O Compos segue sen erguer cabeza. Unha nova derrota, segunda na casa, para un equipo que non consegue facer un bo xogo, que comete erros graves en defensa e que de cara a portería erra as ocasións máis claras. Un Compos que ten por diante un mes de liga moi duro, fóra dos postos de promoción de ascenso e coa promoción de permanencia moi preto, cunhas sensacións pésimas e un vestiario que non parece estar pasando polo seu mellor momento cunha ruptura co corpo técnico.
O partido non puido comezar da mellor maneira. Unha oportunidade, sen gran perigo, sobre a portería visitante e a primeira entrada do xogo, que custou un cartón amarelo para Baleato. Un minuto despois, gol do Navalcarnero na reanudación da mesma falta e obra de Marcos Mendes, que xa marcara no partido da primeira volta.
Con moito tempo para poder darlle a volta ao marcador, non tardou en chegar a primeira ocasión de serio perigo. Contraataque liderado por Antas, balón para Mella e éste busca a Durán, que non chega por moi pouco. O Compos parecía estar entrando no partido Na outra área, tamén o Navalcarnero quixo buscar o segundo, atopándose cun Guille Torres providencial ao corte.
E se falamos da ocasión á que non chegou Durán por moi pouco, hai que falar de tres minutos que foron chave para o transcurso do encontro. Primeiro, un disparo de Roque desde fóra da área que non atopou o camiño á porta por moi pouco. Un minuto despois, sería Escudero o que perdoou diante do porteiro unha ocasión clarísima. E do que podería ser o empate, unha vez máis, pasamos ao gol rival. Un disparo que non consegue atrapar Pato, queda morto na liña e só ten que empurrar Loren para encamiñar o triunfo madrileño.
Antes do tempo de lecer, chegarían outras dúas oportunidades con perigo a prol do cadro de Rodri Veiga. Primeiro, un testarazo de Jordan que salva o gardameta e nos últimos intres, sería Escudero o que perdoaría logo dunha gran xogada individual de Roque marchando con calidade dos contrarios.
Non se puido.
A segunda metade foi un pouco máis do mesmo. O Compos manexou, sen grandes complicacións, a posesión do esférico diante dun Navalcarnero que meteu o autobús diante da súa portería e buscou perder todo o tempo posible. Ademais, sería o conxunto madrileño o que levaría as mellores oportunidades á portería dun Pato que evitou ata tres goles cantados.
Na porta visitante, fixo falta unha xogada a balón parado para ver un gol. Un córner que non perdoou Álvaro Casas aumentando a tensión nos minutos finais, onde o Navalcarnero buscou non xogar demasiado e, sobre todo, defendeu con todo. Aínda así, Primo tivo nas súas botas o que podería ser o tanto do empate mandando o esférico ás nubes.
Agora, fóra dos postos de promoción de ascenso, toca pensar na crucial visita a Avilés. Un partido, o do sábado, que marcará o futuro máis próximo do equipo, co descenso non moi lonxe.

Ningún comentario:
Publicar un comentario