Punto de partida

 O Compos volveu ao camiño dos puntos, sumando un novo empate contra un rival directo e que mantén a pelexa entre os dous coa máxima igualdade. Un partido no que os nosos foron mellores baixo a mirada da mellor entrada da tempada no Vero Boquete pero no que, unha semana máis, faltou acerto para encamiñar un triunfo moi necesario. 

 Sabedores da gran importancia que tiña o partido, os homes de Rodri Veiga saíron a morder. Posesións longas de balón intentando abrir ocos nun Coruxo coas liñas moi xuntas e con gran importancia do xogo polo medio e as bandas buscando a Escudero, referente en ataque ante a falta de Primo no once titular. Sería o ex do Zamora o encargado, a pase de Pablo Durán, de probar fortuna por primeira vez no encontro. 

 O propio Escudero convertiríase, escasos minutos despois, en protagonista outra vez. Un balón por alto que baixa Jimmy tocando de primeiras para facer unha parede co dianteiro e enganar a Alberto cun fermoso golazo. Convertía así o primeiro gol o lateral santiagués no que era o seu partido oficial número 350 coa camisola do Compos. 

 A superioridade branquiazul mantívose uns minutos máis sobre o verde contra un Coruxo que foi de menos a máis e que a piques estivo de recibir un segundo gol, neste caso sen querer. Un mal rexeite da defensa petou en Jordan e foi directo ao pau logo de superar ao porteiro. Era, coma sempre, a ocasión perdoada antes de chegar o castigo rival en forma de tanto do empate, obra de Mateo, nunha xogada rápida pola banda dereita do ataque vigués e que rematou na frontal da área pequena cun gran testarazo. Por sorte, o arreón visitante quedou ai. 

 Sen máis. 

 A segunda metade non nos deixou un gran espectáculo. Sen ocasións nin xogo ofensivo, houbo a sorte de que o Coruxo non buscou a portería dun Pato moi tranquilo nos segundos corenta e cinco minutos. O pouco traballo en defensa, ademais, non deixou grandes complicacións para Casas, Baleato e Guille Torres, que tivo minutos no segundo tempo. 

 Como nota negativa, a actuación do colexiado. Ensinou un gran número de cartóns a xogadores do Compos comezando con Roque nunha das primeiras faltas do partido e puidendo aforrar algún que outro nun partido sen gran dureza. 

 Finalmente, un empate que sabe a pouco dado o bo fútbol realizado polo equipo pero que é suficiente para manterse unha semana máis nos postos privilexiados mentres que os da parte baixa seguen apurando as súas opcións de meterse na pelexa pola quinta posición. E a semana que vén, a polo Unión Adarve.

Ningún comentario:

Publicar un comentario