O Compos segue sen saber o que é gañar a domicilio neste 2022. En Avilés, o equipo de Rodri Veiga chegou a adiantarse ata en dúas ocasións pero, unha semana máis, foi incapaz de manter o resultado nun xogo semellante ao que os dous equipos fixeron no Vero Boquete, con ocasións suficientes por parte dos nosos para sacar algo mellor do primeiro tempo. Pablo Durán, que segue a mellorar os seus rexistros, e Pablo Antas, que marcou o seu primeiro gol sen ser de penalti, asinaron os tantos compostelanistas mentres que Sergio García e Morcillo fixeron o propio para os avilesinos.
O encontro comezou cun guión moi claro: balón para os locais e o Compos buscando arrincar as xogadas a través de Pato e balóns longos, sen buscar a saída en curto, e obtendo así as mellores oportunidades do primeiro tempo. De feito, Pablo Durán e Jordan avisaron no mellor momento ofensivo chegando, en menos de cinco minutos, o gol do tomiñés aproveitando un erro do porteiro, que non consegue atrapar o esférico a escasos centímetros da liña de gol e aparecendo o dianteiro para empurrar a pelota facendo o seu sexto tanto da tempada.
Aguantar o resultado semella ser unha materia pendente para este equipo e no Román Suárez Puerta non foi menos. Nin dez minutos tardou o Avilés, cun disparo desde a frontal imparable, para igualar o resultado por primeira vez no que vai de curso.
Antes do tempo de lecer, Parapar incluso puido facer un segundo gol nun man a man co porteiro perdoando outra ocasión.
Repetimos.
Como hai dúas semanas contra o Adarve, o segundo tempo perdeu intensidade e, sobre todo, ocasións. Co paso dos minutos, as xogadas a balón parado cobraron aínda máis importancia vendo, unha vez máis, un baixón de intensidade que non mellorou nin coa entrada de xogadores de refresco. E falando dese tipo de xogadas, dos corners máis exactamente, hai que contar que os nosos volveron ver porta así por segundo partido consecutivo, nesta ocasión cun testarazo de Pablo Antas.
Unha vez máis por diante e tocaba aguantar o resultado. Hai dúas semanas, no campo do Adarve, a sorte acabou no engadido e nesta ocasión durou unicamente dez minutos. Saque de curruncho e gol de Morcillo superando á defensa. Así podería chegar tamén un terceiro sobre a portería de Pato cos nosos incapaces de achegarse á meta contraria.
Un novo empate, unha nova xornada sen gañar e as pantasmas do descenso, achegándose á mesma vez que se distancian os postos de promoción de ascenso. Un equipo ao que lle custa moito facer gol e que en defensa é moi brando recibindo goles de maneira habitual.

Ningún comentario:
Publicar un comentario