Pouco máis dun mes para o final da liga e o camiño a Alacant segue sendo unha opción real para un Compos que depende de si mesmo. Esta parada pasa por superar ao Navalcarnero no Vero Boquete, nun partido onde os tres puntos valerán ouro e no que a unión entre equipo e afección apunta a ser aínda maior con respecto ao partido de hai dúas semanas fronte ao único equipo capaz de superar aos nosos nunha gran primeira volta, moi diferente á que está a ser esta segunda.
Sen perder de vista ao líder.
O Navalcarnero está a facer una grandísima tempada nesta estrea da Segunda RFEF. Un equipo, o madrileño, que na casa está a ser do mellor da categoría, só superados polo Unión Adarve, e que completa con boas saídas e, sobre todo, poucos empates. Non obstante, un mal momento polo que están a pasar fai que o cadro navalcarnereño non puidera aproveitar tampouco os tropezóns do Unión Adarve, quedando agora a 7 puntos.
Terceiros, despois de superar ao Compos hai un mes na táboa, suman agora 47 puntos, con 7 sobre o sexto e aos mesmos por debaixo dun líder que podería estar preto de deixar o seu posto por primeira vez en meses. Gañaron, en total, 14 partidos sendo o terceiro equipo con máis triunfos. En canto a empates, algo habitual na capital galega este curso, só sumaron 5 sendo o segundo equipo con menos reparto de puntos. E hai que sumar 9 derrotas, equipo que máis veces perdeu de entre os seis primeiros. A maiores, hai que engadir que anotaron 32 goles e encaixaron 27, sendo o segundo equipo con menos gol a favor dos oito primeiros e o cuarto que menos encaixa de toda a liga.
Fóra da casa, os números tampouco son nada malos. Un total de 17 puntos lonxe do Mariano González e algo moi claro: ou gañan, ou perden, pero non lles gusta empatar. Só volveron cun reparto de puntos das visitas a Pontevedra e Langreo, sendo nos dous casos sen goles. A maiores, gañaron un total de 5 encontros, o primeiro xa case en novembro, chegando 4 deles con triunfo pola mínima; e perderon 7 sendo só en dúas ocasións pola mínima.
Polo de agora, está a destacar o gardameta madrileño Aitor González. Xunto cunha gran defensa, o porteiro foi o titular indiscutible no que levamos de campaña faltando só a unha cita. Un dos menos goleados do campionato e un seguro baixo os paus acompañado dunha gran defensa na que se atopa, tamén sen rival no seu oco, o ex do Compos David Uña, que volverá á que foi á súa casa durante dous anos.
Galiza non se lles dá ben.
Seguimos falando un pouco do noso seguinte rival. O Navalcarnero visitou xa Vilagarcía, Pontevedra, Carballo e Vigo sacando, como o máis positivo, 4 puntos de 12 posibles. E é que ao conxunto madrileño non se lle está a dar ben viaxar a Galiza. Non obstante, non é algo de agora xa que na tempada 18/19 só puideron facer 3 puntos de 15 posibles.
Tampouco se lles dá ben ao resto de madrileños vir a Santiago. Se ben é certo que nos últimos anos non coincidiron no mesmo grupo na Segunda B, a última derrota branquiazul contra un equipo da capital española data do ano 2003. Foi contra o Getafe e os goles correrían da conta de Craioveanu, Vivar Dorado e Míchel Carrilero para os madrileños. Sequeiros fixo o 1-3 definitivo.
Esta mesma tempada, pasaron polo Vero Boquete o Móstoles, que caeu por 3 goles a 1, e o Leganés, que fixo o propio pola mínima. Só o Unión Adarve foi quen de saír cun empate, a un gol.
O único capaz.
Se ben é certo que a primeira parte do campionato está repleta de empates, o Navalcarnero pode presumir de ser o único equipo que gañou aos homes de Rodri Veiga en toda a primeira volta. O conxunto madrileño fixo valer o seu campo, do que saíron moi poucos puntos, chegando ao tempo de lecer co resultado inicial no marcador. E aproveitando as xa tan coñecidas baixadas de tensión dos nosos logo do paso por vestiarios, conseguiron adiantarse cun gol de Meseguer. Por sorte, Escudero non tardou en igualar as cousas desde os once metros pero Mendes, en menos de dous minutos, fixo o 2-1 definitivo.
Despois, o cadro branquiazul seguiría sumando ata a chegada deste novo ano, que as cousas cambiaron radicalmente sumando outras catro derrotas máis.
Hai luz.
Pasamos de falar desa única derrota da primeira volta a falar do mal camiño que está a levar ao Compos dende o comezo do 2022. Só triunfos contra Salamanca e Leganés B, e ata un total de cinco empates, tres deles nas últimas seis datas. A iso hai que engadirlle catro derrotas, tres delas na xeira negativa que está a levar o equipo nas últimas semanas sumando xa seis partidos sen coñecer a vitoria.
Dende a visita do Salamanca, aínda correspondente á primeira volta, o equipo baixou moito o rendemento e o clube sumiuse nunha mala dinámica perdendo afeccionados nas bancadas e nacendo un rumor sobre unha máis que posible venda do clube. A partir de aí, empate sen goles contra o Arenteiro e derrotas, de forma consecutiva, contra Bergantiños, Marino de Luanco, Llanera e Gimnástica Segoviana para volver, con bo pé e ganas, aos empates contra dous rivais da zona alta: Coruxo e Unión Adarve.
O xogo do equipo dá a pensar en positivo. As sensacións son moito mellores que hai un mes e a xente do filial chega con forza para axudar neste treito final do campionato.
Por pouco.
Falemos agora desas sensacións que deixou o equipo, malia as numerosas baixas, no Vicente del Bosque. A pasada fin de semana, os nosos visitaron a casa do líder. Un partido que se presumía moi complicado, nun campo do que apenas saíron puntos e no que o Compos non só deu a cara senón que, ademais, tivo a vitoria moi preto.
Baleato arrincou o partido cun gran gol aos cinco minutos. Unha volea desde a frontal ante a que nada puido facer o porteiro local. Era unha gran forma de comezar un encontro que tivo nos nosos un dominador claro durante, aproximadamente, vinte minutos. Despois aparecerían os homes de Diego Nogales para aproveitar erros e, coa velocidade no seu xogo, bater a Pato levando o partido ao tempo de lecer con empate. Non obstante, con ese resultado, o Compos non perdera no que levamos de tempada e así seguiu a ser grazas a un gol de Escudero a pase de Jordan. Por desgraza, no treito final, o Adarve tirou de corazón e conseguiron o tanto do empate, merecido.
Menos sorte tivo o Navalcarnero recibindo a un Pontevedra que quería aproveitar ese empate do líder. Un partido con polémica con ata dous penaltis non sinalado aos locais e un total de 8 cartóns amarelos. No bo deste deporte, os goles, chegaron da man, ou co teléfono, de Brais Abelenda. O ex do Compos fixo o primeiro aproveitando un erro defensivo e o segundo desde os punto da pena máxima antes do tempo de lecer, chegando con tranquilidade a un segundo tempo no que se lle resistiu o gol aos madrileños.
Volven.
Despois de varias semanas fóra dos terreos de xogo, esta fin de semana podería volver a ocupar o seu posto na banda Parapar. O extremo coruñés xogou parte do partido en Luanco e, por lesión, foi baixa ata agora. Tamén Joel podería pelexar por ser o acompañante de Casas este domingo no centro da defensa logo de tres semanas fóra. Os que si parece que non chegarán son Samu e Fer Beltrán, deixando un oco no centro do campo que podería volver ocupar esta fin de semana Mario, xogador do Sigüeiro. Tamén apunta a baixa Matías Vesprini, que leva varias semanas fóra do equipo.
Por outra parte, hai que volver falar de apercibidos. Primo, Casas e Pablo Antas non estarían na visita a Avilés no caso de ver un cartón amarelo nesta nova cita.
Apunta a bo ambiente.
Como hai dúas semanas, todo apunta a que este domingo haberá un bo ambiente nas bancadas do Vero Boquete. Con invitacións para abonados repartidas durante toda a semana e un bo tempo que invita a asistir ao mellor partido da xornada, semella que a imaxe da bancada será moi semellante á do derbi diante do Coruxo. Non obstante, para quen non puidera facerse cunha desas invitacións de balde, as entradas estarán dispoñibles a un prezo de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para menores de 18 anos. Están xa dispoñibles na web e o estarán nas billeteiras o día de partido.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da TVG, seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio' en Twitch.

Ningún comentario:
Publicar un comentario