O Compos foi quen de superar ao Ceares nun partido onde os de Rodri Veiga xogaron a medio gas. Un partido con pouco ambiente malia a chegada de afeccionados asturianos e que, coa maior goleada da tempada, deixa aos nosos con opcións de meterse na fase de ascenso na última xornada, malia que as opcións son baixas. Hoxe, goles de Pablo Durán, Josiño, Primo e Samu facendo catro tantos por segunda vez no curso.
Contra un rival que se amosou inferior, malia xogar con máis ganas, o Compos foi que de facer perigo con pouco. Pechando ao Ceares no seu campo, a primeira oportunidade chegou aos cinco minutos mentres que o primeiro tanto tardou outros cinco. Pablo Durán, que lle dá igual a categoría e só sabe facer golazos, foise da defensa con calidade e, cunha vaselina, superou por alto ao porteiro que pouco puido facer para evitar o primeiro da tarde.
Por diante no marcador e co resto de resultados acompañando ás aspiracións dos nosos, o segundo puido chegar nas botas de Josiño cun disparo potente que se foi ao longueiro. Non obstante, antes de chegar o segundo dos nosos chegou o empate visitante, cun gol de Óscar aproveitando un rexeite. Incluso, o Ceares estivo a piques de rematar o primeiro tempo cun segundo gol que foi anulado por fóra de xogo.
Goleada malia o árbitro.
Bo tempo en Santiago pero ambiente frío nas bancadas. A iso hai que engadir unha actuación arbitral mellorable e que, malia chegar con perigo ás inmediacións da área, non contou con serio perigo sobre ningunha das dúas porterías. Por sorte, cando a pelota foi dirección á porta, sobre todo no caso dos nosos, o resultado foi máis que positivo.
O empate era insuficiente e en cuestión de dous minutos, Primo, cun gol de fermosa factura, e Josiño, puxeron dous tantos de vantaxe sentenciando a conta e pasando xa a competir, por un posible empate a puntos, co Coruxo en canto á diferenza de goles, que sería chave co empate no enfrontamento particular entre os dous.
Os minutos finais, co partido resolto, resúmense nalgunha oportunidade individual, con Josiño mandando outro balón ao longueiro e Primo, por segunda vez, reclamando un posible penalti que non interpretou así o colexiado, sinalando falta en contra na primeira. A maiores, na derradeira oportunidade do partido, Samu asinou un golazo de falta directa despedindo o Vero Boquete por este curso da mellor maneira posible.

Ningún comentario:
Publicar un comentario