Entramos na final da tempada. Só tres xornadas por diante, dúas delas con horario unificado, e todo por decidirse. Na loita pola fase de ascenso está un Compos que, despois de gañar ao Arosa, quere un billete a Alacant. Na pelexa por non descender, un Langreo cun calendario complicado ata o final e que non gaña na casa dende hai dous meses e medio.
Dependen de si mesmos.
O Langreo é o primeiro equipo que depende de si mesmo para salvar a categoría. O cadro asturiano, que ocupa o último posto que dá opción á permanencia, quere buscar na casa a salvación manténdose nesta Segunda RFEF. Non obstante, non está a ser doado e os resultados, dende a chegada do novo ano, non son quen de sumar de tres encadeando moitos empates.
A día de hoxe, o cadro asturiano ocupa a 12ª posición na táboa con 38 puntos, igualados co Móstoles, que ocupa o posto de promoción de permanencia, e a só un do Marino de Luanco, xa en descenso. Isto pasa grazas a 9 vitorias e 11 empates, sendo un dos equipos que máis veces se reparte os puntos, sendo o primeiro neste aspecto o Compos. A maiores, fixeron 36 goles e encaixaron 37, sendo o quinto equipo que máis equipos encaixa.
No Nuevo Ganzábal, campo moi complicado para os visitantes, conseguiron un total de 6 vitorias, 4 delas pola mínima. En canto a derrotas, só encaixaron 2 chegando ambas as dúas por 3 goles a 0. E o que máis fixeron foi empatar. Ata en 7 ocasións se repartiron os puntos con só 1 partido sen goles e ata 6 repetindo o tan famoso 1-1 que tantas veces se viu en partidos do Compos.
A nivel individual, está a destacar Pana. O dianteiro suma 8 goles en menos de 1600 minutos facendo parella ofensiva con Dorian, que tamén suma o mesmo número de tantos. Dous bos artilleiros cunha carreira aínda comezando.
Empate.
Ao longo da historia, Compos e Langreo convertíronse en vellos coñecidos. Ata en 19 ocasións se viron as caras os dous equipos dende a década dos 60 sendo un enfrontamento que nos deixou grandes citas, grandes goles pero ningunha vitoria dos nosos a domicilio.
Este emparellamento deixounos un total de 4 triunfos branquiazuis, todos eles en Santiago e ata 7 empates, divididos entre a capital galega e a vila asturiana. A parte, 8 derrotas, coa gran maioría en terras asturianas. E, sobre todo, moitos goles locais.
En Langreo, o Compos nunca foi quen de facerse coa vitoria. Só 3 empates volvendo co primeiro punto en 1980. O segundo empate, repetindo o 1-1 anterior, en 2014. E sen goles acabaría a visita o pasado curso, encontro co que se poría punto e final a 5 anos de Yago Iglesias como adestrador do Compos. A parte, 6 derrotas con 2 pola mínima, poucos goles branquiazuis e só 1 partido rematado por 1-0. Tal é así que, alá, o Compos só fixo 3 goles e encaixou 16.
Por outro lado, o triunfo agónico da primeira volta deixounos un novo gol dun Pablo Durán que fixo 4 dos seus 7 goles fronte rivais asturianos servindo moitos deles para sumar puntos importantes. O dianteiro tomiñés apunta, ademais, a ser unha das pezas máis importantes neste treito final da tempada.
Cara e cruz.
E de falar de empates, pasamos a falar dun triunfo esperanzador. E é que a pasada xornada, o Compos sumou de tres por primeira vez en máis de dous meses. Unha vitoria contra o Arosa, con polémica, que permite manter vivo o soño do ascenso. Pola súa parte, o Langreo non foi quen de puntuar en Pasarón nun partido con ata cinco goles e moita emoción que deixa aos granates, unha vez máis, a un paso do ascenso directo, dependendo de si mesmos.
No Vero Boquete, os dous equipos estaban obrigados a gañar para manterse vivos nas súas respectivas pelexas, tanto pola zona alta un, como pola baixa o outro. No primeiro tempo, a piques de rematar, fixo Durán o primeiro gol dos nosos. No segundo, Roque fixo o empate en propia porta na primeira xogada polémica cun empurrón que fai que golpee o balón e a Pato. No engadido, penalti sobre Primo e gol de Samu desde os once metros.
En Pasarón, o Langreo tivo no seu poder o primeiro gol, tamén de penalti, salvando Cacharrón aos seus. Despois chegou o recital goleador pontevedrés con Calvillo, Miguel Román e Rufo poñendo o 3-0 no marcador á media hora. David Iglesias recurtou distancia antes do tempo de lecer e Dorian asinou o 3-2 definitivo a menos de dez minutos para o final.
O que queda.
O treito final de campionato está que arde. Na parte alta, Pontevedra, Unión Adarve e Navalcarnero xa teñen asegurado estar na fase de ascenso, cun dos tres ascendendo directamente sen ter que pasar por Alacant; e dous postos máis con moitos pretendentes. Na parte baixa, só o Ceares asinou o seu descenso mentres que só catro puntos separan a Langreo, 12º, e Llanera, 17º.
O Compos, que pelexa por estar nesa fase de ascenso, terá que superar primeiro ao Langreo. Despois, o Ceares viaxará a Santiago sen nada polo que xogar e, de momento, unha xeira de catro derrotas consecutivas e algunha gran goleada no peto. Por último, pechará a liga en Salamanca, outro equipo que podería chegar descendido ou pelexando pola permanencia.
As dúas últimas xornadas para o Langreo contan cunha visita ao Móstoles, rival directo e agora empatados a puntos, e recibir na casa a un Leganés B case salvado e cunha mínima opción de meterse nos postos altos da táboa.
Sen sancionados.
Para esta fin de semana, volve Pablo Antas. O conductor de xogo deste equipo e que non puido estar contra o Arosa por sanción, volverá para este final de campionato. Pola súa parte, Primo, Rafa Mella e Roque poderían perderse a visita do Ceares de ver un cartón amarelo. Ademais, todo apunta a que Vesprini e Escudero serán as únicas baixas por lesión e que Pato, malia acabar tocado o partido anterior, estará dispoñible para esta cita.
Último sábado.
Con dúas xornadas por diante que serán domingo pola mañá, chegamos a esta cita un último sábado pola tarde. O Nuevo Ganzábal abrirá as súas portas para esta cita ás 18:30 horas e cunhas entradas con diferentes prezos por idade, algo diferente ao habitual nesta categoría. Para a xente de Santiago, os prezos serán de 15 euros para adultos, 10 euros para xente entre 25 e 18 anos e 5 euros para menores de 17 anos. Un partido que, sen dúbida, terá un gran ambiente.
Por contra, para quen non poida asistir ao partido, poderá verse en Footters e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario