O Compos chega a esta última cita con opcións de meterse nos postos de promoción de ascenso á Primeira RFEF. Unha despedida do curso onde gañar é obrigatorio e, despois, haberá que esperar a que outros resultados axuden para que os nosos poidan ter ese tan desexado billete a Alacant polo que pelexarán nesta xornada ata tres equipos galegos. Diante, intentará evitalo un Salamanca que está obrigado a sumar de tres para poder manter a categoría, aínda que, ao igual ca os nosos, non dependen de si mesmos.
A defensa, o seu forte.
O Salamanca chega a esta derradeira xornada do campionato mantendo a mellor defensa do grupo pero, por outra parte, tamén conta cunha das peores dianteiras, só superada neste aspecto polo Ceares. Con isto, o conxunto salmantino ocupa os postos de descenso directo á Terceira RFEF sendo o segundo nun triple empate a puntos entre tres equipos que terán este domingo unha dura xornada marcada, ao igual que os nosos, por terceiros.
A día de hoxe, os de María Hernández son 15º con 38 puntos, mesma puntuación que Arosa e Móstoles e a 2 dun Marino de Luanco que ocupa o posto de promoción de permanencia, sendo xa imposible acadar a permanencia matemática. Gañaron un total de 9 partidos, sendo o segundo que menos veces sumou de tres, e empataron 11, sendo un dos equipos que máis se repartiu os puntos. Ademais, encaixaron un total de 13 derrotas sendo o equipo que menos veces caeu dos postos baixos, encadeando agora unha xeira de 5 xornadas sen perder. A isto hai que engadirlle que fixeron 24 goles e encaixaron 28.
Os seus números no xeral non son gran cousa, mais no Helmántico trátase dun equipo difícil de superar. En 6 ocasións conseguiron a vitoria, destacando o 4-0 contra o Arosa ou o 4-1 ante o Ceares. En 5 oportunidades acabarían con empate, chegando só un deles con goles. E outras 5 derrotas para completar con Marino de Luanco e Coruxo sendo os únicos capaces de sacar unha vantaxe de máis dun gol.
Nun equipo onde destaca a defensa e no que os porteiros repartiron por igual os minutos, Ibán Ribeiro está a demostrar ser a peza máis perigosa. O dianteiro vasco suma 7 goles no que vai de curso convertíndose no referente ofensivo.
Gran emoción.
Falemos un pouco da historia que relaciona aos dous equipos nos últimos anos. E é que ésta será a sexta vez que se vexan as caras dende 2018 dous equipos que se tiveron que ver as caras nunha fase de ascenso á Segunda B, volvendo enfrontar as caras na categoría de bronce e con algo de polémica por temas que pouco ou nada teñen que ver co fútbol.
En 2018, na fase de ascenso, os nosos visitaron Salamanca na ida da final. Un partido duro e que rematou con empate a un gol sendo Naveira o autor do tanto que adiantaba aos nosos. Na segunda parte, Ortiz fixo o 1-1 definitivo e que serviría, despois do partido de volta, para ascender aos casteláns.
En 2021, o primeiro problema. E é que houbo que adiar o partido por mor da neve xogándose días despois co verde aínda con moito xeo. Nesa cita, Chávez adiantou aos seus no primeiro tempo e completaron a vitoria, nos dez últimos minutos, Iván Casado e Fer Llorente.
E non foi para menos na primeira volta. O Salamanca viaxou a Santiago con positivos tendo que volver sen xogar e xogándose un mes e medio despois, co equipo visitante moi reformado. Aínda así, non foron quen de sacar nada positivo do Vero Boquete. Beltrán, no primeiro minuto; Escudero e Primo conseguiron levar ao tempo de lecer o partido máis tranquilo do curso, malia o gol de Ibán Ribeiro. Parapar fixo o cuarto e o propio Ibán Ribeiro asinou o 4-2 definitivo.
Día para soñar.
O pasado domingo, na primeira xornada unificada, tanto Compos coma Salamanca conseguiron puntuar achegándose aos seus obxectivos, en partidos moi diferentes e con cousas en xogo moi diferentes. Con isto, os nosos sacaron tres puntos de ouro, aos que non acompañaron o resto de resultados, mentres que os casteláns fixeron un empate nunha cita convertida en festa.
O Vero Boquete de San Lázaro despedía ao Compos ata a vindeira tempada, pase o que pase nesta última xornada, nun partido contra un Ceares xa descendido. No verde, Pablo Durán volveu abrir a lata chegándose ao tempo de lecer con empate grazas a un gol de Óscar. O segundo tempo, cun ambiente moi frío nas bancadas malia o bo tempo, completouse cos goles de Primo, Josiño e Samu, mantendo con vida ao equipo a falta de noventa minutos.
En Pasarón, as contas saíron rápido. O Pontevedra, que debía puntuar e esperar que non o fixera o Unión Adarve para ser campión na casa, non tardou nin tres minutos en adiantarse no marcador. No segundo tempo, sería Telles o que faría o gol da igualada que deixaba igualmente ao cadro granate ascendido e mantiña con vida a un Salamanca que acabou con dez pola expulsión de Diego Benito.
As esperanzas.
Falemos do que se vén esta fin de semana. As aspiracións do Compos, un 14,81% de posibilidades, pasan por gañar. Sumar de tres no Helmántico é obrigatorio servindo, case, ata facelo pola mínima. Nos outros dous partidos, o que medirá a Arosa e Bergantiños na Lomba e a Coruxo e Gimnástica Segoviana no Vao, teñen que non gañar os outros dous.
Non obstante, no caso do Coruxo non é tan doado. Se os nosos gañan e os vigueses empatan, igualarían a puntos os dous equipos. Co enfrontamento particular entre os dous empatado e agora que non valen dobre os goles fóra da casa, habería que ir á diferenza de goles xeral dos dous. Neste momento, o Compos conta con +10 mentres que o Coruxo cun +11. No caso de que os nosos gañen pola mínima e os vigueses empaten, habería que mirar os goles a favor de cada equipo. E, nese caso, os santiagueses gañan 46 a 42 servíndolle un empate aos verdes, no caso de que o Bergantiños non gañe, por seis ou máis goles.
Volven os sancionados.
Para esta última cita, Rodri volve contar con Guille Torres e Roque, baixas por sanción a pasada fin de semana. Con isto, a única baixa segura é a de Jordan. A maiores, problemas físicos típicos destas datas deixando en dúbida a Vesprini, Escudero e Salado e a posible viaxe dalgún xogador do Sigüeiro, sendo habituais nas últimas semanas tanto Mario coma Remuiñán.
PPV.
Esta fin de semana, e a diferenza doutras saídas por campos fóra de Galiza, este partido non será por Footters. Será retransmitido por outra web de streaming que adoita usar o cadro salmantino esta tempada e terá un prezo de 10 euros para os que non poidan asistir ao Helmántico. No campo, as entradas para a afección visitante terán un prezo de 18 euros, prezo moi diferente ao que terán os locais. Dará comezo ás 12 horas, un horario non tan malo para os nosos.
Por contra, para quen non poida asistir nin queira pagar na plataforma do equipo salmantino, o partido poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario