Un clásico

 Este domingo, un novo tren pasa para un Compos inmerso nunha das peores dinámicas de resultados da súa historia recente. Aínda con opcións matemáticas de pelexar pola fase de ascenso, con catro xornadas por diante contra tres rivais que se xogan a vida nesta cuarta categoría do fútbol español, o cadro de Rodri Veiga debe facer a súa segunda vitoria desta segunda volta, terceira no 2022. Diante, esta fin de semana, un Arosa que afronta este treito final con opcións de saír dos postos máis baixos da clasificación e asinar a permanencia. 

 Problemas nas áreas. 

 O Arosa chega a este treito final de tempada con problemas nas áreas que adían aínda a súa permanencia na Segunda RFEF. O equipo agora dirixido por Luisito, tomando o cargo de Xurxo Otero hai poucos días, conta con problemas nas dúas áreas situándose nunha posición perigosa na táboa, aínda que con claras opcións de salvación dada a gran igualdade que hai no grupo. 

 A catro xornadas para o final, os vilagarciáns ocupan a 15ª posición da táboa con 35 puntos. Un equipo que foi quen de gañar un total de 9 partidos, empatar 8 e perder 13, sendo un dos equipos que máis veces acabou sen puntuar. A iso hai que engadirlle que anotaron un total de 29 goles, sendo o terceiro equipo con menos acerto de cara á porta rival, e que encaixaron 42, superados neste aspecto tamén por outros dous equipos da zona baixa. 

 Fóra da Lomba, o Arosa non foi quen de sacar grandes resultados convertíndose nun dos equipos máis febles lonxe da casa. 3 vitorias, marcando en todas dous ou máis goles; e outros tantos empates, todos a un gol. Ademais, 9 derrotas para un equipo que só foi quen de deixar a súa porta a cero na visita a Luanco, na segunda xornada. 

 A nivel individual, está a destacar a presenza na área rival de Luismi. O vigués suma xa 9 goles sendo o referente ofensivo do equipo. A parte, contan con xente de futuro como Porrúa ou Fontán así como futbolistas xa experimentados como son Sidibé ou Pedro Beda. Entre eles, dous ex Compos: Róber e Mon, que xogará por primeira vez un partido oficial na que foi a súa casa. 

 Un clásico do fútbol galego. 

 Compos e Arosa son tan vellos coñecidos que se enfrontaron por primeira vez en 1963, no primeiro curso dos santiagueses na Terceira división. A partir de aí, moitos cursos da man na Terceira división, na Segunda B e, agora, na Segunda RFEF sendo o terceiro equipo contra o que máis veces se viron as caras os nosos, despois de Lugo e Racing de Ferrol.

 Esta longa historia conta con máis de 30 capítulos e un claro gañador. De 36 partidos, o Compos levou un total de 22, conseguindo bos resultados tanto en Santiago coma en Vilagarcía. 9 empates, que a día de hoxe están tan de moda na capital galega, e só 5 derrotas, con gran parte delas en terras arousás. A maiores, engadir que a Esedé fixo contra eles un total de 65 goles e encaixou só 25 contando cunha diferenza máis que significativa. 

 En Santiago, tanto en Santa Isabel coma no Vero Boquete de San Lázaro, as diferenzas son aínda maiores. De 18 partidos, 13 acabaron con triunfo local e 4 con empate. Só 1 derrota que data do ano 2018. Hai que engadir que só un partido acabou sen goles dos nosos, nun empate a cero, mentres que no resto houbo que falar de ata 50 dianas, con 39 a favor e 11 en contra.

 Na última visita dos arlequinados a Santiago, o Compos sacou o mellor de si mesmo e despois de non ser quen de ver portería, malia intentalo e merecelo, no primeiro tempo, Josiño fixo xustiza no arrinque do segundo cun gran gol desde a frontal. O segundo, obra de Brais Abelenda, chegou á contra no treito final cun dos mellores goles dos últimos anos. 

 En canto ao que pasou na primeira volta, hai que falar da última vitoria dos nosos a domicilio acompañada de polémica no gol. Un gol de Jordan que arrinca cunha man de Pato fóra da área e que remata despois dunha contra ben levada por Rafa Mella. Despois, un gol anulado ao Arosa e un penalti para os locais que detén o porteiro uruguaio. 

 Diferente chegada. 

 Os dous equipos chegan a esta cita nun momento máis que mellorable. O Compos, nunha dinámica difícil de empeorar. O Arosa, con adestrador novo e o obxectivo da permanencia a tres puntos despois de facer 5 dos últimos 15 puntos en xogo. Os dous, obrigados a gañar. A pasada fin de semana, empates. 

 En Avilés, o Compos foi quen de adiantarse ata en dúas ocasións. Pablo Durán no primeiro tempo e Pablo Antas no segundo foron os autores dos goles branquiazuis que se viron igualados por Sergio García e Morcillo. No treito final, os nosos non foron quen de repetir a vitoria da primeira volta contra os avilesinos cun resultado que non beneficiou a ninguén. 

 Pola súa parte, na Lomba, na estrea de Luisito como adestrador do Arosa, mellorou a intensidade no conxunto arlequinado e puideron incluso adiantarse superada a media hora de xogo grazas a un gol de Cotilla. Contra un Pontevedra sen sorte nin acerto, non foron quen de facer un segundo gol encaixando, a dez minutos para o final, o empate nun erro defensivo. Punto insuficiente para o Arosa e para un Pontevedra que, unha semana despois, volveu perder o primeiro posto.

 A lei do ex? 

 Sen ningún ex-Arosa nas filas do Compos, si hai que falar de ata tres integrantes do conxunto da capital agora nas filas do conxunto arlequinado. Luisito, agora adestrador, formouse no conxunto branquiazul chegando a xogar no filial antes de saír. Mon, chegado no treito final da súa preparación á base compostelanista, foi peza importante durante anos no equipo de Yago Iglesias, e Rober, que foi campión co equipo na 17/18. 

 Luisito, que deixou o Compos hai máis de 30 anos, volverá enfrontarse ao equipo no que se formou como xogador, facéndoo de novo como adestrador doutro dos equipos nos que tivo a oportunidade de medrar como futbolista. Como adestrador, enfrontouse aos seus ex con Cidade de Santiago, CD Ourense, Racing de Ferrol, Pontevedra e Fabril. Un total de 13 encontros con 7 vitorias da Esedé, 2 empates e 4 para os do adestrador de Teo. 

 Mon, pola súa parte, será a primeira vez que xogue na que foi a súa casa ata 2019. Polo menos, así será en partido oficial, xa que participou no amigable deste mesmo verán. O ex capitán, que sumou case 150 partidos coa elástica branquiazul, terá a oportunidade de medirse aos seus ex compañeiros, chegando a coincidir con moitos deles en anos anteriores. 

 E rematamos con Róber, xogador que non tivo sorte esta tempada lesionándose de gravidade na primeira volta e que podería entrar nunha convocatoria despois de moito tempo. O porriñés pasou polas filas do Compos na 2017/18 formando parte daquel equipo que sumou a primeira liga branquiazul da 'era Yago Iglesias'. Antes, xa sabía o que era marcarlle aos que serían os seus compañeiros con ata tres goles en dous partidos co Choco. Despois, co Ourense CF, volvería ver porta contra a Esedé nunha das dúas ocasións nas que se enfrontaría. Co Arosa, onde está dende 2019, será a primeira vez que teña a oportunidade de xogar contra os seus ex, no caso de que poida chegar ben fisicamente e o adestrador vexa oportuno darlle algún minuto.

 Volve o capitán. 

 Nova cita e hai que falar de baixas pero tamén dunha peza importante que volve ao equipo. Álvaro Casas, que foi baixa por sanción en Avilés, volverá ao equipo esta xornada mentres que outro dos capitáns, Pablo Antas, será baixa tamén por acumulación de amoestacións, como xa o foi hai uns meses cumprindo agora o segundo ciclo de amoestacións. Xunto a el, Vesprini e Samu poderían ser baixa unha semana máis. 

 Invasión arousá. 

 Penúltima cita no Vero Boquete deste curso e os dous equipos chegan cos obxectivos aínda lonxe. Para isto, o Arosa quere converter San Lázaro na Lomba e farano con ata 250 entradas mandadas a Vilagarcía e buses gratis ata a capital para o partido, que arrincará este domingo ás 12 da mañá. Por outro lado, as entradas nas billeteiras do estadio estarán dispoñibles, coma sempre, a un prezo de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para menores de 18 anos. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido en directo na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitalo en 'Esedé Radio' en Twitch.

Ningún comentario:

Publicar un comentario