Un mes por diante e chega a recta definitiva que marcará, sobre todo, a nota final dun Compos que caeu, unha volta despois, dos postos de promoción de ascenso. Inmersos na peor xeira de resultados dos últimos anos, e con sensacións mellorables, o equipo de Rodri Veiga ten o obxectivo principal, ou polo menos o que era ao comezo do curso, a só dous puntos. Unha pelexa pola que hai ata seis equipos e un triple empate a 40 puntos no que sae beneficiado o cadro da capital galega.
Comezamos este treito final contra un dos equipos que, malia ter opcións por puntos de estar tamén na pelexa, tentará facerse cos tres puntos para alonxarse dos postos de descenso, agora mesmo a dous puntos e salvando a promoción de permanencia grazas á vantaxe individual coa Gimnástica Segoviana. Falamos dun Real Avilés que chegou ao Vero Boquete, na primeira volta, como un dos equipos fortes da categoría e que agora terá que deixar todo no campo para non caer á actual quinta categoría do fútbol español.
De máis a menos.
O Real Avilés non está a pasar por unha tempada nada cómoda. Un equipo que pechou a primeira volta a só un punto do quinto clasificado e que agora está a seis, nunha clasificación moi apretada. Agora, o equipo que cambiou de adestrador hai menos de un mes, coa dimisión do anterior encargado de intentar levar ao equipo asturiano ao obxectivo.
A día de hoxe, o cadro avilesino suma un total de 36 puntos. 8 triunfos, sendo o segundo equipo que menos veces sumou de tres no campionato, e 12 empates para o equipo que menos derrotas encadeou dos rivais da zona media-baixa, cun total de 9. A iso hai que sumarlle que anotaron e encaixaron o mesmo número de goles, 32.
En canto ao feito no Román Suárez Puerta, asinaron 20 puntos como locais, sendo o terceiro equipo que menos puntuou diante da súa afección. Gañaron 5 partidos, todos pola mínima agás contra o Ceares e recibindo un gol en todas menos ante o Salamanca. Outros 5 empates, repetindo ata en tres ocasións o 2-2 e só un sen goles. E caeron en 4 ocasións, co Pontevedra sendo o único equipo capaz de superalos por máis dun gol de diferenza.
A nivel individual, nun equipo con xogadores con pasado no fútbol profesional como son Natalio ou Cedrick, está a destacar a base de goles Ródenas. 11 tantos suma o dianteiro alacantino facendo unha parella con gran perigo con Natalio, autor doutros 9 goles que os convirte nunha das duplas con máis acerto de cara a porta.
Unha longa historia.
Avilés e Compos non será a primeira vez que se vexan as caras en terras asturianas nin moito menos. Ata 11 veces o fixeron antes entre liga e Copa do Rei dende os anos 60, na Terceira división. Un bo número de visitas pero non así de resultados positivos para unha Esedé que só foi quen de volver cos tres puntos en 2 citas, nas dúas superando ao rival pola mínima. Outras 3 acabaron con empate, repetindo o 1-1 en dúas e sen goles na terceira. E a iso hai que engadirlle ata 6 derrotas, sendo só unha cunha vantaxe mínima a prol dos locais.
Na última visita dos nosos ao Román Suárez Puerta, que data do ano 2015, a vitoria caeu do lado galego. Un solitario gol de Quim Araújo serviu ao cadro dirixido por Iñaki Alonso para achegarse un pouco máis aos postos altos da Segunda B. Daquel equipo podería repetir este sábado Jimmy, titular en dita cita.
En canto ao que pasou na primeira volta, o Compos tamén pode contar a historia con bos recordos. Parapar abriu a lata no primeiro tempo e Natalio non tardou en igualar, antes do tempo de lecer. Na segunda parte, Baleato e Jordan puxeron terra de por medio mentres que Adrián Gómez, sen tempo de remontar, anotou o 3-2 final nun partido que acabou con polémica e gran enfado na directiva asturiana co colectivo arbitral.
Cero.
A pasada fin de semana non puido deixar bos resultados a ningún dos dous equipos que se ven as caras esta fin de semana en Avilés. Os dous, contra rivais da zona máis alta da clasificación e quedando sen puntos nunha dura fin de semana na que segue a igualarse moito a táboa.
En San Lázaro, o Compos recibía ao Navalcarnero coa obriga de gañar para saír dunha dinámica de resultados pésima. Non obstante, o conxunto madrileño foi mellor e non tardou en demostrar o seu bo momento, facendo o primeiro antes dos dez minutos aproveitando un erro defensivo. O segundo, superada a media hora, deixou KO a un equipo que malia manexar a posesión do esférico non foi quen de crear serio perigo. Sería Álvaro Casas, nun córner, o encargado de recortar diferenzas poñendo o 1-2 final.
Menos sorte aínda tivo o Avilés. En Pasarón, puxéronse por diante no marcador aos cinco minutos cun gol de Iago Díaz. Churre empatou superada a media hora e Natalio non tardou nin dous minutos en, de novo, adiantar aos seus. Na segunda metade, Rufo volveu poñer a igualada no luminoso e Charles, sen case tempo de reacción posible, desatou a tolemia no campo granate poñendo ao seu equipo líder por primeira vez no curso.
Xa non é igual.
Chega o momento definitivo da tempada e, por diante, cinco rivais da zona baixa da clasificación. Cinco partidos que, na primeira volta, supuxeron a mellor xeira de resultados do Compos cun total de 13 puntos de 15 posibles para pechar unha primeira volta de maneira case perfecta. Non obstante, as sensacións xa non son as mesmas, o equipo non pasa polo mellor estado físico e mental e as aspiracións, por parte da directiva, semellan ser diferentes.
A parte de todo iso, os equipos asturianos non se lle deron ben aos nosos nesta segunda volta. O 2022 está a ser moi difícil para os nosos e por detrás quedan as derrotas contra Llanera, en Santiago, e Marino, en Luanco, pola mínima. A eses dous partidos hai que sumarlles a derrota en Segovia, tres empates e outras dúas caídas máis. E é que o Compos non gaña dende a visita do Salamanca a Santiago, o 23 de febreiro. Case dous meses. Sen dúbida, unha xeira dun equipo que non apunta á zona alta...
Cae Casas.
A pasada fin de semana houbo que falar da volta de Parapar e a recuperación de Joel, aínda que quedou fóra da convocatoria xa no campo, e hoxe hai que contar que Álvaro Casas non viaxará a Asturias. O capitán, que foi titular en todos os partidos sendo o único xunto con Pato, cumprirá sanción esta fin de semana por acumulación de amoestacións. Vesprini e Samu serán tamén baixa mentres que todo apunta á repetición de Mario na lista. A parte, Primo e Antas chegan unha semana máis como apercibidos, poñendo en perigo o derbi contra o Arosa, xa con novo adestrador.
Sobremesa do sábado.
Volvemos a un partido o sábado, e serán tres como mínimo no que resta de tempada cos horarios que xa coñecemos, e á hora da sobremesa. O Román Suárez Puerta de Avilés abrirá as súas portas para acoller o partido ás 16:30, coa entrada posible ao campo dende unha hora antes. Ademais, o clube asturiano habilitará unha 'fan zone' dende o mediodía. Para o encontro, as entradas, xa dispoñibles na súa web, terán un prezo de 15 euros mentres que os menores de 18 anos pasan de balde.
Para quen non poida desprazarse, poderá verse a través de Footters e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario