O Compos segue a deixarse puntos neste 2022 e a fase de ascenso ponse máis difícil. O equipo de Rodri Veiga deixou unha moi mala imaxe en Langreo nun partido dominado de principio a fin polo equipo asturiano, que puido aproveitar dous erros importantes na defensa galega para sacar tres puntos de ouro. Primo, que entrou na segunda parte, fixo o tanto que supoñía o empate e, ademais, unha pequena esperanza de durmir en postos de promoción de ascenso. Nada máis lonxe da realidade.
O primeiro tempo, para esquecer. O Langreo foi moi superior. Posesión do esférico para os asturianos, xogo en campo contrario pero, por sorte, sen grandes intencións de tirar a portería. Si hai que falar de efectividade e é que na única ocasión que tiveron, aproveitando un erro nun intento de sacar o balón xogado por parte de Guille Torres, non perdoaron levando o partido ao tempo de lecer con vantaxe mínima.
Corenta e cinco minutos nos que o Compos buscou, sen sorte nin ideas, a contra. Pablo Durán non recibiu máis de dous balóns e non foi quen de atopar o camiño das redes. Tampouco houbo a puntería suficiente para mandar o esférico entre os tres paus.
Sen grandes diferenzas.
A entrada de Josiño e Primo axudou a mellorar algo en labores ofensivas mais o balón seguía a ser para un Langreo que, co paso dos minutos, buscou as perdas de tempo como recurso. Tamén o equipo asturiano foi o encargado de ter a mellor oportunidade dos primeiros minutos cun disparo que petou no pau e ao que respondería o Compos cun centro ao que Fer Beltrán non chegou por moi pouco.
As sensacións non eran moito mellores, pero o traballo en ataque facía pensar que podería chegar un gol malia a seguridade da defensa local. E apareceu Salado para sacar un centro medido para Primo que, logo de adiantarse aos centrais, cabeceou o esférico ao fondo das mallas.
A ledicia pouco, moi pouco, durou. Con quince minutos por diante, nun intento de despexe de Pato, o balón peta nun rival e entra na portería. Un erro do gardameta que despois salvaría ata en dúas ocasións o terceiro mantendo con vida ao equipo. Tampouco sería quen de cambiar o resultado o equipo santiagués, con Josiño sendo o autor da mellor oportunidade nunha xogada individual que non tivo finalizador.
Agora, toca esperar que os resultados deste domingo acompañen e poder seguir soñando coa fase de ascenso nas dúas últimas xornadas. O domingo pola mañá, a tempada despídese do Vero Boquete co Ceares, xa descendido, como convidado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario