Chega o momento. A tempada está a piques de chegar ao seu final e o Compos non semella ter forzas nin sorte suficiente para ter opcións de xogar a fase de ascenso en Alacant. Un equipo que leva toda a segunda volta metido nunha moi mala dinámica e que esta fin de semana vaise medir ao Ceares, o peor equipo da categoría e xa descendido dende hai unhas semanas. Un día para, como mínimo, sacar os tres últimos puntos do curso no Vero Boquete e, se os demais resultados acompañan, soñar.
Fixeron historia.
O Ceares chegou a esta Segunda B facendo historia. O equipo asturiano, de Xixón, foi quen de deixar atrás a Terceira división por primeira vez logo de algo máis de quince anos na Terceira división, xogando a fase de ascenso en 2014. Non obstante, o seu camiño foi moi curto aínda que deixando unha moi boa imaxe tanto dentro como fóra do campo gañando o agarimo das afeccións rivais.
A categoría quedóuselle algo grande a un equipo un tanto perigoso na súa casa pero que a domicilio non foi quen de sacar ningún triunfo... e só un empate. Pechando a táboa dende a xornada 11, non deixaron ese posto máis sumando, a día de hoxe, 18 puntos. Un total de 5 vitorias, 3 empates e 24 derrotas. 21 goles a favor que os sitúan, dende hai dúas semanas, como o equipo con menos acerto de cara a porta e 72 en contra que os convirten nos máis goleados das catro primeiras categorías do fútbol español recibindo un 0-7 contra o Palencia Cristo Atlético hai escasas semanas.
Lonxe de La Cruz, os resultados non acompañaron para nada. Só un empate, nas Eiroas na segunda xornada, nun partido sen goles. O resto de saídas cóntanse como derrotas. Iso si, caeron dando guerra adiantándose no marcador en Segovia ou fronte ao Adarve. Chegaron con empate a un gol ao tempo de lecer en Pasarón e gañando ao Llanera no Pepe Quimarán acabando todos eles con remontada en contra. A maiores hai que engadir que, malia perder pola mínima en tres ocasións, só unha foi por 1-0, contra o Langreo, encaixando dous goles ou máis no resto de derrotas.
A nivel individual, está a destacar en ataque Oscar. O dianteiro xixonés suma 8 goles en 1.660 minutos sendo o xogador máis perigoso de cara a portería. Máis dun terzo dos goles dos seus levan a súa sinatura triplicando case a cifra da tempada anterior.
Faltou o gol.
Na primeira volta, Ceares e Compos pecharon un 2021 bo en canto a resultados para o Compos. Sería, nun partido sen goles, un punto de cambio a peor para os nosos, que non foron quen de sacar os bos resultados á volta das vacacións. Un moi mal partido nun campo de La Cruz en moi mellorables condicións e no que os locais estiveron a piques de dar a sorpresa.
O equipo asturiano é, a falta destes 90 minutos, o único que non encaixou ningún gol dos nosos no que vai de tempada mentres que podería entrar na lista de equipos que non caeron contra os nosos. A maiores, de non encaixar, sería un dos poucos equipos que non recibiron un gol contra un Compos que todo fai indicar que levará os tres primeiros puntos deste emparellamento en Santiago.
Unha derrota.
Se ben é certo que as visitas branquiazuis a Asturias non deixaron bos recordos, as dos equipos asturianos ao Vero Boquete non foron tan malas para os intereses dos nosos. De 4 partidos, 7 puntos quedaron en Santiago con dúas vitorias pola mínima e un empate. Unha derrota, tamén pola mínima, que foi, ademais, a primeira vez na que un veciño pisou o noso templo neste 2022.
Langreo e Avilés non puideron saír de San Lázaro con ningún punto. Si o fixo, nun partido con dous goles, o Marino de Luanco. Por contra, o Llanera tivo a sorte do seu lado e sumou de tres nun partido onde gozaron de dúas grandes ocasións mandando o balón ao pau na primeira e dentro na segunda.
Por outro lado, cabe destacar que neses partidos o maior protagonista foi Pablo Durán. O rapaz que está a ter pretendentes no fútbol profesional con Villarreal e Celta pelexando por incorporalo a vindeira tempada, fixo o gol que daba os tres puntos aos nosos diante do Langreo ademáis de anotar os dous na visita ao Llanera e abrir a lata en Avilés.
Cero.
Tanto Compos como Ceares non foron quen de puntuar a pasada fin de semana. Dous equipos que se mediron contra veciños, sendo quen de poñelos contra as cordas, pero sen poder sacar nada positivo perdendo nos minutos finais.
No Nuevo Ganzábal, os nosos non puideron levar o peso do partido contra un Langreo que se xogaba a vida. Tal foi así que, aproveitando un erro defensivo, Jandrín adiantou aos seus cando o reloxo marcaba a media hora de xogo. Na segunda parte, Primo volveu ver portería dous meses despois. Non obstante, a esperanza galega durou apenas cinco minutos con Dorian aproveitando outro erro defensivo, de Pato neste caso.
En La Cruz, o Pontevedra foi quen de adiantarse na primeira xogada de perigo do encontro, obra de Alex González. Oscar, a menos de vinte minutos para o final, asinou a igualada aumentando os nervios nun rival que dependía de si mesmo para ascender de forma directa. Charles e, de novo, Alex González sumaron os dous últimos goles nun final de infarto para un equipo que está cada vez máis preto da Primeira RFEF.
As nosas opcións pasan por...
Unha milagre. Así se podería resumir o que ten que pasar para que o Compos xogue a fase de ascenso como cuarto ou quinto. A día de hoxe, dende a sétima posición da táboa e a 4 puntos do Palencia Cristo Atlético, moi poucas son esas posibilidades, que poden deixar de ser matemáticas sen depender, como si podía ser a pasada semana, do que fagan os nosos.
O principal é que tanto Palencia Cristo Atlético coma Bergantiños non gañen ningún dos dous partidos. A iso hai que sumar que o Coruxo faga, como máximo, 4 puntos chegando aos 50 sendo o máximo ao que aspira a Esedé. No caso de que un ou os dous primeiros non puntúen, cousa moi improbable, o Coruxo tería que facer só un empate en total. Nese caso, para o Compos sería suficiente con facer 4 de 6.
De facer 6 de 6, serviría tamén no caso de que o Palencia Cristo Atlético non pase de 50 puntos ou o Bergan non supere os 49, facendo como máximo 2 e 1 punto respectivamente. Nese caso, o Coruxo non debería gañar ningún partido.
Tamén cabe a posibilidade de que haxa empate a catro bandas, con 48 ou 50 puntos, no que o Compos quedaría fóra co Coruxo saíndo como gran beneficiado neste caso. Se, por outro lado, o Bergantiños asegura o cuarto posto e o resto empatan a puntos, os tres, serían os nosos os que pecharían eses postos de promoción de ascenso e, ademais, a presenza na Copa do Rei.
Problemas na defensa.
Para esta cita, os problemas en defensa van estar moi presentes. Roque, lateral dereito titularísimo este curso sendo o terceiro xogador con máis minutos, cumprirá sanción por acumulación de amoestacións por terceira vez mentres que Guille Torres, que viu a quinta en Langreo, tampouco poderá estar. Matías Vesprini, que xa leva varias semanas fóra das convocatorias, e Jordan tampouco estarán. Si podería volver Escudero.
Horario unificado.
Mañá de transistores. Se ben é certo que no Vero Boquete non se vai xogar practicamente nada, pode ser unha mañá de estar atento ao partido cun ollo, de cando en vez, ao móbil ou co Galicia en Goles na radio. Os nove partidos, á mesma hora. Todos arrincarán, tanto este domingo como o da vindeira fin de semana, ás 12 da mañá. E para esta cita, as entradas terán o prezo habitual de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para menores de 18 anos.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na web da TVG, seguirse en Twitter nas contas da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio' en Twitch.

Ningún comentario:
Publicar un comentario