A proba final

 Chegou o momento. Xa non hai outra opción e as cousas pasan por dous campos separados por escasos kilómetros, na mesma comunidade. O Compos, que visita ao Rayo Cantabria, terá que pelexar por gañar o seu partido e estar pendente do que ocorra a só vinte minutos, no Fernando Astobiza, onde se enfrontarán Cayón, xa sen nada polo que pelexar máis que dar unha boa despedida á súa xente, e un Langreo que tampouco depende de si mesmo para entrar na promoción, mais si no último posto dispoñible da Copa do Rei. 

 O privilexiado. 

 Falamos de Compos e Langreo pero o terceiro nesta loita é o filial do Racing de Santander. O equipo que pecha agora mesmo os postos altos e que é o único que depende de si mesmo para xogar esa fase de ascenso á Primeira Federación, abrindo neste caso a posibilidade ao Langreo de xogar a Copa sen meterse entre os cinco primeiros. 

 Quintos clasificados con só un punto máis ca Compos e Langreo, contan coa vantaxe de depender só deles mesmos. Obrigados a gañar ou a empatar e que non gañe o cadro asturiano, corenta e oito puntos son suficientes para chegar a esta derradeira xornada ocupando esa quinta posición tan importante e desexada por outros dous rivais. Isto, grazas a doce vitorias e outros tantos empates, sumados a nove derrotas. Tamén se trata do terceiro equipo con máis gol, con corenta e sete anotados, así como unha defensa que encaixou un total de corenta tantos. 

 Na casa, trátase dun equipo que non deixou marchar aos rivais cos tres puntos en máis de tres ocasións, sendo Guijuelo, Langreo e Arandina os únicos capaces de conquistar o Nando Yosu. En seis ocasións conseguiron sumar de tres os locais, deixando a súa porta a cero en só dúas ocasións. E empatarían nas sete restantes, repetindo o resultado inicial en tres ocasións. 

 Non podemos repetir o pasado. 

 No pasado, só en dúas ocasións visitou o Compos a un Rayo Cantabria que sacou puntos das dúas ocasións nas que os branquiazuis pisaron a súa casa. Un empate, sen goles, hai corenta e cinco anos e unha derrota, o curso pasado, son uns pobres números dunha Esedé á que non se lle dou demasiado ben a capital cántabra, onde só foi quen de gañar unha vez en El Sardinero, en 1991, contra o primeiro equipo racinguista. 

 O pasado curso, a visita ao Nando Yosu acabou cunha caída branquiazul na que sería, como este ano, a última cita do filial cántabro na súa casa. Jaime Santos sería quen de abrir a lata no primeiro tempo. Pasado o tempo de lecer, Dalisson e Yeray asinarían a remontada local. 

 Máis sorte tiveron os nosos na primeira volta, en San Lázaro. Resultado inicial ao final dos primeiros corenta e cinco minutos e chuvia de goles no segundo tempo con dobrete de Manu Barreiro e un gol de Parapar, que superaban o tanto de Santamaría deixando o 3-1 definitivo no luminoso na despedida da primeira volta. 

 Hai vida. 

 A pasada fin de semana, Compos e Rayo Cantabria puideron manterse con vida e moitas opcións de cara á fase de ascenso, sumando os dous os tres puntos e aproveitando o esvarón dun Langreo que pode permitirse seguir na pelexa grazas a un gol no engadido do seu partido fronte ao Zamora. 

 En San Lázaro, a Esedé recibía a un Avilés en horas baixas, aínda co obxectivo de evitar a promoción de permanencia. Un partido que comezou cun dominio claro dos locais chegando aos vinte minutos con dous goles de vantaxe, obra de Pep Caballé e David Grande. Os asturianos tentarían meterse no partido antes da media hora pero chegaría un terceiro tanto, de Samu, que sentenciaría un partido cómodo. 

 En Oviedo, contra un Covadonga xa descendido, non tardou en adiantarse o Rayo Cantabria cun gol de Dani González. Por diante no marcador, para os cántabros xa só foi cuestión de tempo certificar un triunfo importante. Un gol no segundo tempo, de Nico Celorio, pecharía o xogo con moito tempo por diante e auparía ao filial santanderino ao posto de privilexio. 

 Só unha dúbida. 

 Para esta cita, ao igual que a semana pasada, Antón Permuy só conta coa dúbida de Roger Escoruela, que podería ser a única baixa confirmada engadida ás xa coñecidas de Samu Araújo e Euse Monzó. Un Antón Permuy que asinou a súa renovación por unha tempada máis á fronte do primeiro equipo. 

 Cayonazo. 

 Mañá de domingo de radio. Ou de redes sociais. Non hai televisión para esta cita importante no Nando Yosu e só corenta valentes terán entrada para viaxar de Santiago a seguir aos nosos. Tamén parece que non haberá radio coa que seguir o partido por completo polo que as redes sociais cobrarán maior importancia nunha mañá na que medio corazón dos afeccionados branquiazuis estará a só vinte minutos do campo onde tanto se xogan os nosos. E é que no Fernando Astobiza xogará un Langreo que debe non gañar para que o Compos teña as súas opcións, facendo o seu traballo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario