O Compos sabe sufrir

 O Compos sacou un empate de ouro na súa visita ao campo do Unión Adarve, do que antes só saíran 7 puntos no que levamos de tempada. Partido moi difícil, cos nosos adiantándose ata en dúas ocasións e sufrindo ata o final para asinar un empate moi importante do que sacar, sobre todo, moi boas sensacións. Con moitos trocos, moitas ausencias importantes e a estrea como titular de Mario, que xogou os noventa minutos; Baleato e Escudero fixeron os dous golazos branquiazuis mentres que Montejo e Ramos fixeron o propio para o líder. 

 Mellor comezo non puido haber. Unha boa saída dos nosos ao partido, dando a cara e adiantándose aos cinco minutos cun gran gol de Baleato de volea dende fóra da área. Sería a mellor maneira de arrincar un partido dominado polos, hoxe, de negro ata os quince minutos, cando espertou o Unión Adarve e buscou quitar a posesión do esférico aos nosos e probar, cando non o tiñan tan fácil, á contra.

 Pouco tardaron en probar a Pato, que tivo unha gran actuación, e superado o ecuador do primeiro tempo, aproveitando un erro defensivo, asinaron o primeiro empate do xogo cun gran disparo de Montejo ante o que nada puido facer o gardameta uruguaio. Sería, con este empate, co que se chegaría ao tempo de lecer e non por falta de oportunidades branquiazuis, aínda que sen poñer en serios problemas ao gardameta local. 

 Contra todo. 

 A segunda metade foi un pouco semellante ao treito final da primeira. O Compos esperou atrás para saír á contra co balón xogado. Sen presa pero sen pausa, os de Rodri agardaron quince minutos para poñer en perigo aos rivais cunha gran contra liderada por Jordan que acaba con asistencia a Escudero e gol a pracer do xa máximo goleador en solitario do equipo. 

 Por diante no marcador e con media hora ata o final, era o momento de demostrar que este equipo sabe sufrir. Metidos en campo propio, sen case oportunidades para facer o terceiro que podería matar o encontro, os galegos aguantaron con todo e contra todo un Adarve moi ofensivo e que non deixou case en ningún momento as inmediacións da portería de Pato. 

 Moitas ocasións, moito traballo para a defensa e un balón ao pau facían pensar que estaba máis preto o empate ca o terceiro gol visitante. E así foi. Da maneira máis cruel, no minuto 92, Ramos fixo o tanto do empate nunha xogada embarullada despois dun córner sendo así a sentenza a un gran encontro do Compos. 

 Segundo empate consecutivo contra un rival forte e mellorando as sensacións de cara ao final da tempada para un equipo que terá que recibir ao Navalcarnero a vindeira fin de semana nun partido que debe ser outra gran final co obxectivo máis en xogo ca nunca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario