E final

 O Compos non foi quen de cumprir a súa parte nun partido onde o Salamanca, malia sacar os tres puntos, tampouco puido conseguir o obxectivo da permanencia. Un partido malo, onde Pato salvou aos nosos de caer por maior diferenza de goles, e no que se chegou aos dez últimos minutos con vantaxe visitante no marcador, dependendo do que pasara noutros campos. Non obstante, o final acabou cun equipo sen ideas en defensa e dous tantos en contra que facían desaparecer un soño e a última vitoria dunha segunda volta para esquecer. 

 O 14,81% aumentou nos primeiros cinco minutos. Primeira chegada de Pablo Durán e asistencia para Primo, que fixo o seu noveno gol da tempada para colocarse como o máximo goleador do equipo. Un gol que espertou aínda máis a un Salamanca obrigado a gañar e, ademais, esperar outros resultados. Con isto, os de María Hernández buscaron a portería defendida por Pato grazas ao fútbol directo e a velocidade dos seus atacantes. E antes dos vinte minutos, os locais tiveron xa dúas oportunidades moi claras para, como mínimo, igualar o resultado. 

 Co paso dos minutos, sería o Compos o que buscaría levar o peso do encontro, tendo con Parapar e Primo unha oportunidade clara á que non chegou Josiño por moi pouco. A maiores, centros laterais sen rematador e poucas ideas contra unha defensa que se amosou forte. 

 O segundo tempo, máis do mesmo. Os de Rodri Veiga buscaron o gol con chegadas polas bandas e a piques estivo de chegar o segundo nun centro de Pablo Durán que petou nun defensa e non entrou por moi pouco. Tamén Parapar avisou logo dun gran pase de Samu deixando con vida a un Salamanca que non perdoou. 

 Á heroica. 

 Os minutos finais, co Compos sen ideas malia ir por diante no marcador, foron un desastre para os intereses dos santiagueses. Co Bergantiños empatando e o Coruxo gañando, era o momento de esperar por dous goles da Segoviana que non chegaron. Non obstante, os que si chegaron foron os do Salamanca nos dez minutos finais. O primeiro, cun penalti moi protestado que non errou Ibán Ribeiro. E xa no engadido, Juancho asinou o segundo cunha fermosa volea. 

 Finalmente, o Compos pecha a liga con outra derrota a domicilio e ocupando a oitava posición da táboa nun final cruel para os nosos logo dunha segunda volta pésima. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario