Sen marxe de erro

 Caer estaba permitido, agora é o tempo de erguerse. Cada partido agora será unha Final para un Compos que quere estar na fase de ascenso que, a falta de confirmación oficial, apunta a que se desputará en Alacant no mes de maio, sendo a sede fixa durante os tres vindeiros anos. Pero, para poder seguir soñando coas eliminatorias e a Primeira RFEF, primeiro hai que superar o mal paso polo que está pasando este equipo dende que comezou este novo ano. Diante, unha Gimnástica Segoviana que tampouco pasa polo seu mellor momento pero que, na casa, non perdeu no que vai de ano. 

 Un gran local.

 A Gimnástica Segoviana pode presumir de ser un dos mellores locais da parte media-baixa da clasificación, só superados polo Langreo. O conxunto castelán está moi forte na súa casa, con varios meses sen coñecer a derrota diante da súa afección, mais sendo incapaces de saír do pozo cos malos resultados a domicilio, sendo o segundo peor visitante só superado polo Ceares. 

 Os de Segovia ocupan a día de hoxe o 16º posto da clasificación cun total de 27 puntos, gran parte deles asinados no La Albuera. Gañaron un total de 6 partidos, todos eles na casa, mentres que conseguiron un total de 9 empates, sendo a maior parte a domicilio. En canto a derrotas, suman 10 caídas sendo o equipo con menos neste sentido dos que están na parte máis baixa da clasificación. 

 Na casa, conseguiron gañar 6 partidos cunha característica que se repetiu en gran parte destas citas: agás contra o Ceares, o resto de vitorias chegaron por máis de un gol de vantaxe. Tamén marcaron en 2 dos 3 empates en Segovia e caeron en 3 citas fronte a Bergantiños, Móstoles e Pontevedra, sendo este último o único capaz de marcarlles máis dun gol. 

 A nivel individual, haberá que ter especial atención con Conde. O dianteiro toledano suma 5 goles no que vai de tempada, os mesmos que Javi Borrego, e chegando todos eles neste mesmo ano. 

 Serios problemas. 

 O Compos comezaba este 2022 nun gran estado. Terceiro, a 3 puntos do Pontevedra e con 5 de vantaxe sobre o sexto clasificado. Metidos nunha boa xeira de resultados, aínda que con moitos empates, cunha das mellores defensas do campionato e 10 dos últimos 12 puntos en xogo no peto. O equipo prometía e semellaba que podería loitar por cotas máis altas na segunda volta. 

 Chegou xaneiro e, con el, os problemas. Máis dun mes sen xogar e tocaba recibir ao Pontevedra no Vero Boquete, un equipo que chegaba nun estado de forma inmellorable e con Rufo recuperado. Un empate contra os granates e dúas saídas consecutivas que se pecharon con 1 punto de 6 posibles. 2 de 9 e o Navalcarnero xa coa medida tomada ao terceiro posto. Por sorte, contra o filial do Leganés, caeu a primeira vitoria do ano. Non obstante, nunha semana dura con triple cita aumentaron os problemas. Derrota dura contra o Bergantiños nas Eiroas, vitoria no adiado contra o Salamanca e novo empate, sen goles, fronte a un Arenteiro moi tocado polas baixas. 

 E de chegar a marzo con tres derrotas no casilleiro, a sumar un 0 de 6 en Luanco e Santiago contra o Llanera. Dous equipos, tres se engadimos ao Arenteiro, da zona baixa da clasificación e que puideron sacar ata 7 puntos de enfrontarse a un equipo que semella ter serios problemas, falando incluso Rodri de división no vestiario no medio de rumores dun posible cambio de donos. 

 Resucitando equipos. 

 Arenteiro, Marino de Luanco, Llanera e agora chega a Gimnástica Segoviana. Cuarto equipo consecutivo que se enfrontará a un Compos que está a dar vida aos rivais da parte máis baixa. Pola súa parte, a Segoviana é un equipo que, malia ser forte na casa, non é quen de sacar bos resultados contra os equipos da parte alta da clasificación. 

 A pasada fin de semana, o Compos volveu deixar saír vivo do partido a un rival da parte baixa da clasificación. Con oportunidades de sobra para sacar unha vitoria, o porteiro do Llanera tivo unha gran actuación sobre o verde e freou aos nosos. Na outra portería, Junior Romaric fixo das súas e, logo de desfacerse de tres contrarios, superou a Pato no man a man. Os locais foron incapaces de superar este golpe da primeira parte sumando un 1 de 9 nas últimas semanas. 

 Pola súa parte, a Gimnástica Segoviana visitaba Pasarón dúas horas despois. Sen Charles, era o momento de que deran un paso adiante na busca do gol outros para saír da mala dinámica que atravesan nas últimas datas. E apareceu Brais Abelenda para, con dous goles, encamiñar un triunfo que pechou Rufo a prol do Pontevedra. Con isto, a Segoviana volvía non puntuar cun equipo da zona alta, facéndoo por última vez en outubro. 

 Precedente cómodo. 

 Sen falar dun bo partido, o Compos superou á Gimnástica Segoviana na primeira volta tratándose do único precedente entre os dous equipos ao longo da historia. Un partido que os nosos solventaron cun 2-0 grazas aos goles de Escudero e Fer Beltrán encadeando a segunda vitoria consecutiva dun equipo que seguiría sumando semanas despois. 

 Esa cita significaría, ademais, a última vitoria relativamente cómoda, contra un rival que non atopou o seu sitio no campo, ata a visita do Salamanca, sendo tamén por dous goles de diferenza aínda que chegando a estar con tres de vantaxe. Entre unha e outra, chegarían as vitorias pola mínima fronte Avilés, Arosa, Langreo e Leganés B, con só a conseguida en Vilagarcía fóra da casa. 

 A todo o anterior hai que engadir que o Compos só gañou un partido fóra de Galiza. Foi na visita ao Llanera, nun partido marcado polas decisións tácticas e dous goles de Pablo Durán. 

 Cun ollo no Vao. 

 Gañar é vital. A visita a Segovia, tal como se está a dar esta segunda volta, é unha Final tan importante como sería a da fase de ascenso. Por detrás chega moi forte un Coruxo ao que a chegada de Jacobo Montes lle sentou moi ben. O conxunto vigués está a só 1 punto dos nosos e recibirá ao Pontevedra só unha hora despois do arrinque do encontro en Segovia. 

 E se isto non é suficiente, a vindeira fin de semana contaremos cun enfrontamento aínda máis importante, vital incluso para as aspiracións dos dous equipos. E é que o cadro vigués, que chega de facer 16 dos últimos 18 puntos en xogo sendo o equipo máis en forma a día de hoxe, visitará Santiago nun partido onde a fase de ascenso estará en xogo con, aínda, sete partidos máis por diante. 

 Unidos. 

 A pasada fin de semana, despois do partido contra o Llanera, Rodri falou de problemas dentro do vestiario. Para este partido, haberá unión total entre o equipo para intentar sacar isto adiante e superar unha cita moi complicada á mesma vez que Pontevedra e Coruxo se ven as caras no reformado O Vao. Para iso, o adestrador branquiazul poderá contar con todo o equipo dispoñible para viaxar e terá que realizar tres descartes. 

 Footters, pórtate ben. 

 Saímos de Galiza e iso quere dicir que teremos que tirar, unha vez máis, de Footters. A plataforma de fútbol en directo que xa non emite a Primeira RFEF volverá ser a única opción de ver o encontro ao completo no que o Compos tentará volver ao camiño da vitoria despois de tres saídas con derrota. O partido, o domingo, dará comezo a partir das 17 horas. Para quen poida viaxar, as entradas terán un prezo de 15 euros na Albuera. 

 Quen, por contra, non teña ningunha das dúas opcións anteriores dispoñibles, poderá verse nalgúns bares da cidade así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario