca con ilusión unha tempada que terá dúas duras pedras no comezo do camiño. Soria recibirá por primeira vez a este equipo que deixou boas sensacións na pretempada e con aínda por coñecer o nivel da última chegada, Carlos Cinta. Diante, un Numancia que apunta a pelexar polo ascenso directo cun plantel superior e moi ben reforzado neste mercado. 

 Ben reforzados. 

 Con Kudakovskiy e Dorronsoro baixo paus, o segundo coñecido pola parroquia branquiazul logo de ser o porteiro titular do Tarazona na fase de ascenso de hai dúas tempadas, asinaron a chegada dun terceiro porteiro, sub 23, procedente do Ebro. A Miguel Ángel Abad hai que sumar a chegada de dous defensas: Lucas Laso, do Oviedo Vetusta, e o ex lateral da SD Logroñés Elosegi. Na zona de creación: Rementería, do Talavera; Fabio Conte, do filial do Valladolid, e Cristian Delgado, que chega en propiedade despois de estar cedido o pasado curso polo Córdoba. E na punta atopamos dúas fichaxes procedentes da UD Logroñés, Seguín e Jonatan González; os sub 23 Asier Teijeira, ex da Real Sociedad B, e Dani Fernández, procedente do filial do Valladolid; e Cristian Dieste, chegado do Tarazona, que apunta a ser o referente en punta. Tamén, dúas cesións procedentes do fútbol venezolano: Steven Góngora e Gabriel Vera. 

 Aos anteriores hai que sumar a base que se mantivo, de nove xogadores, con Moustapha e Diego Royo, que tamén xogaron contra os nosos vestindo a camisola do Tarazona. 

 En pretempada, non encaixaron ningunha derrota. Mais si empates contra Atlético de Madrid, Unionistas, Calahorra e Izarra, repetindo en todos eles o un a un. A maiores, golearon a Teruel, Alavés B e Tudelano e superaron á Ponferradina pola mínima. 

 Chamados á parte alta da táboa. 

 Compos e Numancia son, xunto con Pontevedra e Avilés, os equipos chamados a pelexar polos postos máis altos da clasificación. Dous equipos con pasado na Primeira división e que comparten categoría por cuarto dos últimos cinco anos. 

 No caso do Compos, o pau recibido contra o Tarazona, equipo que nutriu aos sorianos o verán pasado, non se superou, sendo incapaces de entrar na fase de ascenso nun final de liga no que se pagou o mal camiño levado durante gran parte da tempada. Con Permuy rematando a tempada como adestrador principal e gañando a renovación, rexuveneceu o equipo e impuxo unha idea de xogo que non se viu nos últimos anos, reforzando a ofensiva. 

 No caso dos sorianos, volveron á Segunda Federación despois dun ano na categoría superior, e non puideron facer o camiño de regreso nun final de liga para esquecer. Quedando a un punto do ascenso directo, perderon a oportunidade con dúas goleadas nos dous últimos meses, un a mans do Sanse por seis goles de diferenza, con Ocaña nos locais, e outro na derradeira xornada encaixando cinco goles a mans dun Cacereño que non se xogaba nada. Na fase de ascenso sería o Yeclano o que deixaría sen premio grazas á vantaxe por mellor clasificación despois de empatar no global da eliminatoria. 

 Unha historia que cambiar. 

 Numancia e Compos, en Los Pajaritos, se enfrontaron xa en catro ocasións no pasado. Un emparellamento que nos deixou só un resultado algo favorable para os nosos. E só dicimos algo xa que non se trata dun triunfo senón un empate a dous goles no 2002, nun partido onde se adiantaron os locais, conseguiron remontar os galegos con goles de Maikel e Adriano, e acabou igualando, de novo, o conxunto soriano. A maiores, tres vitorias castelás coa última no 2021 por 3-0. 

 De novo, a domicilio. 

 Por sexto ano consecutivo, o Compos comezará o seu camiño a domicilio. Los Pajaritos será o escenario perfecto para que os de Antón Permuy pelexen por facerse cos tres primeiros puntos da tempada por primeira vez dende o ascenso en 2020, chegando en Cangas esa última vitoria a domicilio coa que inaugurar o campionato. 

 Ascendidos á Segunda B, o arrinque non foi o mellor cunha derrota en Salamanca a mans de Unionistas. Algo máis de acerto nas dúas áreas houbo en Pontevedra, na inauguración da Segunda Federación con Pablo Durán deixando a súa carta de presentación. En Oviedo, malia un gol de Darío, tampouco se puido sumar mentres que Manel volvía á que fora a súa casa, e volve ser este curso, para empatar sen goles. 

 Álvaro Casas, baixa segura. 

 Para este domingo, Permuy ten a baixa segura, confirmada, de Álvaro Casas. O capitán está aínda fóra e non estará presente, polo menos, nesta primeira xornada do campionato. A maiores, hai que engadir a dúbida de Pablo Antas, que non puido xogar o Memorial Antonio Bermúdez. Outro que podería chegar xusto é Carlos Cinta. O novo dianteiro chegou esta mesma semana ao equipo branquiazul e podería ter algúns minutos se o adestrador así o precisa. Non obstante, na convocatoria haberá dúas baixas máis a maiores do capitán. 

 Hai que pasar por caixa. 

 Estrea en Soria e paso por caixa no caso de querer ver o partido dun Compos que intentará asinar a súa primeira vitoria en Los Pajaritos. O partido, que comeza ás 17:30 horas, poderá verse a través da aplicación FootballClub, coa que traballarán máis equipos este curso. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario