Os problemas medran

 Un Compos sen ideas, sen acerto, sen solucións... Unha semana máis, este equipo volve deixar moito que desexar sobre o verde contra un rival da zona baixa da clasificación. Un equipo sen xenio, sen actitude, sen sangue e que este sábado non foi quen de puntuar sequera contra un Llanera que tivo dúas ocasións e anotou unha. Pola súa parte, o equipo dun Rodri Veiga que se plantexa o seu futuro, gozou de numerosas ocasións topándose sempre co porteiro do conxunto asturiano. 

 Do partido, pouco que contar. O Llanera chegou a Santiago coa intención de defenderse e sacar algo positivo á contra. Con isto, deron o balón a un Compos con rotacións e que buscou a portería a base de pases horizontais en zona de tres cuartos. Aínda así, o porteiro visitante foi quen de sacar ata catro ocasións moi claras na primeira media hora a Primo, Escudero e Durán, que compartiron a ofensiva do equipo branquiazul. Ningún dos tres foi quen de bater a Mapisa e as oportunidades foron das mellores do que levamos de tempada. 

 E se hai algo que caracteriza ao Compos é que, despois de moito perdoar, chega o castigo. De incomodar ao rival en traballos ofensivos a cometer un gran erro en defensa contra Romaric e permitir que o dianteiro marfileño fixera o tanto que, posteriormente, daría os tres puntos a un Llanera que soña coa permanencia. 

 Na segunda metade, máis do mesmo. Un Compos sen ideas, sen ganas de xogar e que tampouco mellorou co paso dos minutos nin cos trocos destacándose só os laterais con intentos de centros á área despexados sempre polo porteiro ou a defensa. Nada de perigo contra un equipo que non quixo sequera pasar do centro do campo para buscar o segundo gol. Nada de ideas para revertir unha pésima situación. 

 Sen marxe de erro. 

 O obxectivo principal complícase para os nosos. Unha xeira moi negativa con só 1 punto dos 9 últimos en xogo e máis de 300 minutos sen marcar gol. A iso hai que sumarlle que chegou, contra un rival da zona baixa, a primeira derrota da tempada na casa e facendo un xogo mellorable. Con isto, o Coruxo podería achegarse moito na clasificación de gañar o seu partido. 

 Rodri, con dúbidas. 

 Na rolda de prensa posterior ao partido, Rodri deixou ver que hai un vestiario dividido e a posibilidade de que, ao longo da vindeira semana, dimita do seu cargo como adestrador a falta de dous meses para o final dunha tempada que apunta a ser moi complicada en todos os aspectos, incluíndo o rumor da compra do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario