Visitamos ao líder

 Comeza o mes de abril, o treito definitivo e máis importante da tempada, e o Compos ten que enfrontarse ao líder da categoría, metido tamén nunha mala dinámica nesta segunda volta e co seu posto privilexiado máis en perigo ca nunca. Un partido moi difícil, no campo do que menos puntos saíron ata o de agora e un Adarve que, na casa, é imparable. 

 O mellor local. 

 O Unión Adarve, gran líder, chega a esta cita nun mal momento da tempada, despois de só gañar dous partidos nos últimos dous meses. Un líder xa non destacado e que podería perder o seu posto privilexiado de non puntuar este domingo en favor dun Pontevedra que, malia tampouco pasar por unha boa segunda volta, podería ter na man, con algo de axuda, o seu obxectivo principal. 

 Primeiros na clasificación dende a xornada 4, mandou na táboa toda a tempada agás durante unha semana, na que foi o Compos o líder. Agora, con 53 puntos, teñen a só 3 ao Pontevedra e a 6 ao Navalcarnero, quedando a diferenza con Bergantiños, Compos e Coruxo por riba dos 10 puntos, manténdose aínda sen problemas para asegurar, como mínimo, a fase de ascenso. Isto é grazas a 15 triunfos, 8 empates e só 4 derrotas. Un equipo que sumou 45 goles a favor, só superados polo Pontevedra, e que encaixou un total de 27, sendo o quinto equipo nesta lista. 

 Na casa, o Vicente del Bosque, poucos puntos deixaron saír. Só o Salamanca foi quen de sacarlles un empate en terras madrileñas mentres que Palencia Cristo Atlético e Avilés Industrial volveron á casa cos tres puntos. Os tres resultados, entre os catro últimos partidos do conxunto adestrado por Diego Nogales. A parte, ata dez triunfos, seis deles pola mínima. 

 A nivel individual, está a destacar a presenza en ataque de Portero. O dianteiro fixo 12 goles no que vai de tempada acompañado de Montejo, autor doutros 11, sendo unha parella ofensiva moi perigosa. Ademais, entre os dous asinaron 15 goles no seu campo. 

 Madrid non se nos dá ben. 

 Xa non é a primeira vez que tocamos este tema e por iso só o pasaremos un pouco por enriba. Pero é que o Compos non gaña en terras madrileñas dende hai máis de vinte anos. A última vez que volveu cos tres puntos data de 1999 e foi fronte ao filial do Atlético de Madrid grazas a un 1-3. 

 Esta mesma tempada, os homes de Rodri Veiga visitaron a comunidade en tres ocasións sacando, como mellor resultado, un empate en Leganés. Fronte ao filial pepineiro, o partido chegou ao treito final con vantaxe galega no luminoso pero acabouse con outro 1-1. En Navalcarnero e Móstoles, o resultado foi de 2-1 nos dous casos. Contra os primeiros sería a primeira derrota da tempada mentres que diante dos segundos, a derrota chegou nos minutos finais. 

 Tampouco se nos deu ben recibir ao Unión Adarve en San Lázaro. Unha mañá de domingo, con bo tempo e que nos deixou un golazo de falta de Matías Vesprini diante dun rival que chegaba con mellor cartel que fútbol. Non obstante, non tiveron moito que facer no segundo tempo, onde o Compos semella quedar sen forzas, para aproveitar unha contra e marcar o gol da igualada, obra de Channarong. 

 Pódese dar o punto por bo. 

 A pasada fin de semana, o Compos saiu vivo da final fronte ao Coruxo. Un partido co quinto posto en xogo e que deixou aos nosos ocupando, unha semana máis eses postos de privilexio permitindo ao equipo depender de si mesmo neste treito final de tempada. Un empate cun Compos superior, que se adiantou grazas a un golazo de Jimmy fronte a un Coruxo que igualou o marcador minutos despois cun tanto de Mateo. 

 Despois de rematar o partido no Vero Boquete, comezou un gran encontro entre os dous primeiros clasificados en Pasarón. Un, con opcións de case asegurar o ascenso directo. O outro, coa misión de reducir diferenzas na táboa. E serían os primeiros, os visitantes, os que chegaron ao tempo de lecer por diante no marcador grazas a un gol de Portero. Rufo igualou o resultado no segundo tempo pero non tardou Calleja en volver poñer por diante aos madrileños. E Charles e Yelko, en menos de cinco minutos, conseguiron remontar e adiantar por primeira vez a un Pontevedra que estará moi atento ao que pase este domingo pola mañá. 

 A segunda volta, para esquecer. 

 Por todos é sabido o mal que o está a pasar o Compos nesta segunda parte do campionato, perdendo incluso as súas opcións de acabar no posto de ascenso directo. Non obstante, tampouco o está a ter nada doado o Adarve nunha segunda volta na que os equipo de abaixo están igualando aínda máis todo, co Coruxo como mostra pasando de ser un equipo de zona baixa a pelexar por estar na fase de ascenso. 

  Dende que comezou o novo ano, só dous triunfos para un equipo, o dirixido por Rodri Veiga, que acabou contra o Coruxo cunha xeira de tres derrotas consecutivas máis que negativa. Ademais, mellorando as sensacións dun equipo que non é nin unha pequena mostra do que foi durante a primeira volta. A día de hoxe, son cinco partidos sen gañar. 

 Pero tampouco o conxunto madrileño está a pasar por un momento bonito. Malia seguir no primeiro posto da táboa, levan dous meses metidos nunha xeira semellante á dos nosos. Dende que comezou o mes de febreiro, só foron quen de gañar a Langreo e Ceares, asinaron outros tres empates e perderon fronte a Palencia e Avilés na casa e Pontevedra a domicilio. 

 Tres apercibidos. 

 Nova cita moi importante e Rodri segue contando coa baixa de Parapar por lesión. Xunto a el, tamén será baixa Joel por unha microrrotura no aductor. A parte, hai que falar de tres xogadores apercibidos de sanción e que non poderían estar contra o Navalcarnero: Casas, Primo e Pablo Antas, tres pezas moi importantes nos onces titulares, perderíanse o que apunta a ser outro partido moi importante. 

 Café e fútbol. 

 Este domingo hai que madrugar algo máis do habitual. O partido, no Municipal Vicente del Bosque, arrincará ás 11 da mañá e será o máis cedo da tempada. Será un horario igual que na visita ao Anxo Carro hai dous anos para enfrontarnos ao filial do Lugo, que rematou con derrota branquiazul. 

 O partido poderá verse a través de Footters así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario