Subamos na Patoneta

 Despois de dous meses, o Compos volveu sumar de tres. Un triunfo máis que importante, contra un Arosa que a piques estivo de saír cun empate do Vero Boquete, nun partido polémico, de novo, no que os nosos saíron vitoriosos. Pablo Durán, que segue a sumar, e Samu, que volveu marcando un gol que pode valer moito, deron os tres puntos a un equipo liderado por Pato, lesionado dende o gol arousán, obra de Roque en propia porta. Partido no que a afección arlequinada conquistou a Preferencia do Vero Boquete. 

 As bandas convertíronse, unha vez máis, na fonte principal de perigo para os locais. Con Parapar e Roque subindo ata liña de fondo e buscando aos dianteiros, a primeira ocasión foi para o coruñés. Respondeu rápido o Arosa facendo traballar a Pato por primeira vez volvendo ter Parapar o primeiro nas súas botas. Non obstante, os centros non atopaban rematador, sería preciso buscar o tanto doutro xeito. 

 O propio Parapar, protagonista principal do primeiro tempo, buscou por alto a Pablo Durán, cun centro ás costas da defensa, e o tomiñés non o dubidou para salvar a saída do porteiro cunha gran vaselina. Un golazo para abrir a lata xusto antes do tempo de lecer e que o convirte, xunto con Escudero, no máximo goleador do equipo. 

 Emoción ata o final. 

 O segundo tempo foi semellante ao primeiro. Un Arosa con defensa ben poboada, buscando a súa oportunidade á contra diante dun Compos que, malia ter a posesión do esférico, non foi quen de crear ocasións de perigo. Non obstante, os de Luisito contarían con bo acerto metendo para dentro a primeira que tiveron. Unha contra na que Luismi empurra a Roque, este mete o balón na portería e, a maiores, Pato acaba a xogada mancado.

 Co paso dos minutos, os dous equipos parecían conformarse co punto. Unha oportunidade lonxana para Samu e un man a man de Luismi con Pato que salva o gardameta uruguaio. Así acabaron os noventa minutos. Tocaba entrar no engadido e o Compos non buscaba a portería de Alex Cobo. Pero apareceu Primo, máis rápido e listo ca o porteiro, aproveitando un erro defensivo para forzar un penalti no engadido. Desde os once metros, como pasou hai uns anos en Negreira, gol no engadido, con Samu como autor do segundo gol do capitán branquiazul. 

 Tres puntos de ouro para un equipo que pode permitirse soñar coa fase de ascenso unha semana máis e que, a falta de nove puntos por xogarse, deixa a permanencia case finiquitada de xeito matemático. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario