Como xa se vén dicindo nas últimas datas, o Compos está metido nunha dinámica de resultados moi negativa. Tal dinámica está a levar ao equipo a perder as súas opcións a pelexar por un posto na parte máis alta na clasificación. E agora chega a gran final. Un partido a vida ou morte. As opcións da fase de ascenso do segundo peor equipo da segunda volta contra o mellor. Unha cita para ver as posibilidades dun equipo inmerso na peor xeira de resultados dos últimos anos.
O máis en forma.
Diante, o Coruxo. O equipo dos irmáns Montes, que volveron ao equipo vigués no mes de decembro, chega a esta cita como o equipo máis en forma de toda a liga. Un equipo que non perde dende que o fixo en xaneiro contra o Adarve, que suma dúas caídas dende o cambio de adestrador e, ambas as dúas, a domicilio. Fortes na casa, nos tres campos polos que pasaron volvendo agora ao Vao, e seguros fóra de Vigo a base de moitos goles.
Última fin de semana de novembro. O Coruxo empataba co Bergantiños e chegaba o relevo no banco. Naquel momento, o equipo vigués marchaba antepenúltimo na clasificación e agora ocupan a sexta posición da táboa igualado a puntos cun Compos que daquela tiña ao Pontevedra a só 1 punto e ao Adarve a 6. Arestora, os do Vao suman 38 puntos grazas a 10 triunfos, 8 empates e 8 derrotas. 31 goles a favor e só 23 en contra, chegando á cita como o equipo menos goleado do grupo.
Na casa, ou nas casas xa que foron tres os campos usados polos coruxistas; só caeron contra o Adarve, alá pola xornada 2, mentres que a domicilio os seus números son un pouco máis pobres, igualando tamén a puntuación nese caso cos nosos. Fóra de Vigo conseguiron gañar en Vilagarcía, Avilés e Salamanca mentres que de Carballo, Luanco e Langreo volverían cun empate, sen goles nos dous primeiros casos. No resto de saídas, outras 7, non serían quen de puntuar superando os dous goles de diferenza en Móstoles e Segovia.
A nivel individual, contan cun gran conxunto de xogadores moi importantes na categoría e que dificulta á hora de escoller a un. Antón de Vicente, Alex Ares, Silva, Borja Domingo, Mateo Míguez... e Youssef, que chegou no mercado de inverno e xa é o máximo goleador con 5 tantos, igualando a Chiqui.
Pechamos un mes negro.
O mes de marzo non está a ser o mellor para un Compos que ve alonxarse os primeiros postos da clasificación. O equipo de Rodri Veiga arrincou o mes cuarto, a só 2 puntos do Navalcarnero e a 5 do sexto, e o podería pechar fóra dos postos de privilexio de non puntuar este domingo. Pola súa parte, o Coruxo arrincaba ao mesmo tempo ocupando o noveno posto da táboa a 7 puntos do quinto.
Comezou o mes coa visita branquiazul a Miramar. Luanco, por segundo ano consecutivo, non foi unha boa saída. Un partido malo, sobre un campo en condicións moi mellorables e que se saldou con vitoria local grazas a un gol de Borja Álvarez no segundo tempo. Ese mesmo día, pero pola mañá, o Ceares visitaba Fragoselo e deixaba Vigo horas despois logo de recibir un 3-1 contra un Coruxo moi superior.
Unha semana despois, a visita do Llanera non deixaba mellor resultado no Vero Boquete. Unha ocasión dos asturianos e efectividade total contra un Compos que malia gozar de oportunidades para golear, non foi quen de ver porta chegando aos tres partidos consecutivos sen marcar e segundo sen puntuar. E pola súa parte, no Helmántico, o Coruxo non deixou nada para a imaxinación goleando ao Salamanca por 0-3.
E chegamos á xornada pasada. Partido moi importante en Segovia e gol moi rápido de Pablo Durán para acabar coa mala xeira de cara a portería. Non obstante, a sorte volveu estar de costas a nós e antes da media hora xa remontara a Segoviana, malia contar con dúas oportunidades máis o dianteiro de Tomiño para ampliar diferenzas. E algo semellante pasou na volta do Coruxo ao Vao nun derbi na zona alta contra o Pontevedra cos de verde adiantándose no marcador grazas a un gol de Youssef no primeiro tempo. Churre e Rufo conseguiron dar a volta ao resultado en menos de cinco minutos mentres que Lucas Puime recuperou a igualada no engadido para empatar a puntos cos nosos na clasificación.
Unha longa historia.
Compos e Coruxo son xa vellos coñecidos. Dende 1963, cando se enfrontaron por primeira vez en Santiago, van xa máis dunha vintena de partidos entre santiagueses e vigueses. En Santiago, son xa 12 citas entre os dous, en liga e sen contar a Copa RFEF, con bos precedentes para os nosos na Terceira e non tan bos cando se tratou da categoría de bronce.
Dita historia comezou a base de goleadas a prol dos nosos tanto en Santiago coma en Vigo acabando os dous primeiros partidos en Santa Isabel con 7-0 e 8-1. Dita desigualdade rematou en 1989 co primeiro empate, sen goles, entre os dous en Santiago. Sería o primeiro punto que acadarían na capital e non serían quen de repetir ata 2015, xa na Segunda B para, un ano despois, asinar a única vitoria en liga no Vero Boquete deixando sen opcións de permanencia a un equipo que volvería anos despois para conseguir a derradeira vitoria da 'era Yago Iglesias' no Vero Boquete.
O ano pasado, en xaneiro, Juampa fixo os seus dous únicos tantos coa elástica branquiazul diante dos seus ex. Un dobrete no primeiro tempo que igualaron Silva e Chabboura en poucos minutos, xa no segundo acto. Por sorte, tampouco tardaría Brais Abelenda en facer o 3-2 definitivo na que sería a última vitoria local da tempada.
Pola súa parte, na primeira volta deste curso, o partido non nos deixou goles nin tampouco un gran espectáculo en Ponteareas. Empate a nada entre dous equipos moi separados na clasificación e que agora terán que decidir a clasificación nun momento moi importante da tempada.
Volve Roque.
Para esta cita, vital, Roque volverá estar dispoñible despois de cumprir o seu segundo ciclo de amoestacións. O lateral, titular case indiscutible na súa primeira experiencia senior, volverá cos compañeiros mentres que Parapar apunta a ser baixa unha semana máis. Pola súa parte, Primo chega apercibido unha semana máis e, de ver un cartón amarelo, podería non estar no encontro que medirá ao Compos co Adarve. No mesmo caso está Pablo Antas, despois de ver o noveno cartón na Albuera.
Que non falte ninguén.
Estamos nun momento crucial da tempada. Co equipo nunha dinámica de resultados, é o momento de apoiar máis que nunca a este equipo para saír adiante na que será unha gran final. Por iso, o clube permite a cada abonado retirar unha invitación para un acompañante e volve abrir a opción de adquirir as entradas a través da web. As entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna en 10 euros menos en cada sector para menores de 18 anos.
Para quen non poida asistir, poderá verse na TVG2, seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio', en Twitch.

Ningún comentario:
Publicar un comentario